Iniciativas sociais polo ensino en galego estenden a 'semente' da inmersión lingüística

Instalacións dunha escola do movemento social Semente © Semente Trasancos

Constantemente, e desde hai xa anos, os datos inciden no devalo que a lingua galega sofre, sobre todo entre a mocidade e a infancia. Segundo as estatísticas, apenas o 18% dos nenos en Galicia aprenden a falar en galego e a poboación coa galega como lingua inicial caeu 20 puntos en só dúas décadas. A propia Real Academia Galega (RAG) alerta da creba na transmisión interxeracional do idioma e, nun dos seus últimos estudos, advertiu de que a escola, lonxe de aprender e normalizar o galego, está a actuar como axente "desgaleguizador" entre os máis novos. 

Apenas o 18% dos nenos aprenden a falar en galego e menos do 10% das escolas infantís das cidades usan maioritariamente a lingua galega

Non é a primeira vez --nin será a última-- que profesionais docentes ou do ámbito da normalización alertan das problemáticos que nais e pais lles formulan ao comprobar como todo o esforzo na casa para que os fillos aprendan e se expresen en galego esmorece aos poucos unha vez comezada a escola en Infantil ou Primaria, nomeadamente nas cidades e áreas urbanas. Segundo os datos que difundira a Mesa, tan só un 8,5% das escolas infantís das cidades usan maioritariamente a lingua galega, mentres que o 40% exclúen o idioma totalmente das aulas. 

Semente mantén abertos cinco escolas infantís e un centro de Primaria de inmersión lingüística en Galicia

Ante esa realidade, varias iniciativas veñen fomentando nos últimos anos a creación de escolas de ensino en galego, centros de inmersión lingüística financiados polas propias familias do alumnado e cidadanía comprometida. Unha delas é Semente, que mantén abertas cinco escolas infantís (Lugo, Ferrolterra, Vigo e dúas en Santiago de Compostela) e unha de Primaria (tamén en Compostela), mentres impulsa a apertura doutras tres de Infantil na Coruña, Pontevedra e Ourense e abriu xa unha campaña de micromecenado para inaugurar no vindeiro curso outro centro de Primaria en Neda para o que precisarían uns 35.000 euros. 

A entidade inicia unha campaña para abrir outra centro de Primaria en Neda de cara ao vindeiro curso

Sería, como explica Semente, outra escola na que se "garanta que os pequenos poidan crecer na nosa lingua, en liberdade e con atención aos propios procesos de aprendizaxe". Na comarca de Ferrolterra son vinte os cativos e cativas que asisten ás aulas de Infantil, mentres que entre 80 e 100 fano no conxunto de Galicia nas escolas pertencentes a esta iniciativa. 

Polo momento, e en tan só unhas horas de campaña, Semente leva apañados máis de 2.500 euros. "Estamos moi contentas porque a resposta polo de agora é moi boa; poñemos todo o empeño e non só se implicou xente con achegas, senón colaborando nas recompensas que ofrecemos a quen nos axuda no proxecto", din desde a entidade, que agradece o apoio de artistas e persoeiros varios que achegan láminas, CDs, cursos ou filmes. 

O "apoio económico e social" é fundamental neste caso e noutros para poder manter o espazo e o persoal educador necesario. Como ocorre no resto de iniciativas de Semente, o financiamento durante o curso depende das achegas dos pais e nais do alumnado, así como de aportacións de socios que colaboran coa iniciativa e da multitude de eventos (festas, concertos, comparsas de Entroido, romarías...) que se organizan durante o curso. No caso de Ferrolterra, por exemplo, son vinte os nenos que acoden á escola Infantil e uns 70 os asociados. 

"É triste que Semente teña que exisitir, pero é a maneira que hai de perpetuar o ensino en galego"

O obxectivo principal: a educación dos máis pequenos e a aprendizaxe en galego ante a "precaria" situación que para a lingua se dá na maioría dos centros. "É triste que Semente teña que exisitir, pero é a maneira que hai de perpetuar o ensino en galego; é un traballo que temos que facer desde as familias e que é lóxico nunha persoa minimamente sensibilizada", insiste unha das impulsoras. 

Mentres, na Coruña, Pontevedra e Ourense outros grupos de persoas traballan para axiña poder impulsar cadansúas escolas infantís, o que ampliaría a rede a dez no caso de concretarse o centro de Primaria en Neda, para cuxo financiamento Semente traballa coa cooperativa Coop57. No caso de confirmarse a compra, sería o primeiro local en propiedade deste movemento social. 

Alumnado dunha escola de Semente © Semente Trasancos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.