Seis das once persoas encausadas no proceso polo que se xulgaban os incidentes acontecidos en Compostela en 2009 durante unha manifestación de Galicia Bilingüe foron condenadas. En total, once anos e cinco meses de cadea para estes seis cidadáns foi a condena imposta pola xuíza, mentres que outros cinco foron absoltos de todos os cargos.
Seis dos once acusados foron condenados a un total de máis de once anos de cadea
A sentenza xudicial, que será recorrida, implicaría o ingreso en prisión de Bernardo M., un dos xulgados por aqueles acontecementos, e que foi condenado a un ano e nove meses por un delito de desorde pública e a 2 anos e seis meses máis por outro de atentado. No resto dos casos, Alejandro B. e Narciso V. foron condenados a un ano cada un por desorde pública, pero absoltos de atentado á autoridade.
No caso de Aurelio L., Joam P. e Xiana R. a súa condena elévase a un ano e nove meses por atentado á autoridade, ao tempo que foron absoltos tamén do cargo de desorde pública. A petición da acusación para os once mozos xulgados hai agora uns catro meses era de 45 anos.
A sentenza implicaría a entrada en prisión dun dos condenados
A sentenza, tal e como avanzaron xa varios dos encausados, será recorrida ante a Audiencia Provincial.
Os feitos xulgados aconteceron logo dnha contramanifestación durante a marcha que en febreiro de 2009 -a menos dun mes das eleccións autonómicas- Galicia Bilingüe convocou para protestar "contra la imposición del gallego". Naquela polémica marcha liderada por Rosa Díez, de UPyD, e que marcou a precampaña daqueles comicios, tamén asistiron destacados membros do PP, como o actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, ou a ministra de Fomento, Ana Pastor.