Máis de 2.000 afectados de Corcoesto recorren a Declaración de Impacto Ambiental da mina

Área de afectación do proxecto mineiro indicado na DIA Dominio Público Praza Pública

"Máis de 2.000 afectados e titulares de bens e dereitos situados no ámbito da explotación mineira", entre eles titulares de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso veñen de presentar, a través da Plataforma pola Defensa de Corcoesto, un recurso de reposición contra a Declaración de Impacto Ambiental da mina de ouro que unha empresa canadense proxecta na zona. A razón fundamental deste trámite está, segundo a plataforam, na "falisdade ou ocultación interesada de datos no estudo de impacto ambiental elaborado pola empresa mineira".

A xuízo do colectivo veciñal, a compañía Edgewater está a vulnerar de maneira "flagrante" o Real Decreto que rexe dende o ano 2008 as avaliacións de impacto ambiental e, polo tanto, a "xerar indefensión para os interesados e interesadas", que ademais, afirman, non recibiron "notificacións na forma prevista" por esta mesma normativa. Así, por exemplo, ilustran, o estudo da empresa "ignora por completo a realidade socioeconómica dos concellos afectados" para "evitar realizar unha análise detallada dos efectos da explotación" sobre "actividades económicas que xeran emprego directo e indirecto sostible" no tempo, que ademais "contribúe ao mantemento de poboación no rural".

A plataforma coida que o estudo ambiental omite boa parte dos efectos nocivos da explotación mineira na zona

Ao tempo, a plataforma sustenta o recurso en que "a empresa mineira recoñece un verquido de arsénico" na zona "por importe superior ao máximo permitido pola lexislación", pero "non fai unha análise previa da súa concentración no ámbito da explotación mineira nin no río Anllóns". Aínda menos, afirman, "analizan a incidencia que este feito pode ter para a sáude humana e animal" e, en última instancia, "para os bancos marisqueiros da ría de Corme e Laxe".

Todos estes motivos, engadidos á "instalacións de residuos mineiros" que "vulneran a directiva Directiva 2006/21" da Comisión Europea e á "omisión da existencia de hábitats e de especies animais especialmente protexidas" no entorno da mina, levan o colectivo a reclamar a "nulidade de pleno dereito da Declaración de Impacto Ambiental". Este, din, foi un "acto de trámite arbitrario e contrario a dereito" por parte da Xunta que "serve de base para outorgarlle unha autorización a unha empresa que non é propietaria dos terreos forestais" e que "pretende un cambio de uso dos mesmos sen o consentimento dos actuais propietarios, prescindindo así do procedemento establecido pola actual Lei de Montes".

Área de afectación do proxecto mineiro indicado na DIA Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.