Inspección recoñece a relación laboral de Educación co profesorado dos CELGA

Protesta do profesorado do CELGA © linguaprecaria.wordpress.com

A Inspección de Traballo da Provincia de A Coruña vén de recoñecer, dándolle a razón a unha denuncia da CIG-Ensino, a relación laboral por conta allea existente entre a Consellaría de Educación e o profesorado que imparte os cursos preparatorios do CELGA. Esta decisión da inspección implica a alta na Seguridade Social destes traballadores e traballadoras nos períodos nos que estiveron empregados. A Tesourería Xeral da Seguridade Social da Coruña xa deu de alta con efectos retroactivos a todas as persoas afectadas nos períodos nos que impartiron cursos nos últimos catro anos e a propia inspección impúxolle á Xunta unha multa de máis de 200.000 euros.

CIG-Ensino tamén interpuxo denuncia na Inspección de Traballo de Ourense, Lugo e Pontevedra. Para o sindicato, a resolución "evidencia a actuación fraudulenta da Consellaría de Educación", á que "non lle queda outra solución que facer extensíbel para toda Galiza a resolución da inspección de traballo da Coruña de que hai unha relación laboral por conta allea e que só cabe contrato laboral e alta na Seguridade Social". A central comunicoulle á Consellaría de Educación esta opinión nunha reunión celebrada o pasado 5 de decembro. Daquela, o secretario xeral da Consellaría dérase un prazo de 15 días para adoptar unha decisión. Para a CIG-Ensino "é totalmente inaceptábel que a Consellaría siga obstinada en eximirse das súas responsabilidades e non procure unha solución definitiva".

O colectivo de mestres e mestras colaboradoras da Secretaría Xeral de Política Lingüística para impartir os cursos de galego para adultos, ao redor de 500 persoas, leva meses mobilizándose e denunciando a súa "precaria situación". A través dun manifesto pediu "a creación dun grupo estable de profesorado profesionalizado, seleccionado e contratado a través dun proceso selectivo público de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade". Tamén criticaban que "cada ano cambien os procedementos para acceder á listaxe de profesorado", de "ter só obrigas e de non ter ningún dereito" e as "prácticas escurantistas".

Exame do CELGA © Xunta
Protesta do profesorado do CELGA © linguaprecaria.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.