Masiva marcha para reclamar a devolución dos cartos das preferentes

Afectados polas preferentes en Vigo CC-BY-SA galizavideos.info

Vigo converteuse na mañá deste sábado no epicentro das protestas dos milleiros de afectados polas preferentes en Galicia. Miles de persoas chegadas de toda Galicia percorreron as rúas da cidade nunha marcha na que volveron reclamar a devolución íntegra dos seus aforros e na que tamén perticiparon colectivos como os dos afectados polas cláusulas solo, Stop Desafiuzamentos ou os emigrantes retornados que están a sufrir a campaña sancionadora de Facenda.

Afectados polas preferentes, pero tamén emigrantes retornados ou Stop Desafiuzamentos, participaron na marcha

Agora que Banesco se fixo coa propiedade de Novagalicia Banco, tras a poxa do Estado, os estafados agardan que o seu presidente cumpra co prometido. Asegurou que arranxaría o conflito en tres meses, pero nada saben aínda os 35.000 cidadáns galegos que aínda quedan afectados polas participacións preferentes e que supoñen uns 500 millóns de euros.

Por iso volveron saír á rúa, tal e como prometeran, nunha manifestación masiva por Vigo na que volveron facer soar as bucinas e na que teimaron en reclamar o que é seu. O destinatario das súas consignas e berros van claramente dirixidas ao Estado e á Xunta, pero agora sobre todo a Juan Carlos Escotet, presidente de Banesco. Ollos que ven, corazón que sente, Novagalicia engana os clientes, púidose ler nunha das numerosas pancartas que os estafados luciron na marcha caracterizada polas cores das camisetas das diferentes chegadas de todas as comarcas do país.

Unhas 35.000 persoas e uns 500 millóns de euros están pendentes aínda da solución prometida por Banesco

Foron unhas 10.000 persoas segundo os convocantes e 3.000 segundo a policia os que saíron ás rúas logo de chegar á cidade en numerosos buses. Novagalicia Banco asegura que dos máis de 75.000 clientes de produtos híbridos, case 40.000 recuperaron o 100% do investimento e case 38.000 do 71% dos cartos. Segundo os preferentistas, aínda hai 35.000 afectados que non recuperaron todos os seus aforros.

Afectados polas preferentes en Vigo CC-BY-SA galizavideos.info
Afectados polas preferentes en Vigo CC-BY-SA galizavideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.