Javier Gallego: "Estamos nas marxes, pero non nos sentimos marxinais"

Javier Gallego © El Diario

Carne Cruda iniciou esta semana a súa cuarta tempada como programa independente, sustentado polos seus e as súas oíntes e asociado a Eldiario.es. Despois de ser desaloxado de Radio3 primeiro e da Cadena Ser despois, o espazo conducido por Javier Gallego Crudo foi quen de construír unha "república independente" para seguir facendo radio, grazas ao apoio das ao redor de catro mil persoas que a través das súas achegas se converteron en produtoras. Este sábado emítese en directo dende Bueu, para celebrar o 10º aniversario do Festival Internacional de Curtas FICBUEU. O programa comezará ás 19.45 horas fronte ao Centro Social do Mar (Rúa Montero Ríos s/n). Falamos con Javier Gallego

Botáronvos de Radio3 e da SER e conseguistes saír adiante, apelando ao apoio dunha comunidade de oíntes. A posibilidade de facer xornalismo independente neste país pasa por aí, por construír medios e espazos financiados polos seus receptores?

Non sei se é a única vía, pero é unha vía posible que antes non o era. E que lles permitiu a moitos xornalistas sacar adiante medios co apoio dos lectores e oíntes, cunha independencia que hai anos era impensable. O control das grandes corporacións, dos fondos de investimento e das empresas privadas que están detrás dos grandes medios facían e fan imposible moitas veces traballar con certa liberdade.

"Hai un cambio de mentalidade e un cambio de soportes que permiten saír adiante novos discursos e novas formas de facer xornalismo"

Cantas persoas sustentan o programa neste momento? Con cantos produtores e produtoras contades?

Temos ao redor de 4.000, pero é unha cifra que varía moito, porque hai xente que entra e sae. Nestes anos ao redor de 4.000 persoas puxeron cartos cando menos unha vez.

"Sempre lembro que cando nos botaron de Radio3, o director da emisora comentou en ton despectivo que eramos un programa de radio pirata ou de radio libre. Iso tómoo como un eloxio"

En certa maneira, tivestes que levar a cabo un decrecemento do programa, tendo que traballar con moitos menos medios e recursos. Iso nótase moito á hora de traballar?

Home, claro. Nós pasamos de traballar na radio pública deste país ou na principal cadea privada, as dúas emisoras con máis medios, a facer un pequeno programa pagado polos seus oíntes. Pero o que enche de orgullo e de entusiasmo é que a pesar de ser un programa moito máis pequeno temos un impacto -se non cuantitativo si cualitativo- na audiencia semellante ao de cadeas con moito máis diñeiro. Sobre todo porque agora Internet e as redes sociais permítenche chegar moito máis lonxe e facer máis con menos. Estamos facendo programas en teatros cheos, estamos competindo de igual a igual coas emisións online das radios tradicionais ou en redes como twitter somos quen de colocar os nosos hashtags en primeiro lugar en momentos moi destacados, como sucedeu na retransmisión da noite electoral dos últimos comicios xerais. Hai un cambio de mentalidade e un cambio de soportes que permiten saír adiante novos discursos e novas formas de facer xornalismo que antes non podían ter este éxito.

"Evidentemente eu ás veces boto de menos ter o altofalante que che dá unha emisora convencional, con varios centos de postes de reprodución e entrando nas radios dos coches e das casas dos cidadáns deste país"

En certa maneira recollestes o mellor da tradición de radios libres e comunitarias?

Claro, si. Sempre lembro que cando nos botaron de Radio3, o director da emisora comentou en ton despectivo que eramos un programa de radio pirata ou de radio libre. Iso tómoo como un eloxio. Nós recollemos o espírito de algo que xa existe, no que eu tamén me criei. Eu cando comecei facendo radio, foi facendo programas con amigos en radios comunitarias, e levaba escoitándoas dende que era moi novo. Ese espírito contestatario, libre e comunitario creo que está en Carne Cruda. Ademais, agora aproveitamos unha capacidade de chegar a máis xente que antes non se tiña. E, igualmente, beneficiámonos dunha historia de censura que ao final nos axudou a darlle visibilidade ao que facemos. Hai que recoñecerlle aos inimigos do programa o gran labor que fixeron pola súa difusión.

Vou recoller unha desas citas de Gramsci, tan manidas nos ultimos anos, sobre "o vello que non acaba de morrer e o novo que non acaba de nacer". Case sempre se aplica aos partidos políticos, pero define tamén o que está a pasar cos medios de comunicación? Medios tradicionais en crise, reducindo o seu impacto, avellentados..., fronte a uns novos medios en crecemento pero aínda sen acadar a mesma capacidade de influencia?

Si, tes toda a razón. Evidentemente eu ás veces boto de menos ter o altofalante que che dá unha emisora convencional, con varios centos de postes de reprodución e entrando nas radios dos coches e das casas dos cidadáns deste país. Evidentemente temos menos alcance, porque non todo o mundo está na rede, polo que o impacto é moito menor. Posiblemente o cambio social tarde máis en chegar e está sendo lento e custoso, porque os novos medios xornalísticos non teñen aínda o impacto que teñen os grandes medios tradicionais. Aínda que podemos ter moito entusiasmo por estar abrindo novas vías, contamos cun armamento moito máis reducido.

"Sempre digo que nós estamos nas marxes, pero non nos sentimos marxinais, que é mellor vivir na periferia que estar afogando no centro"

Tedes unha axenda de temas que se afasta moitas veces daqueles dos que falan a maior parte dos medios tradicionais, buscades novas voces, problemáticas distintas. De que xeito un medio pode ofrecer unha visión alternativa sobre os asuntos sobre os que as grandes cabeceiras están machacando -Venezuela, Cataluña...- e ao tempo ser capaz de abrir novas vías temáticas?

Ao final hai que saber compensar e buscar un equilibrio, entre non permanecer alleo á realidade maioritaria, que non é a única realidade, e ao mesmo tempo tratar de ofrecer unha visión alternativa, outros ángulos. Hai que tentar tratar dende outras perspectivas os temas dos que todo o mundo está falando e, á vez, tentar incorporar outros temas. No programa tratamos de crear outra realidade, e tamén de facer visible que esas outras realidades xa existen, que xa están en marcha, que outro mundo non é que sexa posible, é que xa está aí. Sempre digo que nós estamos nas marxes, pero non nos sentimos marxinais, que é mellor vivir na periferia que estar afogando no centro. Como do o profesor Carlos Taibo, se cadra temos que empezar a pensar menos no sistema e crear o noso propio mundo á marxe.

"Non se cambia o mundo, nin unha sociedade, nin unha cidade, e nin sequera un barrio en 5 anos. Probablemente tardemos décadas"

Dá a impresión de que unha certa fiestra de oportunidade que se abriu no 15M está a pecharse ou cando menos a estreitarse. Estás de acordo? Que facer ante iso? 

Creo que a fiestra se estreitou, máis que pecharse. Si que é certo que tiñamos a impresión de que se acelerara o proceso de cambio, pero o sistema -que está enfermo pero non morto- sacou as súas defensa e rearmouse. Despois hai que ter en conta que a política a fan persoas, e as persoas non sempre acertan en todo, e nos movementos que xurdiron houbo erros, enfrontamentos e obstáculos que fan máis difíciles os cambios sociais. Hai que ter paciencia, non se cambia o mundo, nin unha sociedade, nin unha cidade, e nin sequera un barrio en 5 anos. Probablemente tardemos décadas. E é normal que iso desespere, pero creo que teremos que seguir empurrando, realizando o noso traballo como profesionais os xornalistas e o noso traballo como cidadáns todos.

Ides emitir o programa dende a rúa, con público, en directo, como xa fixestes hai uns días en Barcelona. Que diferenzas hai a facelo nun estudio?

Hai unha tensión, unha enerxía que se xera como en calquera espectáculo de cara ao público, como sucede no teatro ou nun concerto, que é distinta á que tes nun estudio, onde todo é máis recollido e máis calmado. Nunha emisión con público prodúcese un ciclo entre o que dis, a reacción da xente, a túa resposta ao que ti notas no público... Nós cando facemos o programa na rúa xa o facemos de forma distinta a como sería no estudio, buscamos que teña certa espectacularidade, para que o espectáculo visual estea máis ou menos á altura do sonoro.

"Hai xente facendo cousas moi interesantes no mundo que non ocupan as portadas dos grandes medios, pero que constrúen cultura, constrúen país e constrúen patrimonio, como fai o FICBUEU en Bueu"

Vides a Bueu, a carón de Pontevedra, a cidade de Rajoy. Isto xa o facedes para provocar, non si?

(Risas) Si, fomos facer un exorcismo, a sacar de alí o espírito de Rajoy e poñer outro máis moderno, máis aberto e menos casposo

E a darlle voz ao FICBUEU...

Si, o FICBUEU leva xa dez anos en activo, converténdose nun referente no mundo das curtametraxes en España. Emociónanos que pensaran en nós e que nos ofreceran facer o programa dende alí, na rúa, para que a xente vexa como se fai radio en directo e para que falemos do festival. É unha mostra máis de que hai xente facendo cousas moi interesantes no mundo, que non ocupan as portadas dos grandes medios, pero que constrúen cultura, constrúen país e constrúen patrimonio, como fai o FICBUEU en Bueu.

 

Gravación dun dos programas de Carne Cruda, este verán © Carne Cruda
Javier Gallego © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.