Máis de 26.000 hectáreas arden de media en Galicia cada ano

O incendio no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Máis de 600.000  hectáreas queimadas en Galicia nos últimos 23 anos, desde que se puxo en marcha no país o servizo de defensa contra incendios forestais. É "o equivalente á provincia de Ourense", tal e como aclara CCOO, o autor do informe no que se aclara que foron máis de 188.000 lumes os que provocaron esta desfeita no monte galego e que supuxo un custo de 1.362 millóns de euros.

Foron, en concreto, 613.000 hectáreas as que arderon, uns 613.000 campos de fútbol que sufriron os lumes nunha Galicia que posúe o 7,7% da masa forestal do Estado, pero que sofre o 45% dos incendios, tal e como destacou o coordinador do sector da Administración Autonómica do sindicato. "Ningún goberno soubo interpretar este dato en termos de política forestal", engadiu.

En Galicia arden unha media de 26.700 hectáreas anuais desde hai máis de vinte anos

A media é aínda máis impactante. Unhas 26.700 hectáreas arden anualmente en Galicia (contando as 17.000 deste ano) desde hai máis de vinte anos, cuns 23 lumes ao día e 98 por xornada se se ten en conta só o período de máximo risco, unhas cifras que arrepían máis de atender aos datos que CCOO achega desde o ano 1978. Daquela, o territorio queimado equivalería ás provincias de Pontevedra e Ourense xuntas. "Unha verdadeira catástrofe", di o sindicato.

Ademais, CCOO aclara que aos máis de 1.362 millóns de euros gastados no dispositivo de extinción, "habería que engadirlle os custos de persoal propio da Xunta", que son outros 400 millóns, resulta un custo de entre 30.000 e 50.000 euros cada hora, dos que o 90% corresponden a medios aéreos e o 10% a medios terrestres,  aclara o sindicato, que se baseou no Pladiga para obter información. Deste xeito, o gasto medio diario neste período é de 169.000 euros. "Podiamos estar a comprar un piso cada día a un galego desde o ano 91", ironizou Doforno.

CCOO acusa a Feijóo de "mentir" e pide a "dimisión" dos responsables de Medio Rural e de Montes

"É momento de exixir publicamente responsabilidades ao presidente da Xunta", dixo Doforno, que o acusou de "mentir" por dicir a finais de agosto que a campaña "era excelente" e por considerar que "hai unha trama de incendiarios organizada". Segundo CCOO, os responsables de Medio Rural e do departamento de Montes "deberían dimitir ou cesar" logo dos resultados vistos.

"O responsable e o prudente sería abordar a loita contra a secuela dos lumes non facendo un uso partidista", reivindicou Doforno, que pediu excluír este asunto do debate político e urxiu a pechar "un pacto político e social" para terminar cos lumes no monte. "Cremos que corresponde ao Goberno impulsalo e á oposición colaborar", instou e pediu acordar "un documento realista".

O "primeiro", segundo Comisións, sería "pór de acordo os propietarios", xa que o 80% do monte está en mans privadas. "Despois", dixo, as industrias forestais poden tomar parte para aproveitar un recurso que "está a ser carbonizado". Ademais, apostou por que a prevención, a vixilancia e a investigación sexan "os alicerces" da nova política e pediu "erradicar a economía do lume".

O sindicato ve prioritario "pór de acordo aos propietarios, implicar as industrias forestais e crear un mando único" contra os lumes

Por outra banda, tanto Doforno como o portavoz do persoal laboral do Servizo de Defensa contra Incendios, Carlos Hermida, e o portavoz dos axentes forestais, Alejandro Rodríguez, criticaron que o dispositivo contra incendios estea integrado por persoal procedente de diferentes empresas e tamén da administración e pediron que exista "un mando único" e que o persoal pertenza á Xunta. Tamén cargaron contra a decisión de recuperar este ano as brigadas municipais, que a xuízo de Alejandro Rodríguez, son "máis un problema que unha axuda" cando se declara un incendio, posto que descoñecen a capacitación do persoal que as integra.

Pola súa banda, Carlos Hermida criticou que a prevención é "practicamente cero", que algunhas bases de helicópteros "non se abriron" e que outros espazos para avións lixeiros "empezaron a funcionar en agosto". Así mesmo, advertiu de que "os datos de persoal están falseados" e que hai 170 vacantes sen cubrir.

Incendio nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública
Incendios forestais en Galicia 1976-2012 © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.