Máis de 70 entidades apoian a manifestación antitouradas de Pontevedra

Cadea humana contra as touradas Dominio Público Touradas fóra de Pontevedra

Pontevedra acollerá este sábado unha manifestación contra a organización de corridas de touros na cidade que se prevé histórica. A marcha, convocada pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra, partirá ás 20 horas da praza da Peregrina, e espera superar amplamente as cifras de asistencia a mobilizacións semellantes, coma a realizada o pasado verán, que reuniu varios centos de persoas. 

Será, de feito, o quinto ano consecutivo en que se realice esta manifestación, que nesta ocasión conta de momento cunha cifra de adhesións por parte de colectivos e entidades sociais moi superior ás dos anos precedentes. En total son máis de 70 os grupos (partidos políticos, asociacións e movementos sociais de todo tipo) que apoian a convocatoria en defensa dos dereitos dos animais e contra a barbarie taurina.

O obxectivo de Touradas fora de Pontevedra é asentarse definitivamente na cidade e continuar co traballo fóra da tempada de feira taurina así como fortalecer a súa estrutura

O obxectivo de Touradas fora de Pontevedra é asentarse definitivamente na cidade e continuar co traballo fóra da tempada de feira taurina así como fortalecer a súa estrutura. Hai unhas semanas a plataforma entregou unha petición no rexistro do Concello na que demandaba a declaración de Pontevedra como "Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais". Ademais, propuña a reconversión do coso de San Roque, na actualidade en mans privadas, nun coliseo de uso cultural e social. Finalmente, solicitaba do Goberno municipal a súa implicación para erradicar este espectáculo e "o compromiso de non promocionar ningunha causa taurina".

De igual xeito, recentemente a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas convidou o Concello de Pontevedra a "deseñar unha axenda que supoña un proceso abolicionista dos eventos tauromáquicos que todavía teñen lugar na cidade nun recinto de titularidade privada". Ademais, o colectivo abolicionista advertiu tamén "do uso partidista que fai o Partido Popular da Deputación de Pontevedra, co uso dos fondos públicos para subsidiar a actividade de grupúsculos taurinos que chegaron a recibir cartos provinciais para organizar un encontro literario cun toureiro, ou financiar publicidade na propia praza de touros a través do Patronato de Turismo das Rías Baixas". Concluían que "esta clase de soporte económico público permite manter, de xeito artificioso, os festexos taurinos".

Cadea humana contra as touradas Dominio Público Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.