Incidentes no comezo da masiva manifestación da Coruña

Un dos momentos de tensións provocados pola protesta Dominio Público Praza Pública

Non ben comezara a moverse a cabeceira da manifestación, que partira da Praza da Palloza, cando un grupo dunhas doce persoas –vestidas de negro e cos rostros cubertos– irrompeu por diante da marcha cunha faixa acusatoria contra os sindicatos convocantes e repartindo panfletos. Os ánimos quentáronse, sobre todo na parte dianteira da manifestación, até o punto de que o servizo de orde tivo que parar algúns manifestantes que mostraban unha actitude ameazante cara os mozos e mozas que protagonizaron a inesperada protesta.

Durante uns minutos, a marcha parou e a policía tivo que facer un cordón de isolamento. Os sindicatos responderon ao berro de "Os sindicatos damos a cara!" e as cousas proseguiron con normalidade, co pequeno grupo protestanto desde a beirarrúa e gritando consignas a favor dunha folga xeral indefinida e reclamando o seu dereito á liberdade de expresión. Cando semellaba que as cousas se calmaran, o pequeno black block voltou a colocarse por dúas veces por diante da cabeceira oficial da marcha, dando lugar a novos momentos de tensión que se saldaron con tres detencións (de dous homes e unha muller) efectuadas pola Policía Nacional.

Segundo puido saber Praza, as persoas que participaron na acción de protesta contra os sindicatos non o fixeron en nome de ningunha organización, a pesar de que a faixa estaba asinada baixo o nome Autonomía Obreira, senón que pertencen a grupos heteroxéneos (membros do movemento okupa, militantes anarquistas e activistas de diversas ramas do 15-M local). A decisión de participar na manifestación como bloque crítico xa estaba tomada desde hai días, mais foi instantes antes do comezo da marcha cando –nunha asemblea realizada na Tabacaleira, nas inmediacións da Praza da Palloza– se acordou que a acción debería levarse a cabo dun xeito ben visible. Noutras ocasións, eses grupos optaran por incorporarse coas súas mensaxes ao corpo da manifestación, mais sen interromper o seu desenvolvemento.

En declaracións a Praza, un dos participantes na protesta indicou que o seu obxectivo era facer un chamamento a prol da unidade sindical e por unha folga xeral de carácter indefinido, ao tempo que negou calquera vontade de provocación e acusou un dos sindicatos convocantes de ser responsable da reacción violenta –que non chegou a consumarse– dalgunhas persoas e de ter obrigado a policía a intervir.

Faixa acusando os sindicatos de seren "traidores" Dominio Público Praza Pública
A momentánea paralización da marcha foi resolvida pola intervención policial Dominio Público Praza Pública
A policía detivo tres persoas e introduciunas nun furgón Dominio Público Praza Pública
Un dos momentos de tensión provocados pola protesta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.