Marcha contra ENCE: "Néganse a marchar, botémolos xa"

A planta de ENCE, na Ría de Pontevedra Dominio Público Praza Pública

Dúas manifestacións, convocadas pola Asociación pola Defensa da ría de Pontevedra, saíron ás sete e media da tarde das Alamedas de Pontevedra e Marín, para esixir a paralización do proceso de renovación da AAI á planta e a marcha definitiva do complexo. As marchas rematarán cunha polbada colectiva na Praza da Pedreira.

A Asociación pola Defensa da ría de Pontevedra (APDR) denuncia que a situación de crise económica é aproveitada por Ence e Elnosa "para botarlle un pulso á administración negándose a marchar de Lourizán e para chantaxear á poboación coa ameaza da perda dos postos de traballo"

A Asociación pola Defensa da ría de Pontevedra (APDR) denuncia que a situación de crise económica é aproveitada por Ence e Elnosa "para botarlle un pulso á administración negándose a marchar de Lourizán e para chantaxear á poboación coa ameaza da perda dos postos de traballo". Segundo a APDR, "coñecedores de que nas situacións de crise un amplo sector da poboación subordina calquera outra cuestión á perda de emprego, pretenden forzar unha nova prórroga da concesión, que podería chegar a ser de 30 anos e viría da man dunha modificación da Lei de Costas que o goberno do PP está a estudar".

A asociación lembr que "por máis que Ence pretenda minimizar o seu alcance, unha sentencia do Tribunal Supremo que admite parcialmente un recurso da APDR contra o acordo de supramunicipalidade asinado pola Xunta de Fraga no ano 2003, vén asestar un duro golpe ás pretensións empresariais de continuar na ría máis alá do 2018". A sentencia anula na súa totalidade o acordo que permitía a Ence eludir o control urbanístico por parte do Concello de Pontevedra,  e declara a nulidade de todas aquelas decisións adoptadas en función da súa aplicación.

Segundo a APDR "aquí radica precisamente a importancia da sentenza; entre outras cousas porque a Xunta concedeulle a Ence a AAI sen o preceptivo Informe de compatibilidade urbanística do Concello argumentando a súa innecesariedade en base ao acordo agora anulado. Neste sentido, desde a APDR esiximos a paralización do proceso de renovación da AAI a Ence e que se  inicie de novo  a  súa  tramitación,  obrigándolle á empresa –coma a calquera outra- a solicitar o informe urbanístico ao Concello".

Velaquí a importancia da manifestación de hoxe, segundo a asociación, que afirma que é "unha oportunidade inmellorábel para demostrar que non aceptamos chantaxes

Velaquí a importancia da manifestación de hoxe, segundo a asociación, que afirma que é "unha oportunidade inmellorábel para demostrar que non aceptamos chantaxes, que imos seguir loitando por todos os medios ao noso alcance para que se cumpra a lei e as decisións xudiciais e que non imos mudar o noso obxectivo, que non é outro que a desaparición do complexo Ence-Elnosa da nosa Ría e a creación de postos de traballo de calidade derivados da explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos, un desenvolvemento que  permita superar a crise económica actual e que é incompatíbel  coa presenza de industrias contaminantes na Ría".

Cartaz da manifestación © APDR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.