Lei do Solo: AGE pide buscar solucións "que non impliquen o regreso ao urbanismo salvaxe"

A modificación proposta polo PP afectaría ao urbanismo de toda Galicia © Concello de Lugo

A pasada semana o PP fixo pública unha proposta para acelerar determinadas iniciativas urbanísticas en Vigo (Cidade da Xustiza, ampliación de PSA ou a estación intermodal de Urzaiz), bloqueadas trala anulación do PXOM en decembro por carecer dun trámite de avaliación ambiental. Os populares queren modificar o artigo 144 da Lei do Solo, alterando deste xeito a ordenación do territorio para toda Galicia para solucionar unha situación concreta e local. Coa modificación, ademais, proxectos urbanísticos promovidos polas distintas administracións poderían levarse a cabo mesmo sendo contrarios aos planeamentos municipais, eliminando mesmo a exposición pública dos proxectos, a posibilidade de presentar alegacións, a tramitación medioambiental e a obriga de seren aprobados polo pleno municipal. Todo, buscando resolver o problema creado en Vigo coa anulación do PXOM.

Sánchez: "Coa escusa de solucionar a anulación do PXOM ábrese á porta a unha nova vaga de urbanismo salvaxe"

A iniciativa do PP necesitaba contar co apoio de todos os grupos para poder modificar este artigo na comisión. O PSOE e o propio Goberno municipal de Vigo aceptaron a proposta, pero AGE deixou claro dende o comezo a súa oposición, alertando de que "coa escusa de solucionar a anulación do PXOM ábrese á porta a unha nova vaga de urbanismo salvaxe". “É fundamental comprender que non estamos diante dun problema estritamente local, senón que afectará a toda Galiza. Unha cuestión desta profundidade non pode despacharse nunha sesión de ponencia parlamentaria dende a absoluta improvisación”, engade Antón Sánchez, que cualifica a idea de "irresponsable" e de "paso atrás de 20 anos" no urbanismo de Galicia

Sánchez subliña, así mesmo, que a "esta maneira de facer as cousas, tan practicada polo PP e polo Concello de Vigo no pasado, débenselle boa parte dos problemas que agora padece o urbanismo vigués e galego". E lembra que o propio PXOM de Vigo foi anulado "por carecer da necesaria avaliación ambiental", pedindo a este respecto que "os causantes da situación actual de Vigo" non lles dean "leccións de responsabilidade". "Deberían dar eles explicacións de por que o PXOM de Vigo se tramitou como se tramitou e por que chegamos a isto", di.

Sánchez lembra que o propio PXOM de Vigo foi anulado "por carecer da necesaria avaliación ambiental", pedindo a este respecto que "os causantes da situación actual de Vigo" non lles dean "leccións de responsabilidade"

O deputado de AGE lembrou que o feito de impedir que a cidadanía realice alegacións supón un atentado contra os seus dereitos: "a xente ten dereito a presentar alegacións cando unha obra lles afecte". Ademais, advirte da "inseguridade xurídica" que se crearía: "en Galiza hai varios casos de suspensión de ordenamentos urbanísticos provisionais por non incluír un período de exposición pública, o último o de Barreiros". "Sería meternos nun enguedello moito maior, pero non só a Vigo, senón aos 314 concellos do país". 

Finalmente, a proposta foi apoiada na Comisión por PSOE, BNG e Grupo Mixto, e contou co rexeitamento de AGE. As críticas por parte de socialistas e populares foron inmediatas e moi duras. Dende o PP cualificouse a AGE de "obstrucionista" e por parte do PSOE, Abel Caballero falou en nome de todos os vigueses e viguesas, sinalan que "a cidade está indignada" co sucedido. O rexedor engadiu que "é o colmo que un señor da Coruña", en relación a Antón Sánchez [Bergondo], "vete" proxectos en Vigo. Tamén Elena Muñoz, líder dos populares na cidade olívica, se dirixiu á Marea, pedíndolle á organización local que "se poña do lado dos vigueses en lugar de situarse en contra de todo o que veña do PP".

Abel Caballero falou en nome de todos os vigueses e viguesas, sinalan que "a cidade está indignada" co sucedido

En calquera caso, as negociacións seguen abertas e hai varias alternativas ao cambio do artigo 144 da Lei do Solo. AGE manifestou a súa posición aberta ao diálogo "na procura de solucións que non impliquen o regreso ao urbanismo salvaxe" e criticou que PP e PSOE recorran unicamente á "presión" e á simplificación, no canto de achegar argumentos. O pasado venres Antón Sánchez expuxo as tres condicións do seu grupo parlamentario para apoiar a reforma dunha norma aínda en fase de ponencia: participación cidadá, tramitación medioambiental e aprobación en pleno municipal por maioría absoluta. Sánchez, ademais acusou o PP de negarse a negociar: “A dereita renuncia a conversar para atopar solucións que acheguen seguridade xurídica e respecten os dereitos das persoas nos procesos urbanísticos”.

Outra das propostas que AGE e a Marea de Vigo defenden é empregar os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, unha idea que ata hai uns días tamén apoiaba o PSOE

Outra das propostas que AGE e a Marea de Vigo levan sinalando dende hai semanas para o desbloqueo dos distintos proxectos urbanísticos da cidade é empregar os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, unha idea que ata hai uns días tamén defendía o PSOE. "Existen instrumentos urbanísticos na lexislación vixente que permiten afrontar os problemas concretos de Vigo sen necesidade de abrir a barra libre para o urbanismo en toda Galiza", sinala Antón Sánchez. Por outra banda, o PP podería aprobar a norma na súa redacción actual e, nese momento, levar a cabo unha modificación express, como xa fixo noutras ocasións, para levar á práctica a súa proposta sen necesidade de contar co consenso de AGE. 

 

O PXOM de Vigo de 2008 foi anulado en decembro por unha sentenza do Supremo © http://www.calvosobrino.com/
A modificación proposta polo PP afectaría ao urbanismo de toda Galicia © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.