Lingua e soberanía, a debate

Cartaz do debate CC-BY-SA Praza Pública

O Espazo Cultural da Nave de Vidán acollerá o este martes a partir das 20.30 o primeiro dos Debates na Praza, organizados por Praza Pública e o coñecido restaurante compostelán. Neste primeiro encontro falarase sobre Lingua e Soberanía. Ideas para o galego nun país con decisión, e contará coa participación de Carme Hermida, profesora da USC e concelleira de Anova en Teo; Eduardo Maragoto, profesor de portugués na EOI de Santiago, membro do Consello da AGAL; Goretti Sanmartín, profesora da UdC, membro da Executiva Nacional do BNG; e Henrique Monteagudo, profesor da USC, membro da Executiva Nacional de Compromiso por Galicia.

Goretti Sanmartín indica que “lingua e soberanía deben retroalimentarse" pero engade que "non abonda só con soberanía" e salienta a importancia da "conciencia social"

O debate xirará principalmente ao redor da cuestión de se é bo ou malo para a normalización lingüística encadrala no debate sobre a soberanía que se está a abrir. Neste senso, Goretti Sanmartín indica que “lingua e soberanía deben retroalimentarse" pois "con soberanía poderiamos facer unha política lingüística de moita máis intensidade a prol da lingua galega". Pero engade que "non abonda só con soberanía" e salienta a importancia da "conciencia social" e de "mudanzas relevantes sobre os modelos lingüísticos en procesos de globalización e tamén da reflexión sobre que son as linguas: se son apenas instrumentos de comunicación ou outra cousa". Sanmartín conclúe que "mesmo tendo soberanía -como lles pasa a moitos estados soberanos- non teriamos garantida supervivencia da lingua propia. A lingua é moi importante para o desenvolvemento da conciencia nacional".

Maragoto cre que unha lingua "non se debe vincular cun movemento político que propugne a independencia de Galicia. Non é prudente e menos en Galicia"

Eduardo Maragoto concorda en que "soberanía e lingua están moi relacionadas" pois "o futuro de calquera lingua está moi relacionado coa política que se fai dende os Estados ou coa relación que a lingua establece cos Estados". Porén, Maragoto cre que unha lingua "non se debe vincular cun movemento político que propugne a independencia de Galicia. Non é prudente e menos en Galicia. O galego debe aspirar a ser a lingua común de todos os galegos, independentemente da súa ideoloxía". Conclúe que "no momento en que as posicións soberanístas fosen maioritarias xa a sociedade establecería que relación establecería entre este movemento e a lingua. Como está sucedendo en Catalunya".

Hermida: "Pode parecer que nun Estado soberano a normalización seria algo prioritario, pero iso dependerá de como se goberne ese Estado"

Pola súa banda, Carme Hermida salienta que "o apoio politico e a disponibilidade orzamentaria son imprescindibles para levar adiante un proxecto normalizador". Pero introduce matices á hora de ligar os dous conceptos: "Pode parecer que nun Estado soberano a normalización seria algo prioritario, pero iso dependerá de como se goberne ese Estado. Nun Estado soberano, se a maioría corresponde a un partido coma o que hoxe goberna Galicia, pois pouco se avanzaría en cuestións de normalización". Hermida tamén sinala que en moitos lugares "tamén pode ser que haxa persoas que defendan o soberanismo por unha simple cuestión económica e que non compartan o obxectivo de normalizar o uso da lingua".

Monteagudo engade que "o nacionalismo ten que ter moi presente que iso non se pode limitar ao seu propio ámbito e o máis importante é que se confíe no pais"

Finalmente, Henrique Monteagudo liga o proceso de normalización "cun proxecto de pais" e sinala que "iso ten que ter unha lectura que vaia máis aló do nacionalismo porque doutro xeito limítanse as posibilidades de normalización do idioma". Monteagudo engade que "o nacionalismo ten que ter moi presente que iso non se pode limitar ao seu propio ámbito e o máis importante é que se confíe no pais. Eu creo que o nacionalismo non confía suficientemente no pais".

O debate tratará outras claves como Cal sería para ti o estatus lingüístico legal ideal para Galiza tendo en conta a realidade sociolingüística? ou No hipotético caso de que Galiza tivese capacidade total para decidir como gobernarse, que cousas que agora non se poden facer cres que habería que facer con respecto á lingua?

Cartaz do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.