Lanzan unha campaña para desintoxicar os fogares

Web da campaña 'Hogar sin tóxicos' © Praza Pública

O blog Un claro no bosque dá conta da campaña Fogar sen tóxicos, impulsada pola Fundación Vivo Sano para minimizar a exposición a moitas substancias carcinoxénicas e alerxénicas presentes nas nosas casas.

Moitas substancias químicas de probados efectos tóxicos están presentes nos nosos fogares. Formando parte de materiais de construción e decoración, de pinturas, de produtos de limpeza, de cosméticos, de plásticos,…., por non falar dos alimentos. Sustancias que por diversas vías poden acabar no noso corpo e deteriorar a nosa saúde. Non só estamos expostos a estas sustancias nas nosas casas, mais é nelas onde podemos facer máis a nível individual para minimizar a exposición. Para nos axudar nesta tarefa a Fundación Vivo Sano promove a campaña Fogar sen tóxicos.

Durante as últimas décadas multiplicouse a cantidade e a variedade de sustancias químicas sintéticas. Hoxe prodúcense millóns de toneladas de centos de miles de sustancias diferentes. A inmensa maioría foron postas no mercado sen ningunha avaliación dos seus posíbeis efectos negativos no ambiente e na saúde humana. A información científica dispoñíbel é aínda moi limitada, mais xa se identificaron 1.500 substancias carcinoxénicas e mutaxénicas, 3.000 alerxénicas, 1.500 disruptoras endocrinas -imitan ou alteran a acción das hormonas interferindo no sistema endocrino-, 3.000 alerxénicas… A presión da poderosa industria química fai que esteamos moi pouco protexidos fronte aos tóxicos nos fogares e á contaminación química en xeral, especialmente os grupos máis vulnerábeis, coma os nenos e as nenas ou as mulleres embarazadas.

A inmensa maioría foron postas no mercado sen ningunha avaliación dos seus posíbeis efectos negativos no ambiente e na saúde humana

Entre as sustancias tóxicas presentes nos fogares inclúense “algunhas das sustancias contaminantes que máis preocupan aos científicos, como algúns ftlalatos, retardantes de chama, compostos perfluorados, compostos voláteis,… Substancias que, segundo os casos, infindade de investigacións asocian a incrementos do risco de padecermos problemas tais como o cancro, asma, infertilidade…”.

 

Concienciación e presión política

Outro eixo fundamental da campaña é a presión política. As Administracións públicas “están facendo unha grave deixación de funcións”

A concienciación cidadá é un eixo central da campaña Fogar sen tóxicos, que conta coa colaboración de diversas entidades, como CCOO ou o Fondo para a Defensa da Saúde Ambiental. Para iso, creou unha web onde de forma didáctica se amosa o problema e as posíbeis solucións.

Outro eixo fundamental da campaña é a presión política. As Administracións públicas “están facendo unha grave deixación de funcións”. Desde Fogar sen tóxicos exixen “o control adecuado e, no seu caso, a substitución inmediata e obrigatoria de todas as substancias que poidan prexudicar de forma singular a saúde no fogar”. As súas propostas concrétanse nun Chamado a responsábeis sanitarios e de medio ambiente.

Web da campaña 'Hogar sin tóxicos' © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.