Manifestacións en toda Galicia piden "outra saída da crise"

Manifestación da ASG, este xoves en Pontevedra Dominio Público @GNPontevedra

A Alianza Social Galega saíu hoxe á rúa nas principais cidades e vilas de Galicia. A plataforma, creada hai dous meses, agrupa a CCOO, UGT e CIG e unhas 60 organizacións e convocou por primeira vez marchas para protestar contra as últimas medidas de austeridade aplicadas polos gobernos do PP. A partir das 19.30, e de aí en diante, milleiros de persoas concentráronse malia a chuvia ou o mal tempo na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo baixo o lema Por outra saída da crise.

Os asistentes berraron forte contra as "últimas medidas levadas a cabo polo Goberno de Mariano Rajoy". Entre elas, a Alianza Social destaca "a decisión do Goberno de non revalorizar as pensións, os recortes na sanidade e no ensino públicos e a contrarreforma ideolóxica que representa a Lomce e Lei de taxas xudiciais". De feito, nas marchas puideron verse pancartas específicas en contra da reforma do ministro Wert, por exemplo, nas que se pedía a "retirada da Lomce", ou a favor da sanidade pública.

A plataforma, que xa apoiou a última folga xeral, debutou así como principal convocante dunhas marchas nas que tamén se esixiu "a reforma da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento" e nas que tamén se protestou contra a última intención do Goberno Feijóo de recortar, unha vez máis, o salario dos traballadores públicos.

Manifestación da ASG, este xoves en Pontevedra Dominio Público @GNPontevedra
Manifestación da Alianza Social en Ferrol Dominio Público @CxGFerrolterra
Manifestación da ASG en Compostela Dominio Público @EUCompostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.