"Larsa quere plasmar fóra o que somos, galegos"

Entrevista ao xefe de fábrica de Larsa © Galeguizargalicia

No sector lácteo galego, Larsa é unha das empresas que identifica sen complexos a súa marca co uso da lingua galega, algo que se comproba axiña na rotulación dos envases, así como na cartelería que se pode atopar nas fábricas. Ademais, foi a primeira empresa que incorporou os dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras e consumidores e consumidoras no articulado do convenio colectivo nos primeiros anos da década dos noventa, sendo por ese motivo, "unha meritoria excepción en Galicia", tal e como destaca o Foro Peinador.

Larsa etiqueta en galego desde hai anos, profunda nesa estratexia e o seu convenio colectivo recoñece os dereitos lingüísticos dos traballadores

O presidente deste colectivo a favor da galeguización emprearial , Xosé González, falou con Francisco Javier Cordero, xefe da fábrica de Outeiro de Rei, que explica as razóns que levaron a empresa a apostar tan claramente polo idioma propio e as que animaron a Larsa a "profundar" no uso do galego na súa etiquetaxe, a través de novas campañas que se están a desenvolver neste momento. "É o noso idioma e temos que utilizalo", resume nunha frase.

"Somos galegos, nacemos en Galicia e estamos no mercado lácteo desde 1933; en todo este tempo houbo unha idiosincrasia de ida e volta no país, na empresa e na sociedade, pero levamos tempo xa traballando no idioma galego e queremos profundar nunha liña que xa levabamos", explica Cordero, que lembra que "a fábrica está rotulada en galego, ao igual que os produtos".

"Esa historia e ese saber facer que nos levou a ser o que somos queríamos plasmalo cara a fóra no que somos: galegos"

"Esa historia e ese saber facer que nos levou a ser o que somos queríamos plasmalo cara a fóra no que somos: galegos", insiste Cordero. Parte dos cartóns de leite, así como doutros produtos lácteos, tiñan a etiquetaxe en galego. Agora, Larsa "afonda nesa idea" e emprega a lingua propia tamén nunha campaña que desenvolve na actualidade e na que frases de "xente normal da rúa" de 78 anos -os mesmos que ten a empresa- expresa "con naturalidade" o que os seus consumidores pensan da sociedade onde viven. "Esa naturalidade da xente normal é a que temos que trasladar aos produtos", di Cordero.

"O galego é o noso idioma, a xente fala en galego e en moitos casos gústalle que cheguen ás súas casas no seu idioma. É a nosa lingua e temos que utilizala"

“Antes ou despois, sorprenderaste a ti mesmo dicindo: mira que nos complicamos a vida”, di unha desas frases nun cartón de leite. E a afirmación é aplicable tamén ao escaso uso do galego por parte das empresas galegas. "O galego é o noso idioma, a xente fala en galego e en moitos casos gústalle que cheguen ás súas casas no seu idioma. É a nosa lingua e temos que utilizala", argumenta Cordero, que destaca tamén o feito de que "o convenio colectivo sexa bilingüe".

Pero ademais, o devandito convenio foi o primeiro que incorporou os dereitos lingüísticos dos seus traballadores no texto. Segue en vigor desde o ano 1991 e serviu de exemplo a outras empresas, aínda que seguen sendo poucas.

 

Entrevista ao xefe de fábrica de Larsa © Galeguizargalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.