GMST solicitaralle ao Concello da Coruña a "cifra real" de asistentes á feira taurina

Imaxe panorámica do Coliseo nunha das xornadas da feira taurina © Concello da Coruña

Remata a feira taurina da Coruña e o balance é semellante ao doutros anos: constestación social, posta de manifesto na mobilización deste domingo, e sobre todo indiferenza por parte dos coruñeses e coruñesas, á vista das imaxes que proban a escasa asistencia que rexistraron as corridas realizadas. A empresa concesionaria está obrigada por contrato a achegar os datos de entradas vendidas e convites entregados ao dia seguinte da finalización da feira, é dicir, este luns. E este martes Galicia mellor sen touradas pedirá oficialmente os datos. O pasado ano vendéronse ao redor de 500 abonos e a metade do público asistente accedeu ao Coliseo de maneira gratuíta grazas aos convites.

A entidade que traballa pola abolición deste espectáculo de tortura animal preguntará tamén pola cifra de cantos dos convites entregados se empregaron realmente, pois entende que é un dato que os responsables do recinto municipal están obrigados a ter por motivos de seguridade.

Rubén Pérez, voceiro de Galicia mellor sen touradas, valora de forma moi positiva a manifestación deste domingo, pois “cada ano multiplicase a asistencia ás protestas e hai máis xente activa e que coñece a cantidade de cartos que entrega o Concello”. E chama a participar nas mobilizacións que terán lugar este sábado en Pontevedra para protestar contra a celebración de touradas nesta cidade.

O colectivo xa está preparando as preguntas que no pleno municipal de setembro lle fará chegar ao Goberno municipal en relación coa organización da feira taurina

Tamén explica que o colectivo xa está preparando as preguntas que no pleno municipal de setembro lle fará chegar ao Goberno municipal en relación coa organización da feira taurina, comezando "pola actitude do Goberno municipal a respecto das touradas: por que apoian e subvencionan as touradas e despois non vai ningún concelleiro". Tamén buscarán coñecer o gasto real realizado polo Concello: a cesión e adaptacions das instalacións do Coliseo, a actividade durante catro días da banda municipal de música, os gastos xerais de luz e seguridade privada, ou dos empregados municipais encargados de vender as entradas. Tamén preguntarán "pola persecución que sufriron os activistas por parte de empregados da empresa concesionaria, ao entender "que o Goberno municipal ten algo que dicir por esta actitude de matóns por parte dunha empresa concesionaria que nese momento ten que responder ante o Concello". 

As gradas do Coliseo, practicamente baleiras, nunha das xornadas da feira taurina Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.