Galiza-Berlín: Un diálogo entre dúas xeracións, dúas emigracións

Novos e novas emigrantes 'recibindo' a carta doutra xeración © Videocartas Galiza-Berlín

Hai uns meses botou a andar o proxecto Videocartas Galiza-Berlín, un proxecto audiovisual que busca establecer un diálogo entre varias xeracións dunha mesma familia, entre épocas distintas e entre xeografías separadas, entre persoas que malia as súas diferenzas acabaron por compartir unha circunstancia: a da emigración a Alemaña. O proxecto abordábase dende unha perspectiva audiovisual e comunicativa, e tamén dende a psicoloxía, os dous campos dos que proceden as súas catro responsables: Sandra Martínez, Ana Seijo, Adriana P.Villanueva e Sabela Pernas.

"Ante o fenómeno que se está dando na nosa xeración de marchar traballar fóra das nosas fronteiras, pareceunos interesante e necesario dar voz a todas esas historias actuais que están tendo lugar", destacaban daquela. Tamén subliñaban que "as videocartas son a unión perfecta entre todo o bo das misivas e o bo do audiovisual: permítennos comunicar dúas (ou máis) realidades véndoas e escoitándoas".

Dende marzo, o proxecto foi desenvolvendo as etapas programadas: en primeiro lugar, a recollida en Galicia de testemuñas de persoas que nalgún momento emigraron a Alemaña para acabar retornando. Nunha segunda fase levaron e amosáronlles ese material audiovisual en Berlin aos mozos e mozas alí residentes, familiares dos primeiros entrevistados e entrevistadas, para que eles e elas mesmas elaborasen unha peza audiovisual que combinase a súa experiencia presente coa pasada dos seus devanceiros e devanceiras. Este sábado 16, ás 15 horas, proxectaranse nos cines Babylon de Berlin as seis curtametraxes resultantes do proxecto Videocartas Galiza-Berlin. Falamos coas súas responsables sobre as conclusións tiradas do seu traballo.

Como nace o proxecto e con que obxectivos?

O proxecto nace ante as frecuentes despedidas de amigos e amigas que marchaban a outros países a buscar as condicións de vida que non atopaban aquí. Vencellando estas historias actuais coas pasadas das nosas familias e do propio país pareceunos necesario falar do tema. O obxectivo é facilitar que se produza esa reflexión interxeracional e que o tema tome a relevancia que nos parece que ten.

En que credes que se parecen e se diferencian a emigración actual e a que se viviu nos anos sesenta?

Non pretendemos facer un estudo sociolóxico nin sacar nós as conclusións. A nosa presenza ten unha función facilitadora desas historias persoais, tanto dos emigrantes retornados como dos actuais, a través da reflexión e das pezas audiovisuais resultantes. Por iso mesmo o proxecto está concibido dende a interdisciplinariedade: a psicoloxía e a comunicación audiovisual, como punto diferenciador da abordaxe deste tema. Coa proxección das pezas pretendemos crear un espazo de debate e intercambio coa comunidade. Por outra banda, este é un tema que tratamos no obradoiro e, se ben nun primeiro intre as diferencias entre ambas etapas foron o máis salientable, é certo que segundo os/as participantes poñían en alto as súas reflexións, foron xurdindo paralelismos.

"Se ben nun primeiro intre as diferencias entre ambas etapas foron o máis salientable, é certo que segundo os/as participantes poñían en alto as súas reflexións, foron xurdindo paralelismos"

Credes que os mozos e mozas que marchan a Alemaña se ven a si propios como emigrantes?

Ao longo do obradoiro que estamos a realizar en Berlín abordamos este tema, entre outros, e non existe unha percepción unánime do que é, ou non, ser emigrante. Os motivos que trouxeron a estes mozos e mozas aquí son variados e o xeito de vivir na diáspora tamén é diferente, isto transmítese nos temas que tocan nas súas creacións.

Que visión credes que ten un/unha emigrante retornado/a do que está sucedendo?

As visións dos/as emigrantes retornados/as aos/ás que entrevistamos son tamén moi diversas. A maioría coincide en que é unha mágoa que se estea repetindo a historia e, por riba, que as persoas que marchan agora estean moito máis formadas que os da súa xeración. Así mesmo, coinciden en que a súa experiencia persoal no exterior tamén lles achegueu novas aprendizaxes, coñecementos, intercambios con outras culturas e nalgúns casos mellora económica. 

"Non existe unha percepción unánime do que é, ou non, ser emigrante. Os motivos que trouxeron a estes mozos e mozas aquí son variados"

Que difusión ou formato final pensades darlle ao proxecto, ademais destas proxeccións?

Aínda nos queda rematar o obradoiro e facer a proxección o vindeiro sábado 16 de agosto nos Cines Babylon aquí en Berlín. En outubro está prevista polo menos unha presentación en Compostela que inclúe a proxección das pezas resultantes e un espazo para o intercambio coas persoas asistentes. Temos a idea de recoller todo este proceso nunha plataforma web, que se materializará nos vindeiros meses.

Cartaz da proxección Dominio Público Videocartas Galiza-Berlín
Imaxe dun dos obradoiros realizados en Berlín © Videocartas Galiza-Berlín
Un dos encontros cunha emigrante retornada, en Ourense © Videocartas Galiza-Berlín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.