Isca! vén de iniciar unha campaña de accións en áreas comerciais contra empresas e marcas "complices do sionismo", a través da colocación de carteis e adhesivos nos lugares nos que os seus produtos se expoñen ao público. Entre as compañías sinaladas, destacan Nestlé, Buitoni, Garnier, L’Oréal, Sephora, McDonald’s, H&M, Motorola ou Coca Cola, entre outras. Unha das primeiras actuacións tivo lugar nun supermercado e un centro comercial da cidade de Vigo e complétase cun vídeo, que está a ter unha gran distribución a través das redes sociais.
As accións enmárcanse na campaña BDS contra Israel (Boicot, Desinvestimentos e Sancións), nacida en 2005 dun chamamento do pobo palestino que pretende rematar "coas brutais políticas do rexime sionista desde 1948: ocupación, colonización e apartheid". A campaña non se dirixe contra o pobo xudeu, senón contra institucións e empresas "que sosteñen o réxime opresor" e inspírase no boicot internacional contra o apartheid na África do Sur que foi decisivo para rematar con estoutro rexime racista.
Isca! destaca que Israel é "un dos estados do mundo que máis imcumpre os dereitos humanos, que contravén tratados internacionais e acordos como a Convención de Xenebra" e lembra que "o seu réxime xurídico mantén e institucionaliza a ocupación ilegal do territorio palestino, a discriminación dos palestinas que habitan en territorio colonizado, nega o dereito ao retorno das palestinas exiliadas e legalizar a tortura e o bombardeo indiscriminado de civís"