#MáisPraza na Galicia do 2020, un país por contar

Campaña de socias e socios de Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

Como será a Galicia do 2020? E a súa política? E os seus medios de comunicación? É a pregunta que a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, formulou a catro xornalistas sentados á mesma mesa este xoves na Coruña. Consuelo Bautista, xefa de informativos de Radio Coruña-Cadena SER; Anxo Lugilde, cronista político de El Progreso e La Vanguardia; Belén Regueira, xornalista da Radio Galega; e mais Santiago Romero, redactor xefe de La Opinión de A Coruña, debullaron este horizonte no que foi tamén o primeiro acto da nova campaña de socias e socios de Praza.gal.

A análise das eleccións galegas do 25 de setembro marcou boa parte do faladoiro, moderado polo director de Praza, David Lombao. Nesta liña, Anxo Lugilde abriu as quendas de intervencións sinalando como o panorama político do país pasou dun PP que daba a Xunta por "perdida" tras as eleccións municipais e xerais de 2015 a "volver gañala" despois das novas xerais de xuño deste 2016, tanto pola súa mellora electoral como polo impacto que o lixeiro ascenso da dereita tivo nas forzas da esquerda, nomeadamente en En Marea.

Praza Pública presentou no acto a súa nova campaña de socios coa que, baixo o lema #MáisPraza, procura ampliar a súa base de socios para consolidar e alargar o plantel de xornalistas

Bautista, pola súa banda, apostou por realizar "unha reivindicación do político" ao carón da análise do sistema de medios galegos. Practicamente "a metade" do electorado do país, resaltou, non apoiou o PP e, no entanto, o panorama mediático reflicte un dominio moito máis esmagador. Neste sentido, a xefa de informativos de Radio Coruña-Cadena SER puxo o acento no traballo que, "con máis ou menos marxe de liberdade" realizan múltiplas cabeceiras, a comezar polas representadas na mesa, algunhas das cales puxeron sobre a mesa fitos informativos na propia cidade da Coruña, caso por exemplo das revelación a respecto das operacións urbanísticas do ex-alcalde Francisco Vázquez.

Neste contexto, Belén Regueira puxo o acento na importancia de que no sistema galego de medios que moitos axentes "aspiran" a crear estean presentes os medios públicos, a CRTVG. Unha visión "crítica" do traballo da Radio Galega e da Televisión de Galicia non impide, di, "defender" a importancia da súa existencia e da súa relevancia para o país. Neste sentido, adicionalmente, Regueira considerou necesario preguntarse cara a onde terían que camiñar os medios públicos á procura dun maior "pluralismo", e ese esa pluralidade se lograría unicamente outorgando máis minutos informativos ás forzas políticas distintas da que goberna. O reto, sintetiza, é que os medios públicos poidan ser rexidos por criterios "profesionais". "Así tamén cometeríamos erros, pero serían erros por motivos profesionais", subliña.

A análise das eleccións galegas do 25 de setembro e da representación nos medios da "metade" do país que non apoiou a forza gañadora centrou parte das intervencións

O papel dos medios e a súa relación coa política estivo tamén na cerna da intervención de Santiago Romero, redactor xefe de La Opinión. O reto da "prensa independente", salientou, é practicamente unha utopía mentres existan voluminosas "subvencións" públicas, nun contexto de abaratamento da publicidade. Dende a reivindicación do traballo xornalístico Romero considerou que o futuro do sector pasa, fundamentalmente, polo eido dixital e polo compromiso do público que, co seu apoio económico directo, outorguen á prensa unha "independencia" que nunca será "total", advirte, porque os medios seguirán tendo "propietarios".

O diálogo aberto organizado pola Fundación Praza Pública finalizou con varias intervencións do público, algunhas das cales se interesaron polo funcionamento de Praza.gal e o seu futuro. Neste sentido, o director deste diario advertiu de que a importancia "do xornalismo e dos xornalistas" é central para construír un "relato alternativo" en Galicia. "E iso é tamén cuestión de cartos e de compromiso das lectoras e lectores", sinalou Lombao, en referencia tamén á campaña de captación de novas socias e socios que, no inicio do acto, presentara o vicepresidente da Fundación, Carlos Amoedo. O obxectivo desta campaña, composta por diferentes accións baixo o lema #MáisPraza que se estenderán ata comezos de 2017, é incrementar nunhas 150 persoas os apoios de Praza.gal para así poder consolidar e alargar o seu plantel de xornalistas.

Un intre do acto organizado por Praza Pública na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.