Galicia recibe o Movimento Sem Terra para debater a situación do mundo rural

Acampamento Alexandra Kollontai, Ribeirão Preto Dominio Público Comité Galego de Apoio ao MST

Mondoñedo acollerá do 24 ao 26 de outubro o X Encontro Europeo de Comités de Apoio ao MST, organizado polo comité galego de apoio ao Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra. 10 comités pertencentes a sete países (entre eles os pertencentes a Suecia, Canadá, Finlandia, Bélxica ou Estados Unidos e, dentro do Estado, a Andalucía, Euskadi e Catalunya) analizarán xunto cunha delegación do MST a situación de desigualdade no campo, o acaparamento de terras por multinacionais, a soberanía alimentar, o feminismo, e a relación entre o rural e o urbano.

10 comités de sete países analizarán xunto cunha delegación do MST a situación de desigualdade no campo, o acaparamento de terras por multinacionais, a soberanía alimentar, o feminismo, e a relación entre o rural e o urbano

Este tipo de encontros celébrase cada dous anos buscando ser un espazo de coordinación, de articulación de propostas comúns para traballar. "Tentamos consensuar campañas nas que todos nos sintamos representadas e que poidamos apoiar", destaca Olalla Villaronga, do comité organizador. "Este ano centrámonos na desigualdade das traballadoras e traballadores rurais, tanto en Galicia coma noutros países", engade.

O Encontro contará con dúas partes, un espazo aberto para todos os públicos que queiran coñecer o labor do Movimento dos Sem Terra e o impacto que está producindo o neoliberalismo no campo. E outro específico para o traballo de estratexias conxuntas entre todas as organizacións que traballan dentro dos comités de toda Europa, un espazo onde os comités se articulen e fortalezan en común para volcar ese traballo na cidadanía.

"Vemos que hai moitas cuestións comúns" -destaca Villaronga- "Un deles é o da soberanía alimentaria, o dereito dos pobos a producir os seus propios alimentos, o respecto aos seus cultivos propios e o fomento da economía local e a loita contra o despoboamento do ámbito rural. Prodúcese un gran impacto en todo mundo pola acción das multinacionais e as súas políticas de acaparamento de terras ou o fomento de monocultivos intensivos".

"Tamén queremos falar do papel da muller no desenvolvemento do rural, das alternativas que o feminismo propón a nivel teórico e práctico en relación á economía"

"Outro dos temas que queremos traballar é a relación entre o urbano e o rural, pois non se pode falar da defensa do rural sen ter en conta ese ámbito urbano no que tamén nos relacionamos. Nas cidades hai unha parte moi importante da poboación preocupada por ter unha alimentación saudable, sen pesticidas, coñecendo a procedencia dos alimentos", destaca. "Tamén queremos falar dos feminismos no rural, do papel da muller no desenvolvemento do rural, das alternativas que o feminismo propón a nivel teórico e práctico en relación á economía e da ética dos coidados, de poñer a vida no centro, en lugar dos mercados", engade.

 

Charlas en Pontevedra e Ribadeo

Rosa do Carmo, coordinadora da Secretaria Estadual do MST en Salvador, ofrecerá dúas charlas, en Pontevedra e Ribadeo

Previamente, están convocadas unha serie de actividades, pensadas para difundir e preparar o propio evento da semana que vén, e tamén para chegar a todas aquelas persoas que non poidan acudir a Mondoñedo. Rosa do Carmo, coordinadora da Secretaria Estadual do MST en Salvador, ofrecerá dúas charlas, en Pontevedra (este venres ás 20 horas na Casa das Campás) e Ribadeo (a vindeira semana). Rosa do Carmo leva 15 anos no Movimento e o seu traballo estivo ligado ao sector de educación en formación no campo con mulleres, mozos e mozas e no impulso ás cooperativas.

O X Encontro Europeo de Comités de Apoio ao MST farase coincidir ademais co IX Foro por un Mundo Rural Vivo convocado pola Plataforma Rural para traballar sinerxías e reforzar a vibisilización e a loita común que é un rural vivo e a soberanía alimentaria. Está previsto que deste encontro saian unhas demandas concretas para o Parlamento de Galicia para avanzar cara un rural vivo e esixir o exercicio real e efectivo da compra pública responsable no goberno galego.

Para axudar a financiar os gastos de estadía e traslados das representantes do MST que veñen do Brasil, o comité galego de apoio lanzou unha campaña de crowdfunding

Para axudar a financiar os gastos de estadía e traslados das representantes do MST que veñen do Brasil, o comité galego de apoio lanzou unha campaña de crowdfunding. Buscan recadar un mínimo de dous mil euros, e até un máximo de cinco mil, que lles permitiría, ademais de pagar as viaxes, facer un streaming da xornada do venres e gravar un vídeo de todo o Encontro para difundir a actividade dos comités de amigos do MST. As persoas que colaboren recibirán unha serie de agasallos (cadernos, camisolas, postais...) ademais de figurar o seu nome no vídeo que se proxectará na inauguración do evento.

 

O Comité Galego de Apoio

O Comité de amigas e amigos do MST foi constituido por Amarante-Setem no ano 2001. Desde o Comité véñense realizando numerosas actividades de apoio a esta organización, en coordinación co resto de comités do entorno europeo e internacional. As máis destacadas dos últimos anos foron: Recadación de fondos para a construción da Escola Nacional Florestan Fernandes (São Paulo) e apoio para un centro de formación en Piauí. Recadación e apoio para a creación do Jornal de Fato. Recollida de sinaturas para diversas campañas: investigación e xuízo da Masacre de Eldorado dos Carajás e á aplicación da Lei de Reforma Agrária. Ademais de distintas actividades de sensibilización, a participación no V e no VI Congresso Nacional do MST ou a organización anual de brigadas para coñecer o MST (programa Xanela de Amarante).

Acampamento Alexandra Kollontai, Ribeirão Preto Dominio Público Comité Galego de Apoio ao MST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.