A CIG, CCO e a Xunta de Persoal e do Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta celebrarán este xoves a denominada Marcha a Monte Pío, unha acción coa que pretenden denunciar os recortes sufridos polos traballadores públicos "despois de padecer o exercicio do poder de Alberto Nuñez Feijoo, centrado moi especialmente en recortar os dereitos dos empregados públicos e de convertelos nos paganos do despilfarro e mala xestión do seu Executivo".
Os convocantes acusan a feijóo de "recortar os dereitos dos empregados públicos e convertelos nos paganos do despilfarro e mala xestión do Executivo"
A manifestación, tal e como fixera a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia nun comunicado con motivo das eleccións do vindeiro domingo, denuncia que o actual Goberno, desde a súa chegada ao poder en 2009, "implantou unha política de acoso e derruba ao colectivo de empregados públicos e contra os servizos públicos en xeral", e acusa o presidente Feijóo de "desprezar" o seu labor xunto con varios conselleiros, algo que ven como "constante", ben en forma de "declaracións públicas falsas e argumentacións falaces ou ben impulsando cambios normativos dirixidos a recortar e limar os dereitos adquiridos".
A marcha, que dará comezo ás 16.30 horas en San Caetano, percorrerá a cidade de Compostela até chegar á residencia oficial do presidente da Xunta, ao que se lle pretende dar "unha despedida" e "sinalar" así o que os sindicatos consideran como "máximo culpable desta situación neste país". "Por iso imos á súa casa, casa que pagamos todos e todas, a fin de contas un edificio público dende o que se deciden, mandan e ordean todos e cada un dos recortes que sufrimos como empregadas e empregados públicos", denuncian os convocantes.
"Imos á casa de Feijóo porque alí se deciden, mandan e ordean cada un dos recortes sufridos polos empregados públicos"
Ademais, ao chegar a Monte Pío terá lugar "unha merendola a base chourizos, como símbolo do que está realmente a pasar", amenizada con música tradicional. O lema é Leva o pan, os chourizos xa está alí. Fernando García, responsable de CIG-Autonómica, un dos sindicatos convocantes, non teme que acusen a convocatoria de interferir na campaña electoral e lembra que os funcionarios, como traballadores públicos, teñen na Xunta "a condición de Goberno, pero tamén de patrón". "Non ten unha motivación electoral, pero si política, porque nós non queremos que Feijóo goberne por ser o causante desta barbarie de recortes continuado", finaliza.