Máis de 200 persoas autoincúlpanse tras o intento de deter un desaloxo en Aríns

Intres previos ao desaloxo na parroquia compostelá de Arins CC-BY-SA GZ Contrainfo

Stop Desafiuzamentos Compostela levou a cabo unha campaña de autoinculpación logo de que varias persoas foran detidas tras intentar deter o desaloxo dunha familia en Aríns hai máis de tres meses. Varios activistas foron citados a un xuízo de faltas acusados de desobediencia e resistencia á autoridade, pero agora son xa máis de 200 persoas as que se autoinculparon ao considerar que "o dereito a defender a vivenda das familias é lexítimo e obrigatorio; que condenar a protesta social a base de multas e xuízos é outra forma de atacar as familias e permitir que os poderes económicos amparados polo poder político dos nosos gobernantes se saian coa súa".

Máis de 200 persoas autoincúlpanse ao considerar que "é lexítimo" defender a vivenda das familias

Logo desta campaña, e baixo o lema Eu tamén estiven en Aríns, Stop Desafiuzamentos entregará no xulgado o mesmo día 28, no que se celebrará a vista contra os activistas, estas máis de 200 autoinculpacións, ao tempo que se levará a cabo unha concentración de apoio aos encausados.

Ademais, Stop Desafiuzamentos denuncia a actuación da policía naquel intento de desaloxo "pola presunta comisión dun delito de detención ilegal e un delito de falsidade de documento oficial", por un atestado policial que consideran qeu "foi voluntariamente falseado respecto dos feitos acontecidos en Aríns".

Stop Desafiuzamentos denuncia unha presunta "detención ilegal e falsidade documental" por parte da policía

"Ao noso entender, as persoas que alí estabamos e sobre todo os medios de comunicación que presenciastes e puidestes gravar o acontecido ese día podedes confirmar que en todo momento a nosa "resistencia" foi pacífica, entre outras cousas cremos firmemente que o desafiuzamento ía ser paralizado por terceira vez", asegura o colectivo, que lembra que " persoa que é detida e levada a comisaría era o mediador autorizado pola familia, a comisión xudicial e o mando policial".

"Mentres ás persoas activistas se nos detén, multa e xulga o Consello Xeral do Poder Xeral informa de que en 2014 os lanzamentos aumentan en todos os territorios unha media do 7,3%", destaca Stop Desafiuzamentos, que aclara que "se advirte que os desafiuzamentos debidos ao non pagamento dunha hipoteca creceron un 40,6%, mentres que os que responderon ao non pagamento de aluguer diminuíron un 16,5%".

Intres previos ao desaloxo na parroquia compostelá de Arins CC-BY-SA GZ Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.