"Hai pouca vontade nos tribunais por solucionar a falta de dereitos das persoas con discapacidade intelectual"

Eladio Fernández, presidente de Fademga © Fademga

En Fademga (Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual) agrúpanse 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a máis de 4.400 persoas con discapacidade intelectual e conta co máis de 8.000 socios. Malia saber dos seus antecedentes, o seu presidente, Eliseo Fernández, recoñécese sorprendido pola resolución do Tribunal Constitucional, que negou o voto dunha moza discapacitada galega tras rexeitar admitir a trámite o recurso dos pais, que solicitaron que a súa filla puidese exercer o seu dereito ao sufraxio. 

A Federación lembra que o ditame vulnera, "unha vez máis", a Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. E reclama que o Estado conte cunha asistencia adecuada a aquelas persoas que o precisen, como as persoas con discapacidade intelectual, "co obxectivo de garantir na práctica o exercicio dos seus dereitos políticos", como indica o artigo 29 da citada Convención, asegurando que os procedementos, instalacións e materiais electorais sexan adecuados, accesibles e fáciles de entender e utilizar, incluso permitindo que unha persoa da súa elección préstelles asistencia para votar. Fademga advirte que reforzará accións para reivindicar o dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual, como #MiVotoCuenta

Ademais, Eladio Fernández considera urxente a modificación da Lei Electoral, “para resolver dunha vez por todas esta situación de vulneración e evitar a loita individual de tantas persoas na revisión das súas sentenzas xudiciais, nas que se lles retira o dereito ao voto”.  O último ditame do Constitucional, di, “obstaculiza o acceso a un dereito básico para o exercicio da plena cidadanía das persoas con discapacidade intelectual”.

Sorprendeulles a resolución do Constitucional?

Coñeciamos o caso, claro, pero a nosa reacción non pode ser máis que de sorpresa. Hai unha resolución das Nacións Unidas ben clara, derivada da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, onde no seu artigo 12 sinala que os Estados partes deben recoñecer e protexer a capacidade xurídica das persoas con discapacidade “en igualdade de condicións coas demais en todos os aspectos da vida". Pero quen a ten que aplicar non lles recoñece a estas persoas con discapacidade intelectual os seus dereitos. 

"Hai unha resolución da ONU ben clara pero quen a ten que aplicar non recoñece os dereitos das persoas con capacidade intelectual"

Un voto particular e a Fiscalía denuncian que o Constitucional non aproveite para ir ao fondo da cuestión e intentar arranxar esta problemática...

Somos conscientes de que, dentro dos órganos xudiciais, hai pouca vontade de buscar unha solución a este problema. Desde a Confederación a nivel estatal xa levamos moito tempo demandando que se revisen as tutelas, as sentenzas e que se vaia cara a unha situación de curatela para que unha persoa con discapacidade poida desenvolver o seu proxecto de vida e, alí onde haxa que dispoñer unha titoría ou control por non ser capaz, que se estableza a curatela pero que se deixe o resto á persoa. Sabemos que non é moi doada a solución pero o que si me estraña moito que o Constitucional non respecte os seus dereitos. 

"Dentro dos órganos xudiciais hai pouca vontade de buscar unha solución a este problema"

Dáse o paradoxo de que Mara, a rapaza afectada, podería presentare ás eleccións pero non votar. 

Si, e hai moita controversia con esta situación. O que adoitan facer as sentenzas é limitar ou sacarlle a estas persoas o dereito a votar cando si poden presentarse aos comicios como calquera outro cidadán. Hai uns anos, os xuíces optaban por unha incapacitación total para elas e non se paraban a valorar as persoas nin as súas capacidades. Ante isto, estamos intentando desde hai tempo que se revisen as sentenzas de tutela, que se analicen os casos particularmente, pero as cousas van moito máis lentas do desexado. 

"Unha resolución xudicial non pode dicir que estas persoas son susceptibles de maniulación porque todos somos obxecto de manipulación"

Non son todas as situacións iguais...

Todo isto non quere dicir que nalgún caso haxa que denegar dereitos pero o que non se pode facer é ditaminar unha resolución xudicial dicindo que estas persoas son susceptibles de manipulación, como vén dicindo o Tribunal Constitucional. Obxecto de manipulación somos todos porque, que pasaría daquela coas persoas maiores? Os maiores de 80 anos non poderían votar? Vendo o que se ve por aí, maior manipulación que a que se fai con algunhas persoas de avanzada idade non pode haber... Cada un ten os seus derietos e liberdades e podo facer co meu voto o que me dea a gana, mesmo deixarme manipular. Estamos falando acotío de inclusiíon, de integración social, de recoñecemento de dereitos... E logo, quen llelos teñen que recoñecer a estas persoas están dicindo que non, que teñen que pasar un test intelectual ou de coñecemento. Pero a ver, cantos politicos pasaron un test intelectual para facer política, oh...

"Que pasaría daquela cos maiores de 80 anos? Visto o que se ve, non hai maior manipulación que a que se fai con algúns maiores"

As campañas de sensibilización son suficientes para avanzar nesta batalla?

Todo o que sexa campañas de sensbilización axuda pero esa axuda ten que vir apoiada nun cambio de mentalidade do mundo xudicial e, ás veces, tamén das familias. A moitas élles moi fácil que lles dean a tutela absoluta en lugar de andar tutelando parceliñas. Levamos tempo pedindo xuíces especializados en materia de tutela, que sexan axudados e asesorados por expertos nesta situación para que tome as decisións en base ás  necesidades de cada persoa. Pero o que non se pode dicir é que a persoa non ten ningún dereito porque iso é aniquilar a persoa dalgunha maneira.

"Un tribunal non pode dicir que unha persoa non ten ningún dereito; iso é aniquilar a persoa"

Levarán a cabo algunha medida tras a resolución do Constitucional?

Nesta mesma semana, na xunta directiva de Fademga tomamos a decisión de requirir a todas as fiscalías provinciais para que promovan a revisión da tutela en persoas con discapacidade de nivel alto. Seguramente non nos farán caso porque bastante teñen co traballo que teñen, pero temos que recordarlles a xuíces e fiscais que estas persoas teñen discapacidade pero tamén dereitos, obrigas e capacidade para decidir sobre cousas que o seu grao de discapacidade lles permite. 

"Máis de 2.000 persoas estarían afectadas polo veto ao dereito a voto que ratificou o Constitucional"

Cantas persoas en Galicia estarían afectadas polo veto que ratifica o Constitucional?

Nese caso estarían, ben seguro, máis de 2.000 persoas, o cal é un colectivo moi importante. Obviamente, hai que diferenciar porqueu estamoso a falar de persoas con discapacidade do 65% ou 70%, non de quen ten un nivel do 90% ou 95%. Igual nestes últimos casos si que hai que poñer a venda antes da ferida, por dicilo dalgún xeito, pero no noso centro, pro exemplo, hai persoas con a utonomía, que acoden a centros de emprego e ás que lles teñen negado o seu dereito a voto. É certo que agora estase optando máis pola curatela que pola tutela,l pero a estrutura conservadora do poder xudicial segue en moitos casos con esa ida de que o que vale, vale e o que non, non vale para nada. 

Eladio Fernández, presidente de Fademga © Fademga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.