Máis de 500 hectáreas arderon noutra fin de semana negra en Galicia

Incendio na área de Compostela, esta fin de semana Dominio Público @InfoEmerg

A vaga de lumes volveu afectar con dureza a Galicia nesta fin de semana. A seca que asola o país neste verán, o forte vento dos últimos días e a actividade delictiva da man humana volveron encher de lapas e fume varias localidades. A capital galega foi unha das máis afectadas, ao quedar cercada polo fume polos incendios que se declararon en Compostela, Trazo, Ames e Teo, que xa están controlados ou extinguidos pero que obrigaron a solicitar a intervención do Exército. En toda Galicia, máis de 500 hectáreas queimáronse nestes últimos días en moitos incendios, tan só 74 no domingo. 

Santiago quedou cercada polo fume tras os incendios en Figueiras, Trazo, Ames e Teo

Foron, xa que logo, varios os lumes que rodearon a capital galega. Veciños de varias casas de Cacheiras, en Teo, tiveron que ser desaloxados por precacución e provocaron mesmo que fose cortada a autovía até A Estrada por un incendio que se deu apagado a primeiras horas da madrugada e que queimou máis de catro hectáreas. O de Biduído, en Ames, está controlado, ao igual que o da parroquia de Figueiras, en Santiago, que Medio Rural deu por controlado a primeiras horas da mañá deste luns tras sobrepasar os límites composteláns, adentrarse en Val do Dubra e queimar 33 hectáreas. En Trazo, foron 100 Ha as afectadas. 

Outro dos focos máis activos durante a fin de semana foi o que tivo lugar en Corrubedo, Ribeira, e que non foi controlado ata a primeira hora do domingo. Fixo que se tiviese que evacuar un cámping e varios inmobles logo de queimar máis de 60 hectáreas ata que foi extinguido tamén na pasada madrugada. 

O lume de Toques afectou 200 hectáreas nunha zona protexida como Rede Natura

Ademais, houbo outros incendios importantes en Tomiño, que queimou unhas cinco hectáreas, ou o de Toques, que afectou 200 hectáreas da parroquia de Vilamor e afectou zona protexida como Rede Natura. Na localidade da Veiga, en Ourense, por outra banda, foron 30 hectáreas as afectadas. 

Pero a desfeita non para. Segundo informa a Xunta, en Sobrado mantense activo desde a madrugada do domingo ao luns un incendio forestal na parroquia de Codesoso que supera xa as 20 hectáreas de superficie e onde traballan 1 técnico, 4 axentes forestais, 10 brigadas, 9 motobombas e 2 pas. Por outra banda, en Lousame, un lume está estabilizado desde a pasada noite logo de queimar unhas 40 hectáreas e levar case un día activo, pero en Pereiro de Aguiar continúa un foco ardendo logo de arrasar unhas 30 hectáreas. 

Incendio na área de Compostela, esta fin de semana Dominio Público @InfoEmerg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.