Máis de 21.000 sinaturas para reciclar e non incinerar

Membros do grupo promotor entregan as sinaturas no Parlamento CC-BY-SA Merixo

Obxectivo sobradamente cumprido. O grupo promotor da iniciativa lexislativa popular (ILP) "para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galicia" culminou este luns o percorrido para que comece o trámite parlamentario da súa proposta. Malia precisar só 15.000 sinaturas veñen de entregar no Parlamento máis de 21.000 apoios acreditados, que agora terán que ser comprobados pola Xunta Electoral. Acto seguido, xa só dependerá do grupo maioritario da Cámara, o PP, decidir cando se debate a toma en consideración da lei, isto é, cando se debate se pasa ou non a formar parte da legalidade da autonomía galega.

Nacida ao abeiro das protestas contra o malogrado proxecto dunha planta incineradora de lixo no concello ourensán do Irixo, a ILP promovida por colectivos ecoloxistas e veciñais aposta, esencialmente, por desbotar a incineración do proceso de tratamento de residuos sólidos urbanos e substituíla polos "tres erres", isto é, redución, reutilización e reciclaxe. Durante o proceso de recollida de apoios entre a cidadanía viñeron explicando que a súa aposta non é nova. Ben ao contrario, lembran, a Lei de Residuos de Galicia do ano 2008 xa marca como obxectivo prioritario a aplicación dos "tres erres", e diversas directivas europeas vixentes no Estado dende 2011 "formulan o obxectivo de transformar a actual nunha sociedade do reciclado".

A ILP propón trocar a incineración por reciclaxe e plantas de compostaxe

Este é o sustento legal do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG), tamén de 2011, no que a "prevención, información, educación ambiental, recollida selectiva e outars medidas de reutilización e reciclaxe" contan con só o 18,1% da dotación orzamentaria, mentres que o 48% "dos investimentos "destínanse a unha nova planta de eliminación por incineración", a que ía estar no Irixo e que agora, segundo proxecta a Xunta, se realizará ampliando as instalacións de Sogama, en Cerceda.

"Faise necesario clarificar e darlle forza xurídica á xerarquía que establece a prioridade dos tres erres" para evitar que a atmosfera siga a ser empregada "como vertedoiro". Así, a ILP establece que, para empezar, se modifique o PXRUG, destinando como mínimo o 15% do seu orzamento "á redución" e non menos do 60% "á preparación para a reutilización para a reciclaxe". Ademais, a incineración ficaría "excluída, con ou sen recuperación de enerxía, das actuacións a promover pola Xunta para o tratamento de residuos". No seu lugar incentivaríase a compostaxe doméstica ou comunitaria, en núcleos máis pequenos, e plantas de reciclaxe e compostaxe comarcais. A aplicación da ILP, calculan, suporía pór en marcha unhas 25 plantas en todo o país mentres que as incineradoras teríani que pagar un canon "non inferior a 25 euros por tonelada de material entrante".

Membros do grupo promotor entregan as sinaturas no Parlamento CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.