“O 22M non acaba aquí; isto só é o comezo”

Columna galega das Marchas da Dignidade CC-BY-SA Virginia Uzal

“Un éxito”. O balance dos participantes nas multitudinarias Marchas da Dignidade que o pasado sábado asolagaron Madrid coinciden na análise. Tamén cando advirten de que este 22M “non acaba aquí”, senón que “só é o comezo” de algo moito máis importante, dunha mobilización constante que debera traer consigo “o gran salto”, a forza cidadá para o cambio de réxime e  un novo proceso constituínte no Estado.

Galicia estivo presente cunha columna duns dous milleiros de galegos que chegaron en trens, autobuses e coches particulares e que se uniron a  unha enorme manifestación -de máis de dous millóns de persoas segundo os organizadores e de non menos de medio millón segundo calquera outro cálculo serio- que incluso superou as previsións máis optimistas.

"Sabiamos que a mobilización ía ser un éxito, pero incluso superou as expectativas"

“É unha mobilización moi a ter en conta, onde os suxeitos políticos non foron os axentes tradicionais; as Marchas supoñen un pulo moi forte para os movementos sociais, os sindicatos minoritarios e unha morea de colectivos que superaron todos os atrancos”, di Héctor Tejón, coñecido activista da Coruña, voceiro de Stop Desafiuzamentos na cidade e un dos presentes na columna galega, que coincide na súa análise con Manuel Caamaño, secretario xeral da CUT, tamén presente nas manifestacións.

“Foi un éxito. Sabiamos, polo traballo feito de confluencia e transversalidade, que o ía ser, pero incluso superou as expectativas”, aclara Caamaño, que cre que “as propias pautas do réxime e o apagón informativo decretado desde Madrid xa nos facían ver que o golpe ía ser tremendo”.

Yolanda Díaz (EU), Martiño Noriega (Anova), Isabel Vilalba (SLG) ou Mariano Abalo (FPG) foron algunhas das figuras políticas que tamén acudiron a unha marcha na que, non obstante, os dirixentes non foron protagonistas. “Foi moi esperanzador porque foi unha mobilización horizontal, moi plural e heteroxénea, un movemento que transcendeu fronteiras territoriais e reivindicacións particulares e que ninguén tratou de patrimonializar, senón que supuxo un chamado á solidariedade popular e ao empoderamento social”, asegura Héctor Tejón, que advirte do éxito dunha protesta que foi “invisibilizada e silenciada polos medios tradicionais do réxime”.

"As Marchas foron esperanzadoras por ser horizontais, plurais e heteroxéneas; ninguén tratou de patrimonializalas"

“Adóitase dicir que se non saes nos medios, non existes... Pero existimos, claro que existimos”, reflexiona Tejón, que incide na importancia das redes sociais e “das novas formas de interacción” nestas e en antigas mobilizacións, pero que destaca, sobre todo, “o traballo que se leva facendo meses a través de sindicatos alternativos, movementos sociais... A través do pobo”.

“As redes sociais teñen moita importancia, pero detrás hai milleiros de actos, chamamentos, presentacións, manifestos, marchas... É un traballo de base, desde diferentes perspectivas para confluír e é algo que non cae do ceo como algúns pretenden facernos ver, senón que é un labor de formigas pero cun resultado extraordinario que se base na crenza de que se poden conseguir os obxectivos marcados”, conta Caamaño, que coincide con Tejón en que “os medios do réxime” intentaron “primeiro silencialo” e logo “basear toda a información nos altercados do final e na actuación da policía que buscaba a foto da violencia para mutilar o verdadeiro contido das Marchas”.

Os protagonistas das Marchas ven neste 22M o resultado dun proceso de traballo longo que xorde xa no 15M

Héctor Tejón, ademais, anima a reparar “en todo o que hai detrás” e sitúa esta gran marcha “en todo o que foi pasando e agromando desde o 15M”. “Estanse normalizando as protestas e peticións de conquistas sociais nas que imos avanzando”, insiste, tras amosarse convencido de que o 22M “terá a continuidade que xa tivo o 15M”, tanto nas mobilizacións como na consecución de obxectivos que antes parecían imposibles.

Manuel Caamaño, pola súa banda, aclara que agora é o momento de “dar o gran salto” para que “este golpe en forma de xente” supoña “un golpe de morte ao sistema”. “Aquí non  hai máis saída que ou a xustiza ou a barbarie; estamos na barbarie e hai que cambialo”, engade tras destacar a confluencia de diferentes colectivos, territorios e movementos sociais e sindicais nunhas demandas comúns: “a xustiza social, o rescate dos valores e dereitos humanos, o dereito ao traballo e o dereito a decidir das nacións sen Estado”. "Agora teremos que saber xestionar este éxito para manter unha mobilización sostida no tempo, e seguro que o faremos", di tamén.

“Hai quen para xustificarse ve nestas Marchas un chamada convencional da España grande e libre, pero non é así; os que conformamos isto, á marxe de ter un perfil claro de esquerda, tamén coincidimos no recoñecemento ás nacións do Estado a decidir o seu futuro”, finaliza o secretario xeral da CUT, que lembra, como Tejón, que é difícil opoñerse ás reivindicacións da mobilización do sábado en Madrid. “Pan, teito e traballo”.

Marchas da Dignidade en Madrid CC-BY-SA Virginia Uzal
Marchas da Dignidade en Madrid CC-BY-SA Virginia Uzal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.