Galicia únese este sábado ao Día de acción global contra o Acordo de Libre Comercio e Investimentos (TTIP). E as mobilizacións en diferentes localidades do país únense así a centos de actos convocados en toda Europa e os Estados Unidos, entre eles concentracións ou manifestacións en varias cidades e vilas desde o mediodía e ata a última hora da tarde.
"As persoas e o planeta, antes que o beneficio corporativo" é o lema común para a xornada de protesta
Todos os actos, que apoian diferentes organizacións políticas, sindicais e sociais, teñen o lema común de "As persoas e o planeta, antes que o beneficio corporativo" e un manifesto compartido que comeza fai un chamento á mobilización: "Nós, organizacións da sociedade civil, sindicalistas, campesiñas e campesiños, xuventude, mulleres e homes activistas chamamos a un Día de acción global co fin de parar os acordos de libre comercio e investimentos e promover unha economía que funcione para cada unha das persoas, e para o medio ambiente". Un chamamento que tamén realizou Susan George, a través dun vídeo gravado por Ecoar en Vigo hai unhas semanas, no que mesmo repite o lema en galego e lembra que a Lei Mordaza aínda non entrou en vigor, "así que podedes protestar todo o que queirades"
O texto lembra que "ao longo das últimas décadas, as empresas transnacionais e os gobernos impulsaron tratados de libre comercio e de investimentos ás costas da cidadanía, vulnerando os nosos dereitos e os do medio ambiente" e que, en paralelo, "ao longo das últimas décadas, vimos loitando pola soberanía alimentaria, polos nosos bens comúns, pola xestión dos nosos recursos, pola defensa dos nosos empregos, os nosos territorios, as liberdades en internet, mentres esixiamos democracia". "No camiño, crecemos como movemento, logramos que escoiten as nosas voces e logramos moitas vitorias", di.
"Entre todas podemos parar os acordos que se están negociando ás nosas costas e traballar para reverter os impactos nocivos dos tratados pasados"
"Entre todas podemos parar os acordos que se están negociando ás nosas costas e traballar para reverter os impactos nocivos dos tratados pasados. Xuntas impulsamos as nosas alternativas que se fundamentan na primacía dos dereitos humanos e na defensa do Medio Ambiente por riba dos privilexios e beneficios das grandes empresas", destaca.
As primeiras concentracións en Galicia leváronse a cabo xa desde o mediodía en Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilagarcía. Á tardiña tocoulle a Pontevedra ou Vigo, esta última a cidade coa manifestación máis concorrida. Foi a CIG, membro da Plataforma Europea Alter Summit, quen liderou moitas delas na xornada de mobilizacións xerais e simultáneas "contra os diferentes tratados que están a negociar a UE e América do Norte, entre eles o TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) e o CETA (Acordo Económico de Comercio Global). BNG, AGE e diferentes formacións políticas e sindicais uníronse tamén ás diferentes marchas.