Galicia mobilízase contra as touradas

Concentración de Touradas Fóra de Pontevedra CC-BY TFP

Non rotundo ás touradas. Diversos colectivos mobilízanse en Galicia contra as corridas de touros e contra as subvencións públicas que, dunha ou doutra forma, financian estes eventos que se celebran na Coruña e en Pontevedra e que, na súa opinión, supoñen "un espectáculo cruel e inútil, baseado na tortura, a dor e o ensañamento co touro coma demostra o máis básico sentido común e distintas evidencias científicas".

"É un espectáculo cruel e inútil, baseado na tortura, a dor e o ensañamento co touro"

Este mércores, tanto a entidade Galiza sen Touradas como Touradas Fóra de Pontevedra (TFP) presentaron as protestas que desenvolverán nos vindeiros días e denunciaron o apoio que as corridas reciben por parte de administracións públicas como o Concello da Coruña ou a Deputación pontevedresa. Na cidade do Lérez, TFP e os colectivos que a apoian, presentaron na sede da Subdelegación de Goberno distintos escritos nos que demandan mudanzas no ámbito das touradas.

Touradas Fóra de Pontevedra vén de presentar na Subdelgación do Goberno distintas demandas ás administracións contra as touradas

Así, entre outras reivindicacións dirixidas ao Goberno de España, Touradas Fóra de Pontevedra demanda á Deputación "o cese inmediato das axudas indirectas e encubertas as touradas, que, asemade, son o principal soporte público na cidade". Este organismo entregou 8.559 euros entre 2008 e 2010 para a Xuntanza Anual de Peñas Taurinas e para tres edicións de Conferencias Taurinas que organiza a peña Gin Kas e 50.000 euros en licitacións de publicidade do Padroado de Turismo das Rías Baixas na propia praza de touros durante 2009 e 2010.

Nos últimos tres anos, a Deputación de Pontevedra achegou case 60.000 euros en subvencións ou publicidade

Do mesmo xeito, TFP pide á Xunta "a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade" que no seu artigo exclúe a os touros, o que consideran "un particular absurdo, ridículo e contraditorio que demostra as claras, a imposición e o mantenemento forzoso das touradas por parte de dita Administración". "Esiximos un posicionamento claro da totalidade de deputados e grupos parlamentares en prol das iniciativas abolicionistas que teñen chegado aos diferentes parlamentos, coma o galego, que dispón da competencia normativa na cuestión da protección animal", reclaman.

Ademais, e malia que o Concello pontevedrés non achega cartos a este evento, TFP solicítanlle "a declaración de Pontevedra como Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais", así como "a conversión do Coso de San Roque, actualmente en mans privadas, nun coliseo de uso cultural e social". Por outra banda, o colectivo anuncia diversas mobilizacións nos vindeiros días, como o peche simbólico do devandito coso taurino, o próximo 8 de agosto, e unha manifestación antitouradas que percorrerá a cidade de Pontevedra o 11 de agosto e que sairá da Peregrina. 

Galicia Mellor sen Touradas convoca a cidadanía a unha concentración contra as touradas na Coruña este sábado 4

Pero antes, xa este sábado 4 de agosto, o colectivo Galicia Mellor sen Touradas levará a cabo unha concentración antitaurina o vindeiro sábado día 4 na praza de María Pita a partir das 19 horas. A entidade chama á cidadanía a mobilizarse contra as touradas que se celebran na Coruña esta fin de semana e denuncian a subvención encuberta do Concello a este espectáculo, a pesar de eliminar as achegas directas.

O Concello da Coruña elimina as subvencións directas pero achega gratuítamente infraestruturas por valor de 90.000 euros

Así, Rubén Pérez, voceiro da plataforma, volveu denunciar este mércores "as subvencións que daban os gobernos anteriores ás touradas", pero tamén as encubertas que está a levar a cabo o Goberno local do PP a través "dun novo convenio de explotación da feira" que inclúe a adaptación e obras no Coliseum de forma gratuíta, é dicir os 35.000 euros que custan as obras, ademais doutros 50.000 euros en taxas municipais que non se lle van a cobrar ao empresario taurino, a cesión de forma gratuíta do despacho de billetes público da praza de Ourense para a venda de entradas, do aparcadoiro privado do Coliseum ou da banda municipal de música, "que durante tres días, a ritmo de paso dobre, estará na feira taurina, mentres non se ausentará das festas dos barrios". Segundo Galicia Mellor sen Touradas, as achegas da administración local poderían ascender aos 90.000 euros, sen contar con desmonte da praza de touros e demais infraestruturas.

Rubén Pérez asegura que recibiron "con moita mágoa o desprezo do goberno municipal" en relación coas iniciativas presentadas nos últimos plenos, a través dos grupos da oposición que nos apoian. "Alí os concelleiros do PP rexeitaron calquera debate serio sobre as touradas", lembra.

Na mesma rolda de prensa, César Santiso, voceiro de Esquerda Unida-Os Verdes, considerou que o goberno municipal "está a enganar a veciñanza ao afirmar que non hai subvención ás touradas, cando en realidade o Concello está a utilizar un subterfuxio para seguir apoiando un acto cruel cos animais, a través de subvencións encubertas e a pesar de que en repetidas ocasións o goberno do PP negou de xeito público ningún tipo de subvención".

Concentración de Touradas Fóra de Pontevedra CC-BY TFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.