Máis de 2.000 veciños alegan contra a ampliación da mina de Corcoesto

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Máis de dúas mil sinaturas para alegar contra a ampliación do proxecto mineiro de Corcoesto. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e a Asociación de Veciños de Cereo veñen de presentar alegacións ao permiso de investigación Julia 2, que afecta a zonas de Carballo, Cabana, Coristanco e Ponteceso.

As alegacións baséanse na lei que prohíbe en solo rústico as actuacións incompatibles cos valores ecolóxicos, medioambientais ou históricos

Estas alegacións foron asinadas por máis de 2.200 persoas e están fundamentadas, segundo a plataforma, na lei 10/1995 de ordenación do territorio de Galicia que establece que en solo rústico de protección están prohibidas as actuacións que sexan incompatibles cos seus valores ecolóxicos, medioambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro valor que sexa obxecto da protección outorgada, ou coas proteccións que resulten doutra lexislación sectorial de aplicación.

Por iso, e xa que o proxecto mineiro de Corcoesto e o permiso Julia 2 afectan terreos cualificados urbanisticamente como de especial protección agrícola e forestal solicitan "que se declare a incompatibilidade destas actuacións cos usos actuais e potenciais do solo das áreas afectadas". Así, as alegacións apóianse en informes técnicos subscritos por enxeñeiros agrícolas e forestais que acreditan "a elevada aptitude e capacidade produtiva agrícola, gandeira e forestal dos terreos afectados polas concesións mineiras".

Os terreos afectados pola concesión 'Julia 2' inclúense na área de IXP da Pataca de Galicia

No caso de Coristanco, incídese ademais en que os terreos afectados pola concesión Julia 2 están incluidos na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Polo tanto, o proxecto mineiro e as actividades de investigación que se autoricen en Julia 2 "van comprometer seriamente o desenvolvemento futuro desta actividade agraria de produción de pataca da variedade Kenebec, que goza de gran recoñecemento a nivel nacional pola súa calidade e orixe".

Ademais, destácanse que as intencións do proxecto "afectará de xeito irreversible a unhas 1.260 explotacións agrícolas e gandeiras en activo que dan traballo a unhas 1.350 persoas", o que sumado aos traballadores do sector forestal, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, supón "uns 3.000 empregos vinculados ao sector primario da zona".

O proxecto afecta unhas 1.260 explotacións agrícolas e gandeiras e uns 3.000 empregos do sector primario

Por todo o anterior, as alegacións solicitan á Xunta de Galicia "que se declare as parroquias afectadas polo permiso de investigación Julia 2 e polo proxecto mineiro, áreas obxecto de especial protección no Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia". Solicitan tamén a denegación do permiso de investigación Julia 2, a anulación das cadrículas mineiras que o conforman, así como a nulidade de pleno dereito da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mineiro "por non ter avaliado o impacto socioeconómico do mesmo sobre as actividades agrícolas, gandeiras e forestais, ao que se suma o feito de que agora vén de coñecerse que a empresa mineira pretende tratar na planta de Corcoesto, mineral doutras zonas de Galicia do cinto Malpica - Tui".

Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.