Chegou a contrapelo do tempo en algo máis de catro horas de viaxe veloz de Lisboa a Pontevedra. Agarrou o micro co logo de NCG, Novacaixagalicia, no local de Nova Galicia Banco, este histórico da loita comunista portuguesa que traía na memoria a coñecida canción de Casabranca. Francisco Louçã, líder do Bloco de Esquerda (BE) deu a Lección de Clausura da Semana Galega de Filosofía –‘AS TIME GOES BY—A luta social contra o terror financeiro’-, despois dunha intensa sesión parlamentar. Portugal aprobaba horas antes o tratado de estabilidade fiscal da Unión Europea cun folgado apoio que o converte no primeiro Estado en ratificar a norma. Non falou diso, facíase tarde. Pediu desculpas por falar un “galego deficiente”, portugués, para afrontar os satillos do terrorismo financeiro, “o drama que estamos a viver”.
Segundo Louçã a dinámica da tesoirada é a seguinte: a austeridade provoca recesión, que agrava o déficit fiscal, o que obriga a novos aumentos dos impostos, que agrava a recesión. A recesión transfórmase en depresión prolongada. Isto é unha boa noticia para as finanzas e para a burguesía, porque altera profundamente as relacións de forza entre as clases, abrindo as portas a un novo réxime social, despedimentos fáciles, fin dos contratos colectivos, redución do poder sindical, servizos públicos mínimos coa mercantilización dos servizos esenciais para a vida das persoas. As finanzas do Século XXI queren vivir tanto dos mercados de capitais como da xestión dos hospitais e os fondos da seguridade social. Pero, mentres tanto, a depresión desvaloriza unha parte do capital produtivo e iso é a mala noticia para os capitalistas que marchan a creba. Pero en xeral é unha mala noticia para a maioría da poboación porque significa un aumento da explotación.
A débeda
“Teño aquí o primeiro documento escrito coñecido da historia da humanidade sobre a débeda, na Mesopotamia, dous mil catrocentos anos antes da nosa era”, dixo Louçã; “a débeda cancelábase. E existen moitos outros documentos posteriores. Existe unha narrativa falsa de economistas que nos contaron que no principio era o mercado, a produción, e a troca deu orixe á mercadoría, e un mercado foi dando orixe a outro e os mercados fixeron as economáis modernas. En calquera facultade de economía atopas este relato mistificado, falsificado. Moito antes da moeda, millares de anos antes de sociedades económicamente desenvolvidas, había sociedades que relacionaban através da débeda, non da moeda. Había unha moeda antes da moeda: esa moeda era a débeda. A pedra da rosetta é coñecida, escrita en tres linguas, pero o que non se coñece tanto é o que alí está escrito, de Ptolomeo V, e é unha decisión do rei para cancelar as débedas. Así mesmo, hai partes sucesivas do Antigo Testamento, no ano do xubileo, ano do perdón, que trata as cancelacións das débedas. O Antigo Testamento reproduciu os anos de tradición mesopotámica de condoación das débedas, que significaba escravitude e que significaba o risco para o monarca da concertación da propiedade, é dicir, dunha nobreza que acumulaba poder. Cada sete anos perdóanse as débedas. Cando nacía a moeda metálica había dous mil anos de economías nas que a moeda era a débeda. A sociedade organizou economías modernas a partir da débeda e tivo en conta o significado de escravitude que esta supuña. A Biblia di: Todos volverán a ser donos do que era seu. Non sei se a xente leu a Bilblia, pero xa estou nun punto que lla recomendó a todo o mundo. A débeda nace de uns teren moito e outros teren pouco”.
EEUU e o dólar
Quen comprou a débeda pública do Estado norteamericano? Tradicionalmente era o Xapón, pero desde hai dous anos faino China, que ten máis dun trillón de dólares de débeda norteamericana. “Estados Unidos, a economía máis poderosa do mundo, ten fraxilidades, depende das demais economías do mundo, o que nunca acontecera; pero iso non lle quita que é líder económica do mundo”, puntualiza o conferenciante. Pero como transforma EEUU a súa débeda en máis poder? Explícao co caso de Carlos V, a maior potencia militar e política da Europa do seu tempo, mais enormemente endebedado, o que herdou Felipe II. “O poder sobre Europa de Felipe II foi inconmensurábel, pero por catro veces tivo que impagar a súa débeda e así o seu imperio foi estrangulado pola débeda, porque dependían das entidades financeiras italianas. EEUU ten un imperio aínda maior, un imperialismo agresivo e interferinte, pero cunha diferenza: EEUU ten o dólar, paga a súa débeda na súa propia moeda. A débeda de EEUU a China é pagada en dólares. A diferenza das demais potencias históricas, EEUU importan mercadorías, importan capitais, pero páganos en dólares, o que os fai máis fortes. Eses países refinancian con dólares EEUU. Se EEUU desvaloriza o dólar, diminúe a súa débeda e este poder é incomparábel co de calquera outro país. Pode usar a súa débeda a favor do seu poder económico. Neste caso, a débeda crea poder. E aínda existe unha outra fórmula, que é a que usa Alemaña, a da negociación da débeda, que tamén é poder”.
Pero como é que se crea a débeda? En palabras de Louçã “hai moito que nos din que a débeda hai que pagala porque vivemos por enriba das nosas posibilidades. Repítese até a saciedade: ‘Vivimos por riba das nosas posibilidades’, así, até perder o sentido. Eu até acho que deberiamos facer un eslogan con iso. Se miramos a crise de 1929 vemos que xa entón agocha a sorpresa de que a débeda nace da desigualdade: durante os anos 20, o 5% dos máis ricos son cada vez máis ricos a medida que nos achegamos á crise do 1929. Iso pasa agora. Nunca na nosa vida encontramos enxeñeiros sociais máis violentos, máis perversos, que os dos grupos terroristas financeiros, que buscan unha nova concepción da democracia. A democracia sempre foi e será unha luta, pero nesa luta conseguíronse contratos. A partir da chantaxe da débeda derruban todos eses contratos e xeran terrorismo financeiro contra a democracia. É o que fai Rajoy coas súas medidas. E eu quero lembrar a canción de Casabranca: The fundamental things apply/ As time goes by. Nós estamos meses momento: as cousas fundamentais son os piares da nosa vida social que nos torna humanos, democracia, ese precepto bíblico de que todos volverán a ser donos do seu”.
O resumo –moi resumido- da Semana Galega de Filosofía segundo preséntana os seus integrantes:
“Europa preséntasenos hoxe como unha fonte seca, ruinosa. Mais a historia se nos apareceu moitas outas veces con rostro tráxico, e isto non impediu que nacesen ideais para mudar as cousas. Galiza fai fronte hoxe a un proxecto de saqueamento cultural e material. Galiza non pode agardar demasiado da actuación en Europa dos seus representantes través do goberno central. A revolución liberal non supuxo unha emancipación da humanidade, aínda que viñese acompañada con liberdades. A globalización instrumentalizou o ethos cosmopolita. Europa non é o Banco Central nin o Fondo Monetario Internacional, isto é catastrófico para o espítito cosmopolita. Falta un proceso de modernización democrática. A soberanía galega vive malos tempos, tanto pola bulimia dos poderes de Madrid como pola incapacidade da esquerda galega de crear unha forza transversal de país. A débeda é un método terrorista financeiro”.