Catro xornalistas e estudantes do III Seminario Xornalismo social e cooperación internacional impartido USC, Noelia Antelo, Diana Mandiá, Aida Mosquera e Ángela Muñiz, voltan de Marrocos despois de coñecer de primeira man a actividade e a loita de moitas organizacións locais en defensa dos dereitos humanos e do desenvolvemento. Visitaron centros de mulleres onde traballan pola igualdade, chegado a entrevistarse coa coñecida feminista Nadia Naïr, coñeceron iniciativas para evitar a emigración ilegal de menores non acompañados ou reuníronse con cooperativas de agricultores entre outras moitas actividades que realizaron nun viaxe de apenas dez días que buscaba "sensibilizar as e os novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto", segundo confirmou Agareso, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, responsábel da iniciativa xunto a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Falamos con Carmen Novas, responsable do proxecto para Agareso.
Visitaron centros de mulleres onde traballan pola igualdade, chegado a entrevistarse coa coñecida feminista Nadia Naïr, coñeceron iniciativas para evitar a emigración ilegal de menores non acompañados ou reuníronse con cooperativas de agricultores
Como xorde a idea de que catro xornalistas fosen a Marrocos a coñecer a actividade destas organizacións?
O seminario en si naceu tras detectar unha carencia na formación das e dos profesionais da comunicación no eido do xornalismo social e solidario. Organízámolo Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e nos últimos dous anos co financiamento da Xunta de Galicia. Durante dez tardes, abórdanse entre outros temas as bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión ou os discursos alternativos sobre os países do Sur, da man de distintas ONGD, asociacións, xornalistas, etc. O alumnado vai poñendo en práctica os coñecementos adquiridos a través de artigos que ao remate se avalían, canda a participación e a asistencia, e finalmente as catro persoas mellor valoradas teñen a oportunidade de desprazarse a Marrocos para traballar o aprendido sobre o terreo.
"Desde Agareso entendemos a comunicación como un motor de desenvolvemento, nos países do Norte e do Sur"
Conseguiuse o obxectivo de “sensibilizar as e os novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto”? Como vedes o papel do xornalismo na actualidade?
A maioría das persoas que se inscriben neste tipo de actividades xa parten con certa predisposición a contribuír á construción dunha sociedade máis igualitaria desde a súa faceta persoal e profesional, pero a formación recibida permítelles coñecer as ferramentas que poden axudalas e, sen dúbida, o desprazamento a Marrocos consolida esa intención. Desde Agareso entendemos a comunicación como un motor de desenvolvemento, nos países do Norte e do Sur, e con estas prácticas en terreo as participantes toman conciencia de todo o que non se nos conta, da importancia de darlles voz ás poboacións máis desfavorecidas para que poidan cambiar a súa realidade, de elaborar as pezas xornalísticas desde un enfoque de Dereitos Humanos... A meirande parte dos medios da nosa contorna adoecen na actualidade de todas estas carencias, derivadas de intereses políticos e económicos pero tamén dun sistema de produción que moitas veces non permite deterse o necesario na elaboración das informacións.
Cal dos encontros que mantiveron foi o máis produtivo para elas?
Eu diría que a violación dos dereitos das persoas migrantes e, sobre todo, as desigualdades de xénero que aínda persisten na sociedade marroquí son as dúas cuestións que máis impactaron ao equipo. As asociacións que traballan directamente coas subsaharianas e subsaharianos que se preparan para saltar a valla fronteiriza fixéronnos chegar testemuños da violencia e os incumprimentos exercidos polas autoridades e tolerados desde España e Europa. Nos últimos días, impactounos a conversa con activistas pola igualdade e coas propias mulleres: nais solteiras repudiadas polas súas propias familias e pola sociedade, mesmo cando o embarazo é froito dunha violación, ou traballadoras que gañan 50 céntimos de euro á hora por pelar as gambas que logo nós consumimos en Occidente.
"Os financiadores dos proxectos de cooperación internacional adoitan dar moita importancia ás obras, pero hai moito traballo por facer en eidos, coma o xénero, que non teñen resultados tan visibles e a curto prazo"
Cal é o que precisa maior seguimento e axuda ou está en peores condicións agora mesmo?
Todos os sectores cos que mantivemos contacto teñen as súas necesidades, desde a educación e a saúde até a agricultura e a pesca. Porén, na miña opinión o respecto aos Dereitos Humanos é a cuestión chave da que habería que partir para subsanar todas as demais. Os financiadores dos proxectos de cooperación internacional adoitan dar moita importancia ás obras, a construción dunha escola ou dun centro de saúde por exemplo, pero hai moito traballo por facer en eidos, coma o xénero, que non teñen resultados tan visibles e a curto prazo. Ademais, esas infraestruturas precisan dunha dotación de persoal e dunha continuidade que non sempre está garantida. Doutra banda, é tan importante cooperar como evitar a "anticooperación" que os países doadores moitas veces practican a través das súas políticas. Os encontros que mantivemos fante reflexionar tamén arredor da responsabilidade que os países do Norte temos sobre a situación actual dos países do Sur, e mesmo arredor de actitudes solidarias que está na nosa man poñer en práctica a diario como pode ser un consumo responsable.
Por que Marrocos? Pretendedes exportar este proxecto a outros países?
Os primeiros proxectos de Agareso no exterior leváronse a cabo en Marrocos da man de ONGD galegas que traballaban alí, para visibilizar o o seu apoio ao labor das asociacións locais a prol do desenvolvemento e as problemáticas que enfrontaban. Así creouse un vínculo que se viu reforzado ao contar Asamblea de Cooperación pola Paz con diversos proxectos no país e con persoal expatriado, a quen temos que agradecerlle o seu acompañamento en terreo. Esta traxectoria, unida ás facilidades loxísticas pola proximidade á Península, fixo que Marrocos fose o país escollido. Non prevemos mudar o destino polo encarecemento que suporía un desprazamento máis afastado para a organización do seminario. No entanto, Agareso está a levar a cabo nestes intres outro proxecto en El Salvador, tamén canda ACPP, no que se apoia a unha radio comunitaria para potenciar o seu papel no desenvolvemento da zona do Bajo Lempa, nomeadamente en materia pesqueira, ambiental e de xénero. Dous voluntarios viaxarán para impartir formación no mes de setembro.
"Supuxo un paso máis no convencemento de que o seminario e estas prácticas deben ter continuidade, amais de reforzar as alianzas en terreo"
Como foi a experiencia para elas e para a AGARESO? E para as asociacións en Marrocos?
Aínda temos pendente a xuntanza de avaliación, pero a primeira impresión é que as participantes consideran a experiencia moi positiva para a súa vida persoal e profesional. Como coordinadora, destacaría a súa adaptación aos imprevistos que foron xurdindo e, sobre todo, o seu sentido de equipo e a responsabilidade co traballo que cada día había que afrontar no blog, mesmo a altas horas da madrugada. Para Agareso, supuxo un paso máis no convencemento de que o seminario e estas prácticas deben ter continuidade, amais de reforzar as alianzas en terreo. En canto ás asociacións locais, coincidían en destacar o enriquecedor do intercambio e as posibilidades que abre o contacto directo para futuros proxectos en común, así como a importancia de difundir o seu labor e a loita das persoas beneficiarias del a prol do desenvolvemento.