Lodos e cinzas do incendio do Monte Pindo chegan xa ao mar e ás aldeas

Torrente de auga en Caldebarcos © Asociación Monte Pindo Parque Natural

"A situación é gravísima, moi grave; os efectos da erosión xa son moi visibles e hai acumulación de lodos contaminados na zona de Caldebarcos, ríos atascados por madeira queimada, marismas e parte do mar negro e ata unha ponte colapsada polas cinzas e a lama". Así resume Mario Maceiras, secretario da asociación Monte Pindo Parque Natural, o resultado da primeira tromba de auga caída neste bosque de Carnota tras o gravísimo incendio que arrasou unhas 2.500 hectáreas.

"A situación é gravísima", denuncia a Asociación Monte Pindo e o alcalde de Carnota, que acusan á Xunta de desleixo ante os arrastres

A forte chuvia caída en Galicia este luns agravou unha situación que non por agardada é menos impactante. O pasado domingo, o río e a enseada do Ézaro xa adquirira un "surrealista tono marrón chocolateado", tal e como denunciaba o colectivo, ao comezar os primeiros arrastres de cinzas, terras e lodos que as últimas treboadas acabaron por desprender das ladeiras do Monte Pindo. O resultado: torrentes de auga contaminada que acabaron en Caldebarcos, prados e aldeas, tinguindo de negro parte do mar, marismas e entrando incluso en cortes e casas dos veciños, tal e como confirma o alcalde da localidade. "A asociación leva avisando destas posibles consecuencias desde o día cero da catástrofe que vivimos a partir do pasado 11 de setembro", insisten, tras asegurar que a Administración só levou a cabo algunha medida que acabou por ser "case inútil" e co obxectivo de "sacar a foto".

"Caeron moitos lodos e cinzas, do Pindo ata a marisma de Caldebarcos, ata o río... Todo está cheo de lama debido á gran cantidade de auga que caeu e que inundou todo, incluídas casas dos veciños, cortes e prados", denuncia o rexedor de Carnota, Ramón Noceda, que advirte de que "o problema gordo é o ambiental", pero que lembra que estes primeiros arrastres "tamén está afectando a vida cotiá dos cidadáns".

"Sigo agardando unha chamada da Xunta para coordinar as tarefas de recuperación da zona", denuncia o rexedor

Tanto o alcalde como a Asociación Monte Pindo denuncian o desleixo da Xunta e acusan o Goberno de "facer caso omiso" das reiteradas solicitudes para "facer fronte a esta problemática que se aveciñaba" e que xa chegou. As consecuencias e prexuízos son aínda "difíciles de cuantificar", como aclara o Concello de Carnota a Praza, pero veciños, sectores produtivos como o pesqueiro e o marisqueiro e o propio ecosistema xa están a sufrir os danos. O colectivo a prol da declaración do bosque como parque natural lembra que nun macizo granítico "as capas de terra son pouco profundas e a súa erosión pode ter consecuencias irreversíbeis ou incluso provocar a perda definitiva dun delicado tapiz vexetal construído durante millóns de anos que albergaba -como mínimo- a vida de 646 especies, 100 delas protexidas".

"Todo é evitable, polo menos en boa parte. Sería evitable o incendio se o Pindo fose parque natural? Pois seguro que nun tanto por cento, si. Sería evitable este arrastre de lodo e cinzas de actuarse coordinadamente para facer un plan de prevención, seguro que si, pero a día de hoxe sigo agardando unha chamada da Xunta para coordinar as tarefas de recuperación", denuncia o alcalde de Carnota, que asegura que xa solicitou entrevistas coa conselleira de Medio Rural, a de Medio Ambiente e co propio presidente da Xunta. "Non recibín resposta ningunha". A mesma denuncia fai a Asociación Monte Pindo, que lembra que o Goberno ten acumuladas cinco peticións para unha xuntanza. 

Concello e colectivos denuncian que a palla lanzada desde un helicóptero só cubriu catro hectáreas das 2.500 afectadas

 

O helicóptero "para sacar a foto"

O que si fixo a Xunta foi asumir a petición que reclamaba a estabilización do solo mediante a distribución de palla, que foi lanzada desde un helicóptero privado sobre catro das 2.500 hectáreas arrasadas polo lume, o 0,16% da superficie. "Un paripé, un cachiño ínfimo", lembran, tras denunciar que a medida foi tomada "sen avisar a ninguén, nin sequera ao Concello e ás forzas de seguridade para que puideran acordonar cando menos as zonas de carga e descarga e evitar o risco de que alguén resultara ferido". "Tres días despois, cesou a actividade incluso antes de esgotar toda a palla almacenada no mirador de Louredo, que segue abandonada alí", explican.

"A Xunta lanzou a palla desde un helicóptero para sacar a foto e dicir que estaba facendo algo"

"Fixérono para sacar a foto e para dicir que estaban facendo algo, pero o monte é noso e ninguén se puxo en contacto con nós", asegura o alcalde Noceda, que recorda que tamén hai  un grupo de voluntarios para rehabilitar a zona pero que cre que o método "non é efectivo". "Dá pena ver todos os prados inundados con cinza, tamén os que estaban sen queimar, que agora están negros, como a marisca de Caldebarcos e o mar na zona da costa", explica o rexedor, que pide "un plan de rexeneración" feito "entre todos: administracións, asociacións e veciños". Seguen esperando.

Mario Maceiras, da Asociación Monte Pindo, vai máis aló e aseguran que están "a piques" de "rachar totalmente as relacións coa Xunta". "Están nunha fuxida cara a adiante na que non nos recoñece como interlocutores, nin a nós nin ao concello", engade, tras explicar que o día 1 de novembro o colectivo presentará unha iniciativa de voluntariado destinado a quen queira botar unha man a través de donativos económicos ou de árbores que axuden a repoboar a zona. "Traballaremos desde a sociedade para organizarnos entre todos, para que isto non volva ocorrer", insiste. Todo entre denuncias de desleixo por parte do Goberno galego.

Esta é a zona tratada con palla para evitar arrastres, segundo a asociación © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Arrastres de lodos e cinzas por un regato en 2013 © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.