Guía: Así funciona o novo modelo de libros de texto da Xunta

Guía do novo modelo CC-BY-SA Praza Pública

Seis anos despois de botar por terra o préstamo universal de libros de texto ou, o que é o mesmo, de eliminar a gratuidade dos manuais en todos os centros financiados con fondos públicos, a Xunta vén de instaurar un modelo mixto. En catro cursos de Primaria e dous de Secundaria mantén as axudas parciais á compra de libros. Mentres, en dous niveis de Primaria e noutros dous da ESO elimina os subsidios e lanza o denominado "fondo solidario" de libros de texto, a versión gobernamental dos bancos de libros creados por ANPAS e concellos para, precisamente, paliar os recortes da Xunta que está a indignar a boa parte da comunidade educativa do país.

A Xunta elimina as axudas parciais nos catro cursos nos que lanza o denominado "fondo solidario"

Mentres nos cursos que conservan o sistema de subvencións pervive o problema de que estas achegas son insuficientes para cubrir o custo dos manuais, o novo "fondo solidario" crea un novo camiño burocrático que cae fundamentalmente sobre as costas duns centros educativos que, por outra banda, non poderán garantir libros para todo o alumnado que os precise. O novo sistema libera a Consellería de Educación da práctica totalidade dos trámites e, ao tempo, dilles aos colexios e institutos que "poderán solicitar a colaboración da ANPA para realizar as funcións de recollida dos libros de texto, inventario, clasificación e entrega dos lotes de libros", xestión que as asociacións de pais e nais rexeitan por, entre outros aspectos, ter que manexar datos persoais das familias e implicar substituír un labor da Administración.

Esta mestura de indignación e confusión chega a apenas dúas semanas do remate do curso escolar. Diante deste panorama, eis unha guía para tentar deitar un chisco de luz:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.