Mar Sánchez e Valentín García comprométense a traballar conxuntamente coa AMEGA

O presidente da Asociacion de Medios en Galego, Quique Sanfiz, con Valentin Garcia © AMEGA

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) comeza a dar pasos en firme para mellorar e regularizar a situación daqueles xornais, radios, televisións ou webs que apostan polo galego como vía de comunicación. Con este obxectivo varios membros deste colectivo entrevistaronse coa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ambos os dous comprometeronse a traballar conxuntamente coa AMEGA para potenciar a situación dos medios en galego.

Tal e como xa fixo hai unhas semanas cos catro grupos parlamentarios e co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a AMEGA expúxolles a ambos os dous cargos públicos as dificultades polas que atravesan os medios en galego. Por iso, esta organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga tres lexislaturas. Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rixe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente. "En min tendes un aliado", destacou Valentín García. "Estou interesado en saber de vós dende que souben da vosa formación", subliñou ao tempo que mostrou toda a súa vontade por colaborar coa nova entidade.

 

A importancia do galego na rede

Esta organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga tres lexislaturas

O secretario xeral de Política Lingüística destacou a importancia que o galego ten en Internet, onde xa está no posto 20 en uso, e comprometeuso a impulsar eidos de colaboración coa AMEGa en temas de relevancia do noso idioma. Por outra banda, destacou a necesidade de ter claro o que son medios dixitais e blogs, é dicir, criterios de definición de medios de comunicación á hora de poñer en marcha distintas campañas. Unha cuestión que tamén suscitou a Secretaría Xeral de Medios, Mar Sánchez. Neste sentido, a AMEGA compartiu estes temores pero suliñou que esta cuestión xa se ten debatido no seo da asociación e que xa o ten claro nos seus estatutos.

 

Lei de Publicidade Institucional

Tanto con García como con Sánchez, a AMEGA destacou a necesidade de poñer en marcha unha Lei de Publicidade Institucional

Tanto con García como con Sánchez, a AMEGA destacou a necesidade de poñer en marcha unha Lei de Publicidade Institucional. "Estamos traballando xa niso", sinalou varias veces a secretaria xeral de Medios. De feito, instou a esta asociación a que envíe as súas propostas e que inclúa so seus novos criterios de axudas.

Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Cadernos de Comunicación e Análise, Certo - Xornal do Barbanza, Compás da Costa - Revista dixital da Costa da Morte, Crónica 3 - Xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com - Xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión Rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info). Todos estes medios chegan a un público cercano ás 150.000 persoas, aínda que en momentos puntuais poden duplicar esas cifras.

O presidente da Asociacion de Medios en Galego, Quique Sanfiz, con Valentin Garcia © AMEGA
Reunion da Asociacion de Medios en Galego co secretario de Politica Linguistica © AMEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.