Galicia xa ten a súa plataforma global "contra a minería destrutiva"

Marcha contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Galicia xa conta coa súa plataforma contra a minería destrutiva. ContraMINAcción é o nome da denominada Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza, formada por  "un grupo de persoas e organizacións sensibles cos problemas e ameazas que están a supoñer o aumento das concesións mineiras", tal e como asegura o colectivo nun comunicado, no que se volve advertir dos "proxectos irracionais en localizacións con altos valores ambientais" como Anllóns, Fragas do Eume ou Serra do Galiñeiro.

ContraMINAcción está aberta "a agrupacións e cidadáns", pero exclúe os partidos políticos

A rede está "aberta a todas as agrupacións que queiran participar" e "ás persoas que a título individual poidan achegar algo", pero exclúese "os partidos políticos". Polo momento fan parte da plataforma, ademais de cidadáns, a Agrupaçom de Montanha Augas Limpas, Asociación Véspera de Nada, Associação Socio-Cultural O Iríbio, Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, Plataforma Veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Santa Comba Viva, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia. A primeira gran cita será unha manifestación nacional contra esta minería "neocolonial e destrutiva" o vindeiro 2 de xuño en Compostela.

Esta plataforma chega logo de que a súa creación fose un dos obxectivos marcados tras o encontro galego sobre a minería celebrado o pasado 16 de febreiro en Teo, e despois de que a Alianza Rural Galega -formada por Fruga, Adega e a Organización Galega de Comunidades de Montes- difundisen un manifesto que poñía as bases dunha futura organización para todo o país.

ContraMINAcción márcase como obxectivos a "identificación dos problemas" que provocan todas as ameazas mineiras do país, "establecendo un marco do que pasa en Galiza, analizando o que acontece en cada lugar ou proxecto mineiro, poñendo en valor o que se perde con el e estudando tamén o que está a acontecer noutras partes do planeta".

A rede pretende "compartir estratexias e medios para loitar contra a minería destrutiva"

Ademais, preténdese tamén "compartir estratexias e medios para loitar contra a minaría destrutiva" con aquelas persoas e colectivos que se vexan ameazados, ademais de "coordinarse" mediante o traballo en rede, "tirando de cada loita datos útiles para as demais, facendo accesible información contrastada e fiable a todas elas e facendo dispoñible apoio xurídico e técnico". Do mesmo xeito, pretende a "difusión na sociedade" dos problemas que está a xerar a minería, así como "facer visibles a especulación e ocupación do territorio, sendo unha voz fronte a todos os conflitos por igual e levando a cabo accións informativas en todas as comarcas".

Esta rede galega prevé xa a organización inmediata de xornadas informativas en Vigo e Ourense, nas que participarán activistas, xuristas, persoal técnico e economistas, así como encontros nas "zonas ameazadas" para difundir "os valores naturais, sociais e económicos do lugar e a importancia de conservar o que hai neses lugares".

A plataforma convoca a cidadanía a unha gran manifestación nacional contra a minería destrutiva o 2 de xuño en Compostela

A Rede contra a Minaría Destrutiva pretende tamén que toda a acción "conflúa" na gran manifestación nacional que se celebrará en Compostela o domingo 2 de xuño para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente "dicindo non a este modelo de minaría neocolonial e destrutiva". "Animamos a tódolos colectivos sociais e ecoloxistas do noso país a apoiar esta manifestación, para dar unha resposta visible e contundente á agresión que se está perpetrando contra Galiza", remata.

Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.