Histórica e multitudinaria marcha estatal contra as violencias machistas

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA Mercedes Domenech / eldiario.es

Despois de meses de preparación, de traballo e de coordinación, chegou o día. Unha cita histórica. A primeira marcha estatal contra as violencia machistas percorreu este sábado o centro de Madrid. A manifestación, que que reuniu a persoas procedentes de todos os puntos do Estado, arrincou cunha acción de Women in Black fronte ao Ministerio de Sanidade. Despois, Ángela González, cuxo exmarido asasinou a filla de ambos nun réxime de visitas sen supervisión, leu o manifesto antes de comezar o percorrido.

Durante a lectura de González, arroupada por todos os asistentes, varios integrantes da formación política Vox sacaron unhas pancartas coas lemas "ni machismo ni feminismo" ou "la violencia no tiene género", que suscitou unha reacción automática das persoas que estaban ao redor. Finalmente, a policía decidiu intervir e convidou os integrantes da formación a abandonar a manifestación, segundo informou a SER.

Tras esta breve interrupción, Ángela continuou: "Non podemos permitir nin un asasinato máis, queremos os nosos fillos vivos, nós querémonos vivas". A lectura terminou cos aplausos dos asistentes ao berro de "xa abonda".

A marcha estivo guiada por unha cabeceira formada por mulleres sobreviventes da violencia machista e representantes do movemento feminista. María, Luís e Susana non poden conter a emoción. Viñeron desde Jaén co obxectivo de visibilizar "que ao asasinato continuo de mulleres non se lle está dando unha resposta adecuada por parte do Goberno, nin en cuestión de orzamento nin de interese", denunciou Susana.

Baixo un sol que tamén quenta en novembro, respirouse un ambiente reivindicativo. Os lemas son tantos como razóns para acudir á marcha: "Son asasinos, non son tolos", "xa abonda de terrorismo patriarcal", "non son mortas, son asasinadas", "non quero o teu piropo, quero o teu respecto", "non é un arrebato, é asasinato". Os berros, ao unísono, desgarran o silencio que somete ás vítimas. Elas tamén están alí, e tamén berran. Sen medo.

A mobilización esixe que a violencia machista sexa cuestión de Estado e ampliar a consideración de vítimas de violencia machista fóra do ámbito da parella

A marcha fixo a súa primeira parada en Cibeles, onde o colectivo Xerando Arte colocou flores de cor violeta nos laterais da fonte. A praza soborda de persoas -segundo a organización polo menos 200.000- que saíron á rúa para esixir que a violencia de xénero sexa considerada unha cuestión de Estado. Tamén para reclamar que se revertan os recortes en Igualdade e a revisión da Lei Integral contra a Violencia de Xénero para ampliar, entre outras cuestións, a consideración de vítimas de violencia machista fóra do marco da relación de parella.

Presenza galega

A mobilización contou cunha importante presenza galega, tanto na recepción previa na casa consistorial de Madrid, na que participou a concelleira de Igualdade da Coruña, Rocío Fraga, e as edís de Igualdade e Políticas Sociais de Compostela, Marta Lois e Concha Fernández, como sobre todo na propia manifestación. Así, segundo indica a Plataforma Feminista Galega, foron unha ducia de autobuses os que chegaron dende Galicia para participar na marcha, ademais doutras persoas que se achegaron polos seus propios medios de transporte.

Representantes da propia plataforma, das MNG ou de forzas políticas como o PSdeG, Anova ou Esquerda Unida, entre outras, estiveron presentes tamén para "ter presenza propia na denuncia do feminicidio". Os asasinatos das mulleres, resaltan tamén as participantes galegas na marcha, son só "a punta do iceberg" das violencias machistas.

Parte da comitiva galega CC-BY-SA CA
Manifestantes que acudiron dende Ferrol © Concello de Ferrol
Un intre da marcha CC-BY-SA CA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.