“A muller seduce máis pola dozura, mesmo ás veces pola submisión”

Teresa Baró © RTVE

Os vindeiros días 8, 9, 22 e 23 de abril, os es as traballadoras da CRTVG poderán asistir a un curso sobre Linguaxe non verbal para comunicadores, enmarcado na programación de actividades formativas a disposición do persoal do ente público. O curso será impartido por Felicísimo Valbuena, catedrático da Universidad Complutense, e Teresa Baró, trainer en habilidades de comunicación. A presenza desta experta en comunicación persoal está a xerar polémica e xa motivou unha denuncia por parte da CIG, que solicita a retirada desta docente do curso.

“As mulleres sempre nos sentimos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos poidan protexer e asegurar a supervivencia das nosas crías, ademais de proporcionarnos un determinado status social"

O sindicato detectou "graves contidos sexistas" no enfoque da especialidade que imparte, e que están publicados na súa web www.teresabaro.com. Baró escribe, por exemplo, que “as mulleres sempre nos sentimos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos poidan protexer e asegurar a supervivencia das nosas crías, ademais de proporcionarnos un determinado status social. É unha mera cuestión biolóxica, instinto de supervivencia”. Ou, tamén, que “para triunfar na diversidade de roles que desempeña, a muller de hoxe ten que dominar moitos estilos de comunicación: dende o de profesional eficiente ao de muller sedutora sexualmente”. Ou, para rematar, conclúe que "a muller seduce máis pola dozura, a sensualidade, mesmo ás veces pola submisión”.

A CIG solicita a retirada desta docente do curso

Nun dos seus últimos posts, Baró ofrece unha serie de consellos para que as mulleres consigan seducir: "para resaltar o atractivo da anatomía feminina, a posición do corpo é básica (...) Hai un contoneo ao camiñar, para marcar as cadeiras, zona da fertilidade e tamén para facer máis evidentes as nádegas, que resultan moi atractivas para o home (...) Conscientes do poder de atracción do peito, moitos dos xestos de sedución están encamiñados a realzalo ou suxerilo, aínda cando está cuberto pola roupa".

No curso, a experta en comunicación, impartirá  algúns "fundamentos de comunicación non verbal", linguaxe corporal ou "postura, movementos con pernas e pés, xesticulación, expresión facial". A CIG considera que "afirmacións coma as citadas son contrarias aos principios de igualdade e non discriminación, lesionan gravemente os dereitos e a imaxe da muller e coliden cos principios nos que debe inspirarse a actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG". Lembra a este respecto o artigo 4 da Lei 9/2011, que dispón “a promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista".

Teresa Baró © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.