"Ia, ia, ia, a Xunta xa o sabía"

Concentración dos afectados ante a Deputación CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

Pontevedra é o escenario este venres das protestas dos afectados pola estafa das preferentes e subordinadas. Unha manifestación, na que participaron ao redor de 300 persoas chegadas de todas as comarcas da provincia, percorreu a cidade e concentrouse ás portas das sedes da Subdelegación do Goberno e da Deputación provincial. 

Os rexedores, acompañados de representantes das plataformas de afectados, reuníronse co presidente da Deputación, Rafael Louzán, para esixirlle que leve ao Pleno da Deputación Provincial e aprobe un conxunto de demandas centradas da recuperación dos cartos

Na marcha participaron os alcaldes de Pontevedra: Miguel Anxo Fernández Lores, Bueu: Felix Juncal, Marín: María Ramallo, Cangas: José Enrique Sotelo; e Soutomaior: Agustín Regueira. Os rexedores, acompañados de representantes das plataformas de afectados, reuníronse co presidente da Deputación, Rafael Louzán, para esixirlle que leve ao Pleno da Deputación Provincial e aprobe un conxunto de demandas centradas da recuperación dos cartos depositados nas entidades bancarias e agora retidos. Piden que non se aplique a quita aos afectados e rexeitan que se cambien os cartos investidos por outros produtos financeiros coma accións. Tamén se demanda que se amplíe a todas as persoas que así o requiran o sistema arbitral e que este se acelere.

Os berros e consignas máis repetidas polos manifestantes no seu percorrido pola rúas de Pontevedra e tamén na concentración que realizaron no exterior da Deputación mentres se mantiña o referido encontro con Rafael Louzán foron "¡Manos arriba, esto es un atraco!”  “Goberno solucións!” e "Ia, ia, ia, a Xunta xa o sabía". Na xuntanza Louzán transmitiulles a súa "solidariedade" en nome da Deputacion e do PP e prometeu realizar unha serie de xestións, por exemplo remitirlle unha carta ao presidente de NGB, José María Castellano, para que os reciba. Ademais, fixo un chamamento aos alcaldes dos concellos da provincia que para que "se impliquen" na defensa destas persoas.

 

Apoio dos concellos do Barbanza

Os alcaldes de Muros, Noia, Lousame, Porto do Son, Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, Rois, Dodro, Padrón e Valga ofrecéronse a mediar con NGB

Tamén no Barbanza un grupo de alcaldes amosou este xoves o seu apoio público aos afectados pola estafa dea preferentes, que dende hai 15 dias están pechados no concello de Boiro. Os rexedores municipais de Muros, Noia, Lousame, Porto do Son, Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, Rois, Dodro, Padrón e Valga mantiveron un encontro con este grupo de afectados e ofrecéronse a mediar con NGB e o Ministerio de Economía. Ademais, anunciaron que nas vindeiras semanas se presentarán en todos estes concellos unha moción conxunta de apoio que trasladarán á directiva da Fegamp.

Concentración dos afectados ante a Deputación CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.