Jorquera, "orgulloso" de ter protestado contra o desaloxo de Aurelia Rey

Jorquera, xunto a outros concentrados na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

O 18 de febreiro de 2013 unha concentración tentou evitar que Aurelia Rey, de 85 anos de idade, fose expulsada da súa casa, na Coruña. A presión social logrou impedir o desaloxo, despois de horas de tensión e de varias cargas policiais, que mesmo fixeron que varios cargos públicos acabasen polo chan ou fosen zarandeados polos axentes. A Subdelegación do Goberno decidiu en xuño expedientar oito persoas, propoñendo unha sanción de 600 euros a Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento, os concelleiros Xosé Manuel Carril (BNG) e César Santiso (EU), ademais de Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, tres activistas de Stop Desafiuzamentos, e o bombeiro que se negou a levar a cabo o desaloxo e cuxo xesto apoiando a detención do lanzamento da anciá deu a volta ao mundo. As sancións foron criticadas por todos os grupos da oposición, e apoiadas polo PP. Uns días despois os expedientados presentaron unha alegación conxunta contra "a criminalización da protesta na rúa".

Este xoves celebrouse na Coruña a vista de proba derivada do recurso contencioso administrativo presentado contra as multas da Delegación do Goberno. A entrada dos xulgados Francisco Jorquera denunciou unha vez máis a “criminalización da protesta” por parte dos gobernos populares en Santiago e Madrid. “A propia Amnistía Internacional advirte da criminalización que está a facer o Estado español das protestas sociais contra as políticas do Goberno do PP”, afirmou, "tanto coas actuacións policiais, moitas veces desmedidas”, como a través da “persecución dos colectivos organizados que protestan a través de multas e sancións”, ou dunha lexislación “regresiva”, a denominada Lei mordaza, “auténtico atentado contra dereitos fundamentais”.

O voceiro parlamentario do BNG destacou "a resposta das persoas que protestaron contra esa inxustiza, o que permitiu unha solución negociada que evitou o desafiuzamento” e manifestouse “orgullose por ter participado como un cidadán máis na protesta pacífica para evitar a inxustiza de deixar na rúa a unha anciá e para defender un dereito fundamental como é o dereito a vivenda e a unha vida digna”.

Jorquera, xunto a outros concentrados na Coruña CC-BY-SA M. Pereira
Carga policial ante a casa de Aurelia Rey CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.