Haberá touradas na Coruña este ano?

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Estamos a menos de dous meses do momento previsto para a celebración da feira taurina da Coruña e a súa celebración está máis en dúbidas ca nunca. O pasado mércores pechou o prazo dado polo Concello para que as posibles empresas interesadas en xestionala presentasen as súas ofertas. O venres, fontes municipais xa confirmaban que non fora entregada ningunha proposta no rexistro do IMCE, pero engadían que estaban á espera de que chegara algunha a través dalgún outro rexistro. Este mercores, unha semana despois do peche do prazo para a presentación de proposicións, dende o Concello da Coruña non se quere comunicar oficialmente se o concurso quedou deserto.

Este mercores, unha semana despois do peche do prazo para a presentación de proposicións, dende o Concello da Coruña non se quere comunicar oficialmente se o concurso quedou deserto

Porén, tanto La Voz de Galicia coma El Ideal Gallego publicaron este martes e mércores que ningunha empresa se presentou ao concurso. A información non é oficial: La Voz non cita fontes, e El Ideal obtén a súa información a través de Eventauro, a empresa que organizou a feira até este ano. Que o concurso quedara deserto significaría que este verán non habería touradas na Coruña, despois de 24 anos consecutivos de organización. E significaría, probablemente, o definitivo final deste espectáculo na cidade, vista a experiencia doutros lugares nos que as touradas foron desaparecendo para nunca regresar, por mor da falta de afección e demanda social.

Un concurso deserto daríalle a razón a aquelas voces que levan anos insistindo en que a feira taurina só se sostiña grazas ás importantes subvencións públicas recibidas e que, reducidas estas (aínda que o ano pasado a subvención indirecta entregada polo Concello ascendeu a 95 mil euros), a súa organización xa non resultaba atractiva para as empresas. En 2013 tan só se venderon o 20% das entradas totais (5.137 billetes dos 25.257 que se puxeron á venda, segundo o expediente do IMCE). O propio presidente de Eventauro, David Hebrero, recoñecía abertamente o pasado mes de agosto a dependencia das subvencións públicas, que sostiñan a continuidade das touradas: "antigamente con axudas podíanse facer números e conseguir cadralos, pero hoxe os números son moi difíciles de encaixar".

El Ideal Gallego explica que o concurso quedou deserto porque ningunha das empresas interesadas en organizar a feira consideraron que sería rendible economicamente para elas pola "falta de subvención pública"

De feito, a información de El Ideal Gallego, citando fontes de Eventauro, explica que o concurso quedou deserto porque ningunha das empresas interesadas en organizar a feira consideraron que sería rendible economicamente para elas pola "falta de subvención pública", e sitúa en entre 50 mil e 70 mil euros o incremento da axuda pública que sería necesaria para atraer algún organizador. O xornal, que ten apoiado editorialmente a organización das touradas, sinala que aínda que "o Concello non dá por pechado" o asunto, "con ningún sobre aspirante rexistrado no palacio de María Pita, as perspectivas de que no pavillón soen en agosto os 'olés' do público son nulas". 

Rubén Perez, voceiro de Galicia mellor sen touradas, sinala que hai que manter a "cautela" e non dar por feita a fin das corridas de touros na cidade. "É certo que están saíndo noticias neste senso, pero hai que agardar ao escrito do Concello no que se desiste dese contrato", di. O Goberno municipal podería, iso si, convocar un novo concurso. Ou incrementar as axudas públicas concedidas, incumprindo a promesa realizada polo propio alcalde Negreira, "o que tería un gran custe social para o PP na Coruña". 

O Goberno municipal podería, iso si, convocar un novo concurso. Ou incrementar as axudas públicas concedidas, incumprindo a promesa realizada polo propio alcalde Negreira

Ou, ante a falta de tempo, o Concello podería conceder a organización da feira a unha empresa a través dun procedemento negociado sen publicidade.  Pero isto tamén parece pouco probable, entre outras cousas porque a organización da feira taurina viuse mesturada co escándalo de corrupción das facturas falsas de Vendex na Coruña, o caso Pikachu. Segundo o sumario, para pagar determinadas tarefas relacionadas coa organización da feira, a responsable do IMCE, Dulce Rodríguez, comunícalle a José María Tutor, responsable de Vendex en Galicia, que a cifra se calculou en 6.550,8 euros, pero que "se pode ser máis, estupendo". Tutor pregúntalle se ese documento sería "entre eles" e ela contesta que "si, que só o quere para ter na alcaldía de cara a xustificar ante os outros".

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.