Informar sobre catástrofes si, pero non así

Zona do accidente, nunha imaxe captada por xornalistas de France 2 © France 2

Unha nova catástrofe e unha nova fervenza de excesos nos medios de comunicación. Como antes acontecera co accidente do Alvia na parroquia compostelá de Angrois, co asasinato da nena Asunta Basterra ou co avión de Spanair esnafrado no aeroporto madrileño de Barajas, o sinistro do Airbus A320 da compañía Germanwings que viaxaba este martes entre Barcelona e Düsseldorf con 150 persoas a bordo deu lugar a un marasmo no que a fronteira entre a información, o sensacionalismo e mesmo o espectáculo esvaeu de novo. Este é o contexto no que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volveu lembrar o contido das recomendacións que medios e xornalistas deben seguir para informaren con rigor sobre sucesos de catástrofe, sintetizadas pola entidade galega nun decálogo.

Mentres cámaras e micrófonos comezaban a asediar os familiares das persoas que viaxaban na aeronave sinistrada nos Alpes franceses mesmo antes de saberen se os seus seres queridos morreran ou non, o CPXG lembraba a imperiosa necesidade de "respectar o ámbito privado das persoas directa e indirectamente afectadas" por calqura catástrofe. "Fotoxornalistas e cámaras de televisión han respeitar o dereito" das vítimas a "non permitiren a captación de imaxes nas que teñan algún tipo de protagonismo". Mesmo aínda que vítimas e persoas achegadas non indiquen expresamente que non desexan seren fotografadas ou gravadas, "é recomendable absterse de utilizar imaxes que puidan comportar degradación".

O CPXG chama a "evitar a publicación de primeiros planos de persoas en situación de sufrimento"

Na liña co anterior, a entidade profesional lembra a evidente obriga de "respectar a dor e o sufrimento". "Tanto as persoas implicadas directamente na traxedia como os seus achegados pasan por momentos moi difíciles", que "non deben nin ser expostos á luz pública nin aumentados por ningunha vía". Isto implica, polo tanto, "evitar a publicación de primeiros planos de persoas en situación de sufrimento" e "o acoso e as preguntas en situacións inadecuadas". A dor, subliña o Colexio, está en todo momento "por riba da busca de información", que "en moitos casos" pode tornar "nunha mera percura do morbo".

Datos, non conxeturas

O decálogo do CPXG para informar axeitadamente sobre as catástrofes pon o acento nun dos aspectos máis recorrentes en determinados ámbitos mediáticos, caso por exemplo das tertulias: a necesidade de supeditar a información aos datos reais e non ás conxeturas. "En ocasións -evidencia- os medios lánzanse a realizar conxeturas sobre as causas, consecuencias e outros aspectos do acontecemento", unha opción que "pode aumentar a angustia e preocupación das vítimas" e mesmo "resultar lesiva para a honra ou a imaxe". Todos estes riscos evítanse baseando as novas en "fontes expertas e oficiais". No caso das listas de persoas falecidas, non fornecendo información "nunca" sen que antes a coñezan as persoas afectadas.

"As conxeturas e hipóteses sobre a traxedia deben ser evitadas"

Non "contribuír a crear situacións de psicose", marcar "perfectamente" a "distinción" entre "reconstrucións, recreacións e feitos" ou "coidar a linguaxe e evitar recursos espectacularizadores" son outras das recomendacións nun ámbito no que, advirte o decálogo, "a información fornecida polas persoas afectadas ten que ser valorada e contrastada, como o reto de informacións". "Verse convertido, por desgraza, no protagonista dunha traxedia non pode ser xustificación para introducir na axenda mediática calcquera tipo de información". "A dor e a desesperación -explica o Colexio- levan decote a realizar declaracións e acusacións sen ningún tipo de proba", polo que os xornalistas deben "peneirar" e evitar "o que non é noticioso", así como "detalles sensacionalistas".

Estas recomendacións, unidas á obriga de editar o material gráfico completan unha guía na que o CXPG recalca o que, a priori, é obvio: "Non é admisible a distinción entre vítimas", polo que non cabe "diferenza de gravidade ou interese informativo" en función de nacionalidade, raza, idade, sexo "ou calquera outra condición", porque "isto non é máis ca unha forma de discriminación". Cómpre, en síntese "buscar a maior rigorosidade".

Avión de Germanwings © Stefan Slegenthaler

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.