Masiva protesta estudantil que a Xunta cualifica de "erro" e "engano"

Manifestación contra a Lomce en Vigo CC-BY-SA CIG

Éxito na xornada de folga xeral no ensino de Secundaria e Bacharelato en Galicia. O paro convocado, entre outros, pola Liga Estudantil, os Comités e o Sindicato de Estudantes -este último xa desde o pasado martes- deixou sen case actividade a maioría dos centros públicos do país, onde tamén se rexistraron 25 manifestacións que xuntaron milleiros de mozos protestando contra a Lomce e os continuos recortes en Educación que leva aplicando o Goberno do PP. Malia todo, o conselleiro de Educación da Xunta, Jesús Vázquez, cualificou a folga de "erro" e instou os convocantes a "non confundir nin enganar" a cidadanía".

Jesús Vázquez acusa os convocantes de "enganar a cidadanía"

Segundo os primeiros datos das organizacións estudantís, o seguimento do paro no ensino medio nas principais cidades acadou o 90%, aínda que foi menor nas áreas rurais. En canto á folga nas universidades, cuxos alumnos estaban convocados tamén a apoiar as protestas, as cifras sitúanse nun 70%, aínda que con seguimento desigual e moito máis acusado na de Santiago de Compostela.

"Menos sobres e máis educación", berraron os estudantes

Entre berros de "menos sobres e máis educación", "a Lomce é a lei do opus dei" ou "esta reforma ímola parar", milleiros de estudantes saíron ás rúas das principais cabeceiras de comarca de Galicia para amosar o seu rexeitamento a unha reforma educativa que cualifican de "elitista, recentralizadora e ideolóxica" e que contou co apoio de varios representantes da oposición parlamentaria en diversas cidades. As urbes volveron acoller as maiores mobilizacións, especialmente as de Santiago, A Coruña e Vigo, e en todas elas se reclamou tamén a dimisión do ministro José Ignacio Wert.

Así e todo, a Xunta volveu censurar a mobilización. "É un erro e é incongruente que os que abandonan a mesa convoquen a protesta", asegurou, no entanto, o conselleiro en referencia ás negociacións da Lomce, tamén coñecida como Lei Wert, e que recibiu tamén as críticas do profesorado e das asociacións de pais e nais. Así, Jesús Vázquz chamou a recuperar o "diálogo", xa que, ao seu entender, o que se persegue coas protestas "son outras cuestións". "As formas de actuar non son as correctas", asegurou respecto da actitude dos sindicatos estudantís.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Final da manifestación en San Caetano (Compostela) © Anova
Manifestación en Compostela Dominio Público @comitesabertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.