La Capital: Loita polo emprego, loita pola pluralidade informativa

Os traballadores de La Capital levarán a cabo unha nova folga o 15 de setembro © Diario de Ferrol en folga

Cando desaparece un medio de comunicación, non só desaparecen un certo número de postos de traballo, desaparece un punto de encontro dunha comunidade (dunha comunidade local no caso dos medios de proximidade). Unha cidade, unha comarca, perden neses casos un instrumento de difusión, un espazo de recoñecemento, de cohesión e de pluralidade. Os traballadores e traballadoras dos xornais da editorial La Capital loitan polo futuro dos seus empregos, e tamén polo futuro das súas cabeceiras. "Queremos escribir o noso futuro", dicía a faixa que encabezaba a manifestación que o pasado 2 de setembro percorreu as rúas de Ferrol en defensa da redacción do seu xornal local.

As cabeceiras deste grupo (Diario de Ferrol, Diario de Arousa, El Ideal Gallego e DXT) e os seus cadros de persoal atravesan unha situación difícil dende hai anos: Recortes salariais, atrasos constantes nos pagamente, EREs temporais encadeados e despedimentos que levaron á perda do 40% dos postos de traballo e a un consecuente empobrecemento dos xornais, o que non fixo máis que complicar o seu estado e as súas posibilidades de recuperación. O despedimento, hai unhas semanas, de dúas das xornalistas do Diario de Ferrol con máis antigüidade e doutra compañeira de El Ideal Gallego rebordou a paciencia duns traballadores aos que se lles adebedan dúas mensualidades e media paga extraordinaria. Unha primeira convocatoria de folga, os pasados 2 e 3 de setembro (máis a que xa tivera lugar en xaneiro), terá continuidade o vindeiro martes 15.

Este mesmo xoves os representantes dos e das traballadoras mantiveron unha xuntanza coa Subdirección Xeral de Traballo, á que lle comunicaron a gravidade da situación, cun total de 21 rescisións de contrato no último ano e a inquedanza do persoal tralos últimos despedimentos. Alberte Amado (CIG) critica "a actitude que está tomando a empresa, que optou por despedimentos individuais, no canto de explorar outras opcións". "É unha situación na que perdes moita capacidade de defensa do traballador", explica. "Tamén perdes a opción de valorar unha solución de futuro, que é o que estamos a demandar. Esiximos da empresa un plan de viabilidade e que explique como se vai traballar nas cabeceiras, ademais dun plan de pagamento das débedas que ten cos traballadores", di.

Alberte Amado (CIG): "Esiximos da empresa un plan de viabilidade e que explique como se vai traballar nas cabeceiras, ademais dun plan de pagamento das débedas que ten cos traballadores"

A falta de diálogo por parte da empresa, que nin sequera se puxo en contacto co comité de folga, levou os e as traballadoras a convocar unha nova xornada de paros para o vindeiro martes 15 de setembro. De novo, os xornalistas das catro cabeceiras non elaborarán o xornal do dia 16. O mesmo sucedeu na exitosa convocatoria de folga da pasada semana, na que participaron o 95% dos traballadores e traballadoras, segundo os sindicatos, pero na que a empresa foi quen de botar a andar as rotativas e de poñer na rúa unha versións reducidas das cabeceiras, grazas a algunhas "artimañas", en palabras de Alberte Amado, e do traballo de directores e cargos intermedios.

Dende a redacción do xornal ferrolán salientan que unha parte importante da mala situación do seu xornal está provocada por unha "mala xestión empresarial"

"A empresa tomou como unha cuestión persoal e unha exhibición de forza o sacar os xornais á rúa ao día siguiente, ao prezo que fose", din dende o persoal do Diario de Ferrol. "Con soberbia e coa súa desidia habitual, a empresa non fixo o máis mínimo ademán de abrir unha vía de diálogo cos seus traballadores", engaden, advertido de que "probablemente o 16 estarán dispoñibles de novo todos os xornais do grupo, pero sabede que a maioría deles -cando menos Diario de Ferrol- non os escribirán os seus xornalistas". Algunhas cifras deixan claro o proceso de desmantelamento deste xornal: Nos últimos tres anos perdeu a metade do seu persoal, pasando de 32 a 16 traballadores; hoxe, a información xeral de Ferrol e a súa comarca está elaborada por seis persoas, e outras catro en deportes. Estes días, por exemplo, con baixas por vacacións, moitos días eses seis redactores convértense en tres, que deben elaborar o groso do xornal. Dende a redacción ferrolá salientan que, alén das dificultades polas que pasan todas as cabeceiras impresas, unha parte importante da mala situación do seu xornal está provocada por unha "mala xestión empresarial".

 

Un sector clave

"A resposta dos traballadores foi inmellorable", di Amado, o mesmo que a da cidadanía de Ferrol e Vilagarcía. Na cidade departamental ao redor de mil persoas acompañaron os xornalistas na manifestación, entre elas o propio alcalde Jorge Suárez. "Unha parte deste conflito atinxe á defensa dos empregos, pero é moito máis" -destaca o representante da CIG- "falamos dun sector clave, no que o mantemento destas cabeceiras e da súa actividade é moi importante para asegurar a pluralidade informativa en comarcas como Ferrolterra e Arousa". "Se os proxectos non seguen adiante, perderíase moita desta pluralidade", engade.

"Pola parte da empresa estamos máis preocupados, porque vemos que seguen un criterio exclusivamente económico, que esquece a importancia do pouso social duns xornais que estaban moi implantados nas súas comarcas"

Alberte Amado sinala que se mantén "o ánimo" por parte dos traballadores para defenderen os seus empregos e estes proxectos xornalísticos, "en boa medida polo arroupe social que recibiron, tanto de antigos compañeiros coma da cidadanía". Porén, afirma que "pola parte da empresa estamos máis preocupados, porque vemos que seguen un criterio exclusivamente económico, que esquece a importancia do pouso social duns xornais que estaban moi implantados nas súas comarcas". "Coas medidas que están a adoptar, de reducir os planteis de traballadores, tanto en Ferrol, coma en Vilagarcía coma na Coruña, a empresa está reducindo a capacidade destes xornais de competir con outros medios e de facer xornalismo", di.

"É moi difícil o xornalismo, xa o sabemos, e dos seus males temos parte de culpa, pero non toda. Moita está nos despachos"

O camiño é o do desmantelamento. Pode que se manteñan as cabeceiras, pero con cantos xornalistas?, facendo que información? "É moi difícil o xornalismo, xa o sabemos, e dos seus males temos parte de culpa, pero non toda. Moita está nos despachos", reivindicouse hai uns meses no Teatro Jofre de Ferrol, no acto de entrega do Premio José Couso a Jordi Évole, engadindo que "creo que atoparemos o camiño dun futuro que non está escrito, que escribimos todos nós. E ese futuro non existe sen os xornalistas locais".

Concentración de apoio aos traballadores e traballadoras do Diario de Arousa © Diario de Arousa en loita
A manifestación de apoio á redacción do Diario de Ferrol reuniu un milleiro de persoas © Diario de Ferrol en folga
Concentración na Coruña de xornalistas de El Ideal Gallego e DXT © IdealDxtenloita

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.