“Enchamos a Quintana, polos nosos dereitos sexuais e reprodutivos”

Manifestación unitaria de colectivos feministas, en 2012 en Compostela CC-BY Susete

Unha gran manifestación percorrerá as rúas de Compostela esta sábado "polos nosos dereitos sexuais e reprodutivo", atendendo á convocatoria lanzada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que agrupa máis de 70 colectivos e organizacións. As voceiras da plataforma reiteraron este sábado, nunha rolda de prensa previa á mobilización, a súa firme intención de "seguir traballando no tempo até conseguir a retirada da contrareforma da Lei do aborto e que o dereito das mulleres a habitar os nosos corpos sen que ninguén nos diga como facelo sexa garantido na sanidade pública".

A marcha partirá ás 12 horas da estación de tren de Compostela e despois de percorrer as rúas da cidade, rematará na praza da Quintana, nun acto que será conducido por Mónica Caamaño e Comba Campoi, e no que se lerá un manifesto en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos. A seguir, comeará unha festa na que actuarán Mercedes Peón, Uxía, Sés ou As Boubas, e no que tamén intervirán poetas como Susana Aríns ou Verónica Martínez.

A Plataforma cre que é fundamental que se visibilice "a oposición á contrarreforma do aborto" para evitar así "que se soterre o debate" pola precampaña das eleccións europeas ou polas intencións do PP de rebaixar a polémica". Neste senso, Pilar Estévez considera que a principal (e case única) motivación que pode levar o PP a variar as súas posturas é a consecuencia electoral: "Hai cousas que se poden cuestionar porque electoralmente pódelles facer dano seguir adiante coa proposta actual; temen polo apoio social que poden perder". "Hai moita xente no PP que sabe que con esta reforma as mulleres non terán liberdade e que o que provoca pode condicionar a vida delas ou das súas fillas", engaden, "moitos cidadáns que votaron a dereita non eran conscientes ou non agardaban unha contrarreforma coma esta".

A manifestación percorrerá a zona vella de Compostela para rematar na praza da Quintana CC-BY-NC Susete
Manifestación polo dereito ao aborto, o pasado ano Dominio Público Fuco Buxán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.