“Até agora respectei as regras, pero a partir de hoxe xa non. Non quero pagar”

Alberto Rendo, na peaxe da AP9 Dominio Público Praza Pública

"Ola, non quero pagar". O pasado 21 de marzo Alberto Rendo, de Narón, protestou contra os elevados e crecentes prezos da AP9. Chegou á peaxe e comunicou que non tiña intención de aboar os 2,95 euros que custaba o traxecto que realizara en doce minutos. O persoal da autoestrada impediulle o paso, bloqueando a peaxe até que hora e media máis tarde chegou ao lugar a Garda Civil, que o informou de que recibiría dúas multas (por non pagar e por estacionamento indebido) que suman 280 euros. Rendo recorreu estas dúas multas, e nas últimas semanas tamén levou a súa protesta á Xefatura Provincial de Tráfico e á Delegación do Ministerio de Fomento. "Levo moitos anos pagando esta peaxe, e tamén levo moitos anos pagando impostos para a construción de estradas. Non está xa amortizado?", preguntou na propia peaxe na que estaba retido, unha acción de protesta que gravou en vídeo e que posteriormente publicou a través de youtube, en tres entregas.

Nos vídeos obsérvase como Rendo lles expón, primeiro á traballadora da cabina de cobro, despois a un responsable de Audasa e finalmente a unha parella da Garda Civil, as razóns da súa protesta. Lembra que na situación de crise económica que estamos vivindo cada vez menos xente pode permitirse pagar unha autoestrada que nos últimos anos non deixou de encarecerse, rozando xa os dez euros para facer a viaxe de ida e volta entre Ferrol e A Coruña, ou os 40 entre Vigo e Ferrol. "Teño o dereito de viaxar por unha estrada rápida e segura, e de non sufrir os atascos na estrada nacional, que cada vez colle máis xente, ou a xogar a vida nela", di.

"Teño o dereito a viaxar por unha estrada rápida e segura, e a non sufrir os atascos na estrada nacional, que cada vez colle máis xente, ou a xogarme a vida nela"

A AP9 perdeu a cuarta parte do seu tráfico dende 2007, pasando de 27 mil a 20 mil usuarios mensuais. En paralelo, as vías alternativas, coma a N-550 (que vai da Coruña a Tui), a N-651 (entre Betanzos e Fene), a AC-523 (entre A Coruña e Mesón do Vento) ou a AG59 (entre Compostela e A Estrada) experimentaron importantes crecementos de ocupación. Audasa viu reducirse os seus beneficios, dende os 66 millóns anuais que gañaba en 2010, até os 29 millóns de euros que gañou en 2013. Pero mesmo así a autoestrada que vertebra Galicia de norte a sur segue sendo un gran negocio, e serao, cando menos, até o ano 2048, cando vence a concesión outorgada e prorrogada pola administración. 

“Se non ten cartos, por que vén por esta estrada? Ninguén o obriga a vir por aqui”, espetoulle un dos empregados da autoestrada. “Ninguén me obriga, pero ninguén me pon unha estrada mellor", respondeu Rendo, como se ve nos vídeos. “Vostede ten que aboar a peaxe e punto, non ten dereito a reclamar”, sinalou o encargado. “Vostede cre que á larga esta autoestrada vai ser libre de peaxe? Eu Europa ningunha autoestrada é gratis”, engadiron os traballadores de Audasa. “Vostede cre que é xusto?", preguntoulles Rendo a seguir. E ante a resposta: "Non teño opinión”, Rendo retrucou que “eu, como cidadán si que teño opinión”. O encargado de Audasa repetiu unicamente que “vostede ten obriga de pagar porque o di a lei”. “E se a lei está mal?”, preguntoulle Rendo. “Eu de leis non entendo”, concluíu o encargado da peaxe.

“Se non ten cartos, por que vén por esta estrada? Ninguén o obriga a vir por aqui”, espetoulle un dos empregados da autoestrada. “Ninguén me obriga, pero ninguén me pon unha estrada mellor", respondeu Rendo

Despois de hora e media, como se ve nun segundo vídeo, apareceu unha parella da Garda Civil. Os axentes da garda civil manifestaron estar de acordo coas razóns da súa reivindicación: o seu elevado prezo e o feito de que ano a ano se incremente. Rendo chegou a preguntarlles se “se o seu fillo colle o coche, vostede non estaría máis tranquilo se sabe que vén pola autoestrada?”. A barreira abriuse, finalmente (como se ve nun terceiro vídeo), e os axentes explicáronlle as infraccións que cometera.

Nun momento do vídeo vese tamén como Alberto Rendo lle argumenta á cobradora da peaxe que "supostamente esta autoestrada construíuse para facilitar a vida de todos, para chegar máis rápido e de forma máis segura a outras zonas de Galicia, pero agora mesmo, con estes prezos, non cumpre esa función, senón todo o contrario". "Eu son de Narón e non me podo permitir pagar vinte euros por ir a Vigo. E tampouco me podo permitir perder catro horas pola outra estrada. A autoestrada é un servizo público, non un ben de luxo", explica.

"Audasa gaña millóns e nin sequera os inviste en mellorar a autoestrada, e aínda por riba despide os traballadores para poñer cabinas de pago automático"

Rendo sinala que el, coa súa acción, ademais de facer patente a súa negativa a pagar, quería obter información sobre os beneficios que ten Audasa e "canto tempo máis e cantos cartos máis imos ter que seguir pagando. Que publiquen nalgún sitio canto queda por pagar!". "Non está amortizado xa? Eu traballei no Reino Unido. Fregaba pratos, pero vivía mellor que aquí. Alí pagan moitos impostos, pero as estradas son mellores. Aquí, en cambio, Audasa gaña millóns e nin sequera os inviste en mellorar a autoestrada, e aínda por riba despide os traballadores para poñer cabinas de pago automático", sinala. 

 

"Hoxe é o punto de ruptura"

“Eu non quero facer isto. É este sistema o que me empurra a facelo”, dilles nun momento aos axentes da Garda Civil que o multaron na peaxe. “Acepto as regras, pero se están ben fundadas. Cando se escriba que neste país todo o mundo ten que cobrar un salario xusto e que non pode ser explotado, defenderei a morte que iso se respete. Pero estas regras non as acepto, e non as vou respectar”, di. Conclúe que "até hoxe respectei as regras, até hoxe fun un bo cidadán, pero a partir de hoxe xa non. Hoxe é o punto de ruptura". De feito, advirte que continuará coa súa protesta, non só a través das alegacións que presentou contra as dúas multas das que foi informado na propia peaxe, e unha máis (doutros cen euros), que lle acaba de chegar, tamén por non pagar os 2,95 euros esixidos. Ademais, realizou xestións ante Xefatura Provincial de Tráfico e a Delegación do Ministerio de Fomento. "O único que fan é marearte. Teño que ir a Coruña para presentar a protesta ante Fomento e atópome con 40 funcionarios e ninguén me atende", di. 

"Vexo a xente moi pasiva, moi estática. Para moitos é máis doado pechar os ollos, ou mirar cara a outro lado. Pero eu non podo, nin tampouco quero. Loitando poderíamos conseguir algo mellor que todo isto"

Rendo eleva a súa protesta a outros ámbitos: "o da autoestrada é un problema moi grave, pero é un máis de tantos, e se cobran o que cobran é por culpa de como funciona ese sistema, que hai que cambiar". Engade que "a miña última pretensión era protestar contra algo máis grande que Audasa. O que pretendía era protestar contra os que fan as leis en beneficio de Audasa e non no meu, como están facendo con outras tantas cousas que nos son as autoestradas". "Vexo a xente moi pasiva, moi estática. Para moitos é máis doado pechar os ollos, ou mirar cara a outro lado. Pero eu non podo, nin tampouco quero. Loitando poderíamos conseguir algo mellor que todo isto", destaca. De feito, hai un tempo puxo en marcha unha campaña a través de change.org, que co lema #votoporecharlos pide unha "moción de censura cidadá contra o bipartidismo de PP e PSOE". "Non conseguiremos nada se non atacamos o problema dende a súa raíz. Doutro xeito seguiremos perdendo o tempo, e eu non quero seguir perdendo o meu", conclúe.

Alberto Rendo, na peaxe da AP9 Dominio Público Praza Pública
Despois de hora e media a Garda Civil acudiu ao lugar Dominio Público Praza Pública
Rendo foi informado no lugar de que ía ser multado con 280 euros Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.