Galicia perderá uns 13.000 habitantes ao ano na vindeira década

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Galicia seguirá perdendo poboación, como adoita facelo desde hai tempo, polo menos até o ano 2021, segundo se tira das proxeccións poboacionais que este luns publicou o INE. Xa que logo, cada vez haberá menos galegos ao superar as defuncións aos nacementos nos vindeiros dez anos.

Segundo estes datos, en 2012 as proxeccións falan de 21.647 nacementos e 30.859 defuncións, unha tendencia que seguirá a un ritmo semellante na vindeira década, con estimacións de 16.277 e 31.209, respectivamente, no ano 2021. Pero ademais, a este saldo negativo hai que engadirlle o movemento migratorio en Galicia. Seguirá marchando máis xente da que chega. Concretamente, os datos falan de 13.996 e 12.481 emigrantes en 2012 e 2021 respectivamente fronte aos 11.293 e 12.040 inmigrantes que chegarán ao país.

Esta tendencia migratoria vira sobre todo nos movementos poboacionais de inmigracións procedentes do resto de España, con datos inferiores ao longo da década que as emigracións de Galicia cara ao resto do país, con 21.128 inmigracións en 2012 e 18.747 en 2021 fronte ás 20.878 e 17.635 emigracións.

Galicia terá en 2022 menos de 2,6 millóns de habitantes, fronte aos 2,72 da actualidade

Así, e segundo as proxeccións que fai o INE, a progresiva diminución do crecemento natural da poboación e o saldo migratorio negativo ou discreto fará que a poboación residente en Galicia na próxima década pase dos 2.728.903 persoas a 2.599.579 no exercicio 2022, o que suporía un crecemento negativo de -129.324 cidadáns e que implicaría un descenso do 4,7% entre 2012 e 2022, cunha media anual de -12.932.

Esta caída poboacional afectará ás catro provincias galegas, ao pasar de 1.123.734 habitantes na Coruña en 2012 a 1.082.629 en 2022; de 337.259 a 311.831 en Lugo; de 321.223 a 289.847 en Ourense e de 946.686 a 915.272 en Pontevedra.

Na anterior década a poboación aumentou en máis de 35.000 persoas a unha media de 3.500 ao ano

Con estes datos das proxeccións do INE cambiaría a tendencia da pasada década en Galicia, na que o crecemento poboacional foi positivo con 35.170 persoas máis entre 2002 e 2012, un aumento do 1,3%, cunha media anual de 3.517 persoas.

Pola súa banda, o INE sinala que se as tendencias e comportamentos demográficos actuais se mantivesen nun futuro, en 2022 a taxa de dependencia elevaríase até o 58% en España. É dicir, por cada dez persoas en idade de traballar, en 2022 habería en España case seis potencialmente inactivas (menor de 16 anos ou maior de 64).

En 40 anos, esta taxa de dependencia elevaríase ao 99% en España, o que quere dicir que por cada persoa en idade de traballar practicamente habería outra que non estaría en idade de facelo. No caso concreto de Galicia, segundo os datos publicados por provincias, pasaríase na Coruña dunha taxa do 52,2% en 2012 ao 61,4% en 2022; mentres que en Lugo subiría do 60,7 ao 67,1% e en Pontevedra do 50,1 ao 58,3%; e na de Ourense aumentará do 63,1% ao 69,1%.

A poboación do conxunto do estado descenderán en 2013 por primeira vez desde 1981

En canto ao conxunto do Estado, o número de poboación en España descenderá en 2013 por primeira vez desde 1981, ao pasar dos 46.196.278 millóns deste ano aos 46.094.454 proxectados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para o próximo ano. Esta cifra alcanzaría en 2052 os 41,5 millóns de habitantes, un 10,2% menos que neste 2012.

 

Imaxe dun centro de maiores na Coruña © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.