"Hai que priorizar o rescate das políticas públicas para que volvan estar ao servizo da cidadanía"

O exalcalde e a conselleira de Medio Ambiente, visitando a depuradora en vésperas das eleccións © Xunta

O sucedido en Ferrol nos últimos anos ao redor da xestión da auga e o seu saneamento pode lerse en plano curto, simplemente como unha decisión ou un conxunto de decisións -a privatización, a escolla dun determinado sistema de depuración- adoptadas nun determinado momento por unha corporación municipal. Pero tamén se pode abrir o plano, e analizalo como un exemplo máis (un especialmente claro) dun proceso de progresiva privatización dos servizos básicos, de perda de autonomía do poder público e de posta deste mesmo poder público ao servizo do beneficio privado. De igual xeito, a loita pola recuperación para o público destes bens e servizos públicos e da súa xestión e control pode analizarse como un feito individual, local, pero tamén podemos inserilo nun proceso máis amplo e compartido, de recuperación das institucións e a políticas públicas para o beneficio da cidadanía e das maiorías sociais.

"Ferrol é un perfecto exemplo de como as políticas públicas se puxeron ao servizo dunha especie de feudalismo económico"

"Ferrol é un perfecto exemplo de como as políticas públicas se puxeron ao servizo dunha especie de feudalismo económico", salienta Alexandre Carrodeguas, un dos voceiros da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga. A xestión da auga e do seu saneamento e depuración, moi ligada á saúde da propia ría ferrolá, é un asunto central na política comarcal dende hai anos, nomeadamente pola polémica xestión realizada pola parte privada (Urbaser) da empresa mixta (Emafesa) creada para tal obxecto, e sobre todo polo moi criticado proxecto de saneamento, sinalado como caro e ineficaz, e a encomenda da súa xestión a unha empresa privatizada. A imposición, en 2014, dunha elevada taxa (70 euros anuais) para o pagamento deste labor de saneamento fixo agromar o malestar da cidadanía. E as graves irregularidades que só o cambio de goberno municipal permitiu descubrir acabaron por poñer o foco na moi deficiente xestión realizada por Urbaser, no cobro ilegal dunha taxa por un servizo (a depuración) que nunca se chegou a realizar e, ademais, na ausencia de controis por parte de Augas de Galicia e a Xunta.

"Estamos ante un caso de estafa, hai un engano claro. Dicían que a EDAR estaba depurando 8000 metros cúbicos de auga, hai mesmo un vídeo do anterior alcalde afirmándoo, e non era certo. E estábase cobrando unha taxa, que é un tributo finalista, por un servizo que non se estaba dando, que eles mesmos recoñecen que non poden dar porque só teñen conectados 11 mil usuarios e necesitan un caudal maior", destaca Carrodeguas, que non só critica a actuación do anterior goberno municipal, presidido por José Manuel Rey Varela, senón tamén a actitude do Goberno galego. "Augas de Galicia afirma que a depuradora non pode funcionar. Pero Emafesa só informou diso a raíz de que o PP perdeu a alcaldía. Que tería pasado de non ter realizado o novo goberno esa visita sorpresa? Seguiríamos igual? Como se explica ese xogo de trileiros? Que papel cumpre a Xunta e Augas de Galicia? Cumpre a súa función ou está aí para defender unha empresa privada?", pregunta.

"Estamos ante un caso de estafa, hai un engano claro"

"O Concello está a facer o que debe. A empresa é mixta, pero a xestión corresponde á parte privada, o que converte a administración en convidada de pedra, porque carece de información sobre a xestión" -destaca- "Foi fundamental a visita á depuradora. É esperpéntico que o Goberno local se tivese que enterar de que a EDAR non depuraba un só metro cúbico de auga deste xeito. Despois disto e do que pasou en xuño coa contaminación da auga, o camiño da remunicipalización ten que ser claro. Hai irregularidades de moito peso que xustifican o quitarlle a concesión á parte privada".

 

Traballo cooperativo

"Os seguintes pasos a dar pasan "por un intenso traballo de fiscalización da xestión de Emafesa nos últimos anos, e en base aos seus incumprimentos do contrato de concesión, avanzar na remunicipalización"

Carrodeguas sinala que os seguintes pasos a dar pasan, en primeiro lugar, "por un intenso traballo de fiscalización da xestión de Emafesa nos últimos anos, e en base aos seus incumprimentos do contrato de concesión, avanzar na remunicipalización". Neste proceso, di, deben aproveitarse as sinerxías con outras cidades: "a colaboración con Coruña e Compostela vai ser fundamental, e con plataformas como AEOPAS". Ferrol incorporouse en xuño á Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecimiento y Saneamiento (Aeopas), unha plataforma que ofrece asesoramento ás entidades públicas para a xestión da auga e o seu saneamento. O vindeiro luns 21 de setembro, Jaime Morell (secretario xeral de Aeopas) e Luis Babiano (xerente da asociación) estarán en Galicia para reunirse cos representantes dos gobernos de Compostela, A Coruña e Ferrol e con colectivos sociais, nun paso máis no proceso que debe levar a Ferrol e Compostela a recuperar a xestión pública da auga (na Coruña a xestión xa é municipal, a través de Emalcsa). 

"Neste novo ciclo político este tema debe ser central, unha das ideas forza ten que ser a de recuperar os subministros básicos para o control público"

"Neste novo ciclo político este tema debe ser central, unha das ideas forza ten que ser a de recuperar os subministros básicos para o control público. Ten que haber un antes e un despois", subliña Carrodeguas, que salienta a importancia da colaboración neste eido entre os novos gobernos das tres cidades. Destaca tamén o labor realizado nos últimos anos polos movementos sociais en Ferrolterra e noutros lugares e a necesidade de que sexa aproveitado polos novos gobernos municipais, de que se traballe en paralelo. "A defensa da xestión pública da auga estase convertendo nun dos asuntos centrais nesta lexislatura. Se non houbese ese traballo previo, non estariamos na situación na que estamos. Ás veces centrámonos moito nos aspectos negativos, pero do positivo tamén hai que aprender. É moi produtiva a simbiose entre o movemento social e a representación nas institucións, este é o cambio de ciclo que estamos vivindo. Grazas a esta colaboración, estamos avanzando", di.

"É moi produtiva a simbiose entre o movemento social e a representación nas institucións, este é o cambio de ciclo que estamos vivindo. Grazas a esta colaboración, estamos avanzando"

"É importantísima a simbiose entre a praza e o palacio" -continúa- "A mobilización social, do movemento cidadán, en defensa da acción dos novos gobernos e das persoas que están nas institución públicas é fundamental. Creo que o traballo de información, de coñecemento, de denuncia e de difusión que dende os movementos sociais se veu facendo nos últimos anos en Ferrol, a través da Comisión polo Saneamento, da Comisión pola Taxa, foi fundamental e está sendo utilizado como panca polo Concello. A xente ten que visualizar a importancia desa simbiose e os novos gobernos teñen que saber utilizar ese traballo previo", engade.

 

Do concreto ao xeral

"A través desta loita concreta, a xente é capaz de empoderarse e de ser consciente de como as grandes multinacionais capturan este ben público"

"Hai que ir concreto ao xeral, creo que esa é a clave para chegar á xente", subliña Carrodeguas. "A loita pola xestión pública da auga e doutros subministros básicos é moi importante, porque son fundamentais para acadar unha mínima dignidade, a xente entende isto de forma automática. Coa situación económica de moitas familias en Ferrol, unha taxa de 70 euros é moi dolorosa. E a través desta loita concreta, a xente é capaz de empoderarse e de ser consciente de como as grandes multinacionais capturan este ben público, este monopolio natural, para axigantar os seus beneficios económicos".

"O que pasou en Ferrol é un exemplo palmario, moi pedagóxico, de como funcionan as cousas", engade. "Ao final o beneficiario último de Emafesa é Florentino Pérez. A min non se me vai da cabeza estes días ese xantar en Cedeira entre Florentino, Feijoo, Rajoy e Bieito Rubido. Florentino controla medio Ferrol: controla os servizos sociais a través de Clece, o lixo e a auga a través de Urbaser, as obras públicas...", sinala.

"Este modelo é consecuencia da captura das políticas públicas por parte dos grandes monopolios económicos e empresariais", di. "Iso dáse moito nas grandes infraestruturas. Necesitamos máis autoestradas? Necesitamos ampliar a Ponte de Rande? Necesitamos grandes tanques de tormentas? Por que se fai o novo hospital de Vigo así como se fixo e con ese gasto de miles de millóns? Acabamos sendo cautivos desas grandes empresas construtoras", afirma.

"Este modelo é consecuencia da captura das políticas públicas por parte dos grandes monopolios económicos e empresariais"

Nos últimos meses fíxose moito fincapé no crecente peso das empresas do Grupo ACS en Galicia, un entramado de máis de 30 compañías e filiais cun gran volume económico moi dependente das concesións e contratos públicos (64 millóns de euros en 2013). E, como sucede con outros grandes grupos económicos, tamén se subliñan as sinaladas relacións co poder político, personificadas na figura de Emilio García Gallego, conselleiro de ACS e home forte de Florentino Pérez en Galicia e que foi director xeral de obras na Xunta entre 1990 e 1998, e que nese período tivo como subordinados a Agustín Hernández e a Ethel Vázquez, os dous últimos responsables do departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.

"Hai que poñer enriba da mesa como algo prioritario o rescate das políticas públicas, para que volvan estar ao servizo da cidadanía"

"A clave é como reverter esa captura das políticas públicas, de privatización do público, de falta de transparencia, e de ineficiencia da xestión privada dos servizos básicos. Hai que poñer enriba da mesa como algo prioritario o rescate das políticas públicas, para que volvan estar ao servizo da cidadanía. Hai que demandar a autonomía do poder público e exemplificalo no que nos pasou en Ferrol", conclúe.

Instalacións da EDAR de Cabo Prioriño © Degremont
Auga vertida dende a depuradora de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.