Máis de 40 concellos únense para pedirlle á Xunta solucións á praga da avespa asiática

Avespas asiáticas nunha trampa caseira CC-BY-SA Praza Pública

Son xa 125 concellos galegos, segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, os afectados pola avespa velutina coa presenza de niños que poden alcanzar cadanseus 15.000 exemplares. O Baixo Miño, a Mariña, o Ortegal e as zonas da Coruña e Ferrol son os que máis sofren por unha nespra que xa non só coloniza a costa, senón que se vai introducindo no interior de Galicia, ata a cen quilómetros do mar. Pero hai moitos máis municipios dos que di a Xunta con incidencias, tal e como confirma AGA (Asociación Galega de Apicultores), cuxos voluntarios teñen que facer moitas veces os traballos que desde a Administración ou non se fan ou non como se deberían facer, segundo denuncian, por falta de medios axeitados ou de persoal. 

Máis de 125 concellos galegos están afectados xa pola avespa velutina; Medio Rural recibiu máis de 4.100 avisos en 2015

Mentres, a avespa asiática segue a espallarse por Galicia, atacada con remedios caseiros pola cidadanía e causando importantes problemas no sector apícola e froiteiro, nos traballos forestais, así como inseguridade cidadá. A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa asegurou hai unha semana no Parlamento que Medio Rural recibiu un total de 4.159 avisos por niños da avespa asiática no que vai de ano. Ademais, a consellería cifrou hai uns meses en máis de 1.300 os niños retirados e noutros tantos os atopados. Pero os expertos advirten de que hai moitos máis, ben sexa porque moitos non se ven ou porque non de todos se avisa. 

Moitos concellos cansaron da "inacción" que lle atribúen á Xunta e que denuncian xunto a AGA, que xunto a varios municipios pediron o 28 de xuño unha xuntanza con Medio Rural que aínda non ten data. Agora, uníronse varios para reclamar ao Goberno galego que actúe dunha vez é para concienciar á sociedade galega e á Administración do "problema que existe e o que se lle vén enriba a moitos municipios". 

Os concellos afectados piden manter un encontro urxente con Medio Rural -solicitado xa en xuño pola AGA- para levar adiante unha serie de medidas que axuden a combater a praga e a mellorar a xestión do seu control

Quen así o di é Manuel Varela, concelleiro de Medio Ambiente en San Sadurniño, un dos concellos que liderou esta protesta, esta "chamada de atención" ante unha problemática que xa non é só medioambiental, senón "de seguridade cidadá". Lembra que en moitos municipios son voluntarios os que axudan a retirar niños e que os operarios enviados pola Xunta, en moitos casos nin teñen o material axeitado nin veñen ás horas máis acaídas, xa que a retirada de enxames polo día provoca que as raíñas que escapan creen máis nos arredores. "Multiplícase o problema", di, quen recorda tamén que se precisan materiais específicos que, en moitos casos, son achegados por veciños ou apicultores, como pértegas para alcanzar niños que poden superar os vinte metros de altura. 

 

40 concellos esixen medidas concretas

O propio Concello de San Sadurniño acolleu o pasado 28 de agosto unha xuntanza entre concellos e representantes da AGA co obxectivo de coordinar medidas que freen o avance da avespa asiática. Á reunión asistiron 18 municipios que acordaron elaborar un documento que resumise as principais demandas e ao que puidesen sumarse no futuro outros consistorios. Nas últimas semanas fixérono cerca de 40, desde Ribadeo ata Muros, e cada día están chegando comunicacións novas a favor dunha postura común na batalla contra a velutina. Unha batalla que pasaría en primeiro lugar por manter un encontro urxente con Medio Rural -solicitado xa en xuño pola AGA- para levar adiante unha serie de medidas que axuden a combater a praga e a mellorar a xestión do seu control.

  • A rectificación do protocolo da Xunta para que as retiradas se fagan só de noite e que a empresa pública Tragsatec axeite os seus horarios de traballo a esa necesidade.
  • Que o protocolo busque a erradicación efectiva das avespas, que nel se recolla explicitamente a "necesaria" colaboración entre administracións e que a loita se sosteña en métodos "ambientalmente sustentables".

Os concellos piden a rectificación do protocolo da Xunta para que as retiradas se fagan só de noite e que a empresa pública Tragsatec axeite os seus horarios de traballo a esa necesidade

  • En relación coas alertas proponse reducir a burocracia derivada de chamar ao 012 para dar un aviso de presenza de velutina, así como o cumprimento do prazo máximo de resposta, establecido no protocolo autonómico nun tempo "nunca superior a 24 horas" cando se trate de casos que causen alarma social.
  • Os concellos tamén queren que a Xunta informe periodicamente sobre os efectos da praga, dando conta do número de niños detectados e retirados, o número de municipios afectados, a cantidade de picadas atendidas polo SERGAS ou o nivel de impacto da velutina na apicultura, na fructiculutra e na explotación forestal.

Os concellos tamén queren que a Xunta informe periodicamente sobre os efectos da praga

  • No tocante aos prexuízos para a gandeiría apícola, na xuntanza tamén se quere poñer enriba da mesa o incremento das axudas e a creación de liñas de subvención destinadas a cubrir os custes do traslado de colmeas a áreas libres da praga ou mesmo compensacións pola perda de enxames. Un esforzo orzamentario que, tal e como sinalan os municipios, deberían proceder de fondos europeos do FEADER.
  • As propostas dos concellos tamén reflicten a necesidade de desenvolver campañas divulgativas e de concienciación, sobre todo á hora de recabar a colaboración cidadá na detección de niños primarios durante a primavera. E é que a experiencia acumulada nos últimos anos apunta a que, posiblemente, a loita máis efectiva é a preventiva. Así proponse o reparto de 4.000 novos trampas e 64.000 doses de atraentes.

Aconséllase empregar as trampas só na primavera e no outono. Durante o verán a protección dos colmeares e hortas de froiteiras apoiaríase co uso de substancias antiqueratinizantes de baixa toxicidade

  • Aconséllase empregar as trampas só na primavera e no outono. Durante o verán -momento en que a velutina é máis activa- a protección dos colmeares e hortas de froiteiras apoiaríase co uso de substancias antiqueratinizantes de baixa toxicidade que fagan inviables os niños cortando o ciclo de cría.
  • Na liña da colaboración entre administracións, desde os concellos -como administracións máis próximas á cidadanía- pedirase financiamento, medios e formación para retirar niños que xeren problemas de seguridade cidadá. 
  • Por último, todas as medidas propostas deben ir acompañadas dun programa de seguimento e de avaliación das medidas preventivas co obxectivo de ver a súa eficacia.
Avespas asiáticas nunha trampa caseira CC-BY-SA Praza Pública
Concellos afectados pola avespa velutina © Consellería de Medio Rural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.