"Historicamente falouse da emigración en terceira persoa. Nós queríamos facer protagonistas os residentes fóra do país"

Derradeira portada de 'Cadernos de Comunicación e Análise © Cadernos.net

O pasado 7 de xuño Cadernos de Comunicación e Análise, xornal dixital lanzado hai catro anos e centrado nas información sobre e para a diáspora galega, anunciaba o seu peche. Nun comunicado de despedida os seus responsables sinalaban que o xornal buscara "converterse nunha iniciativa aberta que pretendía achegarse a toda a comunidade de galegos alí onde estivesen, na crenza de que a nación galega é universal" e destacaban que "como punto de encontro dos emigrantes galegos no mundo, Cadernos chegou a ser un medio de referencia na Galiza exterior".

Con todo, explicaban que a pesar dese "prestixio" acadado, Cadernos "sempre foi un medio deficitario en apoios e colaboracións" e que "desgrazadamente, a nosa publicación non chegou a ilusionar o suficiente para que o espazo socio-político no que estabamos situados chegara a confiar en nós". Neste comunicado, os responsables do medio dicían que "non fomos quen de crear un produto de calidade suficiente para unha audiencia saturada de contidos", pero tamén criticaban "a deslealdade dalgún medio dixital do país" ou "a falta de respecto de todos os partidos políticos". En definitiva, anunciaban o peche, por "esgotamento" e pola necesidade de “repensar o proxecto". Falamos con dous dos seus responsables, Fran Alvedro (residente do Reino Unido) e Silvio Falcón (en Catalunya). sobre as razóns desta decisión e polo futuro da publicación.

"Non nos foi posible por tres razóns: a falta de apoios por parte de axentes políticos ou grupos de comunicación, o difícil panorama dos medios de comunicación en lingua galega e a limitación de medios dos que dispuñamos"

Por que pecha Cadernos?

Fran Alvedro: Tentouse todo. Cadernos tivo a ambición de tentar ser máis orixinal, de tratar temas máis complexos e incluso de atopar colaboracións aos dos lados do Atlántico. Cando comezamos este proxecto a idea era ir medrando coa propia actividade exterior, pero sobre todo coa reacción positiva dos galegos que residen no país. Nos documentos fundacionais de Cadernos de Comunicación o prantexabamos do seguinte xeito: somos parte do problema e queremos ser parte da solución. Non nos foi posible por tres razóns: a falta de apoios por parte de axentes políticos ou grupos de comunicación, o difícil panorama dos medios de comunicación en lingua galega e a limitación de medios dos que dispuñamos. Aínda así, Cadernos marcha coa maior parte dos seus obxectivos cumpridos.

"O feedback sorprendeunos, certamente. A xente agradeceu a creación do proxecto e nun primeiro momento vímonos con ganas de ampliar constantemente o proxecto asociativo"

Como era a recepción e o feedback que recibiades dos galegos e galegas no exterior?

F.A.: O feedback sorprendeunos, certamente. A xente agradeceu a creación do proxecto e nun primeiro momento vímonos con ganas de ampliar constantemente o proxecto asociativo que deu lugar a Cadernos. Máis tarde, a extremada dependencia da implicación individual da xente que participaba do proxecto foi xustamente un dos motivos para pechar. En calquera caso, a relación con galegos do Reino Unido, Uruguai, Cataluña, Andorra, Arxentina ou Alemaña foi fluída. Quixemos servir desde o primeiro día de elemento de conexión de todas esas comunidades e tamén de altofalante das súas actividades. Fomos dos primeiros en denunciar o fenómeno da nova diáspora galega, afondando no fenómeno e propoñendo alternativas e denunciando aos responsábeis políticos.

Credes que Galicia e os medios galegos emprestan a atención que deberían á súa diáspora (á que existiu sempre e á nova)?

Silvio Falcón: Non, pero cada vez danlle máis atención. No que nós discrepamos é no tratamento. Historicamente falouse da emigración en terceira persoa e nós aspirabamos a facer protagonistas a aqueles individuos con inquedanzas que, por razóns múltiples, residían fora do país. Este obxectivo cumpriuse de xeito parcial, pois é certo que nestes anos o tratamento informativo mellorou moito na maioría de medios do país, sobre todo no tocante aos dixitais en galego.

"Historicamente falouse da emigración en terceira persoa e nós aspirabamos a facer protagonistas a aqueles individuos con inquedanzas que, por razóns múltiples, residían fora do país"

Credes que se desaproveitan oportunidades neste campo?

F.A.: Sen dúbida. A maioría de países coidan as súas comunidades nacionais no exterior. Nós non temos as ferramentas dun Estado, pero coa cantidade de galegos que hai por aí adiante certamente temos un potencial difícil de igualar, especialmente no Estado, nalgúns países de Europa e en América. É preciso un impulso público ás actividades da diáspora que non sexan necesariamente culturais ou folclóricas, pero si que se relacionen coa nosa terra.

"É preciso un impulso público ás actividades da diáspora que non sexan necesariamente culturais ou folclóricas, pero si que se relacionen coa nosa terra"

Outros territorios manteñen unha mellor comunicación coas súas comunidades emigrantes?

S.F.: Catalunya dispón de delegacións exteriores que, na práctica, acollen as actividades dos seus Casals (equivalente aos Centros Galegos). A implicación pública é necesaria para guiar, acompañar e fomentar a actividade e a paradiplomacia dos galegos no mundo.

Seguides con ganas de vos embarcar nalgún proxecto semellante a Cadernos, se percibísedes un mellor contexto para o seu desenvolvemento?

F.A.: O panorama certamente non convida a iso. Marchamos moi orgullosos do traballo feito en Cadernos de Comunicación pero pensamos que no mundo da comunicación o noso espazo era demasiado pequeno para continuar á existir. O que si é certo é que nas raíces de Cadernos a xente do grupo promotor falaramos de crear unha especie de think tank, con vontade de influír, coordinando o pensamento da experiencia da diáspora. Non sería moi útil coñecer as experiencias lexislativas de países terceiros, onde hai galegos que desenvolven tarefas moi importantes? Na actualidade, estamos estudando a fondo as implicacións legais, técnicas e estruturais de acometer un proxecto dese tipo.

"Nas raíces de Cadernos a xente do grupo promotor falaramos de crear unha especie de think tank, con vontade de influír, coordinando o pensamento da experiencia da diáspora"

Mudaríades algo nese hipotético proxecto con respecto a Cadernos? En que temas ou seccións credes que debe incidir un medio deste tipo?

S.F.: É difícil de afirmar. Reflexionaremos sobre as nosas alternativas e decidiremos. Se tivéramos que cambiar algún aspecto sería xustamente a interacción coa xente: precisariamos implicación desde o minuto cero, un equipo máis grande e uns obxectivos a curto prazo moito máis definidos. O noso camiño non vai na dirección de crear outro medio; no caso de facelo sempre sería coa marca de Cadernos, que pensamos que foi útil e conseguiu ser recoñecida polo público galego na rede. Pensaremos que facer e como evoluciona a crise económica e a realidade no Exterior. A nosa idea é non poñernos prazos, pero estamos abertos e convidamos a calquera que queira sumarse a reflexionar con nós.

Derradeira portada de 'Cadernos de Comunicación e Análise © Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.