“A revolución debe ser un novo programa civilizacional”

Santiago Alba CC-BY-NC Universidad Internacional de Andalucía

Revolución. Será a palabra que máis se escoite ao longo desta semana en Pontevedra. A 31ª edición da Semana Galega de Filosofía estará dedicada ao debate deste concepto e á praxe que ao longo da historia tivo ou pode ter, coa intervención de moi destacadas voces, coma as de Santiago Alba Rico, que abriu a sesión desta mañá, Terry Eagleton, que intervirá tamén este luns, a partir das oito da tarde, ou de Gérard Mauger, Otelo Saraiva de Carvalho, Domenico Losurdo, Frank Mintz e Farruco Sesto, que pasarán nos vindeiros días polas xornadas organizadas pola Aula Castelao de Filosofía.

O obxectivo dos organizadores desta Semana é "comprender a realidade para transformala", fronte "á banalidade do mal", a "responsabilidade civil e vital por parte das vítimas do sistema imperial". Foron as ideas nas que incidiu Ana Regueira, coordinadora da Aula Castelao, que na apertura da sesión deste luns reivindicou "a posibilidade doutras formas de vida, de ser, de relacionarse, fóra do capitalismo, así como a usurpación de dereitos e da existencia, en xeral, por parte do sistema".

Regueira sinalou que "isto non pode seguir así" e reclamou "a necesidade da memoria" pois "sen memoria non hai causas nin hai culpables" e salientou que "o momento presente xa non é  un momento de denuncia, non chega con ser un rebelde, non chega con cambios cuantitativos, son necesarios cambios cualitativos, é necesaria unha revolución que nos leve a definir novas formas de vivir, ser e relacionarnos". Na súa presentación concluíu que "se hai algo que non se pode permitir o momento presente é a renuncia a pensar" e que "nunha sociedade en que os dous grandes males son a banalidade e a venalidade, a nosa aposta é xusto a contraria: nin todo é trivial, nin todo é vendible". As distintas ponencias e intervencións pódense seguir en directo, en streaming, grazas a GZ Videos, nesta ligazón.

 

Santiago Alba Rico: "Non hai posibilidade de reformar o capitalismo"

Para Santiago Alba Rico, “a revolución non irromperá como acontecemento fito que divida a historia en dúas partes claramente diferenciadas”. O autor considera que “a revolución debe ser un novo programa civilizacional” e que “hoxe en día temos que entender a revolución non tanto como algo que se vaia parecer á Revolución Francesa, senón máis ben como algo semellante á descomposición do Imperio Romano". "Se se descompón o imperio Romano, que programa civilizacional temos?”, preguntouse, e apostou por un programa civilizacional "que debe ser revolucionario no económico, reformista no institucional, e conservador no antropolóxico”.

“Temos que entender a revolución non tanto como algo que se vaia parecer á Revolución Francesa, senón máis ben como algo semellante á descomposición do Imperio Romano"

Alba Rico considera imprescindible esta revolución, sobre todo no plano económico, sinalando que o capitalismo, pola súa propia natureza, non pode ser reformado: “Busca permanentemente acumular e reproducir a riqueza, nunha carreira sen fin. O capitalismo está sempre esprintando, non ten meta e sempre acelera cara ao abismo". Alba Rica cre que "na súa análise do capitalismo Marx está plenamente vixente. O capitalismo caracterízase por voltear o ciclo natural do consumo, facendo hexemónico o ciclo diñeiro-mercadorías-diñeiro, a riqueza como fonte para adquirir máis riqueza, o que Aristóteles denominaba crematística”. Por ese motivo o filósofo considera que “non se lle pode pedir ao capitalismo que se modere ou que se deteña" e lembrou a definición de Walter Benjamin da revolución como "un freo de emerxencia, nun tren sobre o que perdemos o control".

Fronte a este consenso que dixo percibir nas esquerdas sobre a necesidade de superar o capitalismo, polo seu carácter "obsesivo" (porque non cesa) e "sádico", Alba Rico lembrou os debates históricos sobre o tratamento que se lle debe dar ao entramado institucional, ao Estado. E neste punto amosouse pragmático, e definiuse como "reformista": "Eu son reformista, pero para poder ser reformista hai que facer antes a revolución, crear unha orde constitucional, nas que haberá que intervir permanentemente para evitar a súa decadencia ou a súa opacidade". Concluíu a este respecto que "a roda é un grande invento, pero tamén o é a separación de poderes" e engadiu así mesmo que "o capitalismo é un proceso permanentemente destituínte, non institúe nada", polo que "a quen máis molestan os límites é ao capitalismo".

"Eu son reformista, pero para poder ser reformista hai que facer antes a revolución"

Alba Rico lembrou así mesmo unha crítica que Eagleton lle realiza a Badiou e a outros autores e unha tendencia a considerar "a revolución como un salto á historia", rozando "co místico" e reservado só a uns poucos. O filósofo sinalou a "necesidade de facer as revolucións cos pobos e coas maiorías sociais".

De igual xeito, Santiago Alba Rico propuxo "cuestionar e axustar a tecnoloxía como instrumento de emancipación", pois depende dunha infraestrutura que se sostén na explotación de recursos e individuos, criticando en certa forma o determinismo tecnolóxico e a confianza cega no progreso que tamén caracterizou o marxismo clásico. Nese sentido subliñou que nas redes, no mundo virtual, se reproduce a mesma correlación de forzas existente noutros espazos, polo que deben ser consideradas "outro campo de batalla" e non automaticamente unha ferramenta ao servizo da revolución.

"Nas redes, no mundo virtual, reprodúcese a mesma correlación de forzas existente noutros espazos"

Puxo estas reflexións en conexión, por exemplo, con algúns dos recentes movementos sociais vividos no norte de África, en Turquía ou no 15M, sinalando que "as novas tecnoloxías non serven para sacar a xente ás rúas, pero si serven cando xa están na rúa". E chamou a atención sobre o feito de que "no momento da historia no que as relacións entre os seres humanos son máis virtuais, é cando os seres humanos se convocan máis ca nunca para ocupar e defender o espazo físico público".

 

A sesión de tarde

Eagleton intentará aplicar a teoría marxista á nova disposición socioeconómica definida polo capitalismo nas súas novas estratexias

Na sesión da tarde, Alba Nogueira analizará os modos lexislativos polos que os poderes neoliberais, en connivencia cos Estados, recortan dereitos fundamentais, anulan aos cidadáns como suxeitos de dereito, co fin de castrar a resistencia, a protesta social fronte a unha máquina de poder que sega existencias, pois desposúe aos individuos do seu ser. Xusto antes de comezar a súa ponencia, plataformas en contra do lei do aborto lerán un manifesto, apoiado polos membros da Aula. 

Pola noite, a partir das 20 horas, Terry Eagleton (Por que Marx tiña razón), intentará aplicar a teoría marxista á nova disposición socioeconómica definida polo capitalismo nas súas novas estratexias. Para iso, repensará algúns dos conceptos fundamentais, axustándoos ás circunstancias actuais, recontextualizando, repensando e pondo baixo o ollo do presente algúns dos conceptos chave de Marx.

 

O resto do programa

A 31ª edición da Semana Galega de Filosofía contará coa participación de destacados pensadores e autores, comezando por Gérard Mauger (Director emérito do CNRS), que este mércores ofrecerá unha conferencia titulada A destitución do “mesianismo obreiro”: a contribución de Michael Foucault. Tamén participará o filósofo italiano Domenico Losurdo: Marx, a teoría da loita de clases e a situación actual; o filósofo cubano residente en Alemania, Raúl Fornet: Revolución, humanismo e filosofía intercultural ou o historiador Frank Mintz: A humanidade entre o xenocidio dos indixentes e a destrución da natureza, que respostas?

O mércores pechará a sesión o militar e revolucionario portugués Otelo Saraiva de Carvalho. E o venres Farruco Sesto protagonizará a sesión de clausura, presentado por Xosé Luis Méndez Ferrín. A participación galega completarase coa presenza do ecoloxista Xosé Veiras, a investigadora Ana Iglesias, a artista María Ruido e o político Bautista Álvarez.

Cartaz da Semana Galega de Filosofía © Aula Castelao
Santiago Alba CC-BY-NC Universidad Internacional de Andalucía
Terry Eagleton CC-BY-SA Billion

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.